O clamor feminista tinxe as rúas galegas de lila e negro contra a violencia de xénero

Remate da mobilización deste 25N en Santiago Dominio Público CA

Os azos e o espírito das enormes mobilizacións feministas do pasado 8M volven ás rúas de vilas e cidades galegas contra a violencia de xénero e contra quen "mira para outro lado" cando se producen agresións

O pasado 8 de marzo foi histórico. Pola incidencia da folga feminista, pero tamén polas multitudinarias manifestacións coas que culminara aquela xornada. Os azos e o espírito daquelas enormes manifestacións volveron estar este domingo nas rúas de vilas e cidades galegas en concentracións, marchas e actos reivindicativos que culminaron toda a xeira mobilizadora das últimas semanas ao abeiro do 25 de novembro, día contra violencia de xénero.

A Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega e, xunto a elas, multitude de colectivos e asociacións locais, ademais de sindicatos e forzas políticas, botáronse á rúa este domingo e tinxiron as rúas de lila, a cor do feminismo, e tamén de negro, a da campaña contra as agresións de xénero que este ano secundan 102 municipios de todo o país. "O machismo combatémolo xuntas", berrouse en Vigo. "Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia", repetiuse en Santiago. "Nin unha menos", ecoou en Lugo ao son dos timbais chegados da Mariña.

Manifestación en Vigo / MNG

O manifesto lido ao remate da concorrida manifestación santiaguesa sinalou os agresores, pero "tamén a quen mira para outro lado" e lembrou ás mulleres que sofren violencia cada día, pero "tamén a todas esas mulleres que foron asasinadas", aos "nenos e nenas asasinados e que teñen que vivir nun día a día de violenica" e ás agredidas que "denuncian o agresor e, despois de espertar a besta, teñen que entregar as súas crianzas cada fin de semana a un maltratador".

Cabeceira da mobilización en Santiago / CC BY-SA-NC Galiza Contrainfo

Referentes históricas da loita feminista en Galicia e no mundo son sinaladas polos colectivos que este 25N se manifestaron en vilas e cidades galegas para apelar ao seu "ronsel" e, dende el, cargar contra o patriarcado en todas as súas manifestacións. Tamén na xudicial, subliñan, porque "no último ano coñecemos sentenzas que confirman que a violencia sistémica" é aínda "un desafío que debemos afrontar dende o feminismo".

Mobilización en Cangas / CC BY-SA-NC Galiza Contrainfo

"Cómpre pasar á acción", advirten, e por iso o movemento feminista galego reitera reivindicacións concretas como máis xulgados específicso de violencia de xénero, a formación con perspectiva de xénero  para todo o persoal que atende as vítimas e medidas para "o tratamento integral da violencia sexual". "Rebelión e autodefensa contra todas as violencias machistas" dende o eido educativo ata o mundo do traballo, dende as mozas ás mulleres de maior idade. "Sairemos ás rúas cantas veces faga falta e berraremos ben forte que non estamos soas, que somos moitas e que seremos máis" e mentres, tamén lanzan unha advertencia a quen "evitan pronunciarse" fronte ás agresións de xénero: "o silencio faivos cómplices".

Remate da manifestación de Lugo, ante os xulgados / Marcha Mundial das Mulleres

Neste 25N tamén continuaron en Galicia os actos impulsados dende diferentes institucións públicas. Así, na Coruña -os movementos feministas da cidade maniféstanse no serán- desenvolveuse un dos actos centrais da campaña En negro contra as violencias machistas na cidade, cunha concentración na praza de María Pita pola erradicación das violencias contra as mulleres, "amosando, ademais, o noso firme rexeitamento contra as persoas que as exercen e contra a complicidade de quen as silencia", subliñou o alcalde, Xulio Ferreiro. En Santiago a Xunta volveu organizar un roteiro baixo o lema Camiño ao respecto encabezado polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, dende o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro, onde sinalou que "Galicia non ten nada que ver coa violencia de xénero e os galegos avergoñámonos dos homes que utilizan a sen razón para asasinar ou menosprezar as súas parellas".

Acción da campaña 'En negro contra as violencias machistas', este domingo na Coruña / Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.