O CNI veta cinco traballadores de Navantia Ferrol por "deslealdade"

Un dos afectados, Xaquín García Sinde (segundo pola dereita) acompañado de representantes de PSdeG, EU e BNG Dominio Público Praza Pública

"Faranse as investigacións precisas para determinar se unha persoa, o seu cónxuxe ou parella, ou persoas vinculadas cercanas (...) demostraron, de obra ou palabra, falta de honradez, deslealdade, falta de fiabilidade, non ser de confianza, ou indiscreción". Trátase dun dos criterios de valoración da idoneidade dunha persoa, determinados polo Centro Nacional de Intelixencia (CNI), para a concesión dunha habilitación persoal de seguridade. E é neste criterio no que o propio CNI se basea para denegar a habilitación de catro ou cinco traballadores de Navantia Ferrol, que polo tanto non poderán traballar na parte militar das instalacións do estaleiro ou manexar certos documentos.

Ignacio Naveiras (CCOO), portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol e dende o pasado mércores novo presidente do comité intercentros da empresa, denuncia que é a primeira vez que se lle denega a habilitación a un traballador "sen fundamentarse o motivo". Nas notificacións oficiais entregadas a cada un dos operarios simplemente se fai referencia a que "non reúne os criterios de idoneidade" sinalados no devandito artigo na norma NS/02 da Autoridade Nacional de Seguridade Delegada, e que en consecuencia a súa presenza nas instalacións pode supor "un perigo para a seguridade nacional", como denunciou Naveiras. Porén, estes traballadores suman varias décadas de traballo en Navantia, con información sensible, e nunca foron sancionados. Naveiras criticou, así mesmo que “o Goberno non pode ampararse nun organismo secreto para non dar unha explicación ao respecto”.

"Paréceme unha barbaridade que me acusen de deslealdade a España. En que consiste iso?. Se me din que non son leal a este Goberno, pois sería certo, claro que non son leal a un Goberno que está afundindo na miseria millóns de persoas"

Un deses traballadores sinalados é Xaquín García Sinde, que este xoves compareceu ante os medios en Ferrol, acompañado de representantes de PSdeG-PSOE, Esquerda Unida, BNG e CCOO para denunciar o sucedido. García Sinde afirma que non recibiu "ningunha explicación", nin da empresa nin de ningún organismo, máis aló da simple notificación da súa non habilitación en base a esa norma. "Paréceme unha barbaridade que no ano 2014, nun Estado democrático, me acusen de deslealdade a España. En que consiste iso?", di. "Se me din que non son leal a este Goberno, pois sería certo, claro que non son leal a un Goberno que está afundindo na miseria millóns de persoas. Pero o Goberno non é España nin é o Estado", engade.

"No artigo ao que fan referencia dise que eu demostrei a miña deslealdade de obra ou palabra. Pois, señores, presenten esas probas, esas obras ou palabras miñas que me converten nun risco para a seguridade nacional", afirma. "É unha acusación moi grave, e moito máis para min, que traballo en instalacións militares. Que implicacións ten isto para min?", denuncia. "É unha acusación gratuíta, inxustificada, é un abuso de poder e de autoridade que me deixa ademais nunha situación de indefensión. Como me defendo eu disto?", di.

Xaquín García Sinde é dirixente sindical de CCOO en Navantia, militante de Esquerda Unida, formación pola que mesmo chegou a formar parte de listas electorais. "Eu, como toda a xente en Ferrol, teño claro que isto é unha represalia polas miñas ideas e pola miña militancia e o meu activismo político", sinala. "Pódenme acusar de ser moi crítico, moi de esquerdas, moi anti-PP, pero que de aí se poida chegar a dicir que hai sospeitas fundadas de que eu poida espiar para un país estranxeiro, poida sabotear un barco militar atracado nas instalacións de Navantia ou poñer unha bomba? De que se me acusa entón?", denuncia.

"Teño claro que isto é unha represalia polas miñas ideas e pola miña militancia e o meu activismo político"

"Esta é unha decisión política, do Partido Popular, porque a notificación vén asinada polo Secretario de Estado, director do CNI, que é un cargo político", afirma. "É un feito máis de todo o que estamos vendo: a criminalización de sindicalistas por loitar, a criminalización do 15M, a persecución dos escraches, a penalización do activismo..." -continúa- "tentan meter medo a todos os que rexeitamos as súas políticas e os seus recortes. É un símbolo máis da súa deriva autoritaria e da súa política de represión". García Sinde recorrerá esta decisión a través dun recurso contencioso-administrativo contra o CNI nun xulgado de Madrid.

Un dos afectados, Xaquín García Sinde (segundo pola dereita) acompañado de representantes de PSdeG, EU e BNG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.