O Co-Lab sentou as bases para a creación do primeiro laboratorio cidadán de Galicia

Unha das sesións do obradoiro Dominio Público Co-Lab

"Unha cidade está composta por persoas diferentes. Polo tanto as solucións aos seus problemas deben construírse dende diferentes puntos de vista". Marcos García, director de Medialab-Prado, botou man de Aristóteles para explicar o funcionamento dos laboratorios cidadáns, espazos de traballo conxunto de movementos sociais, universidade, administracións públicas, activista e entidades de todo tipo, para propoñer dende análises colectivas solucións prácticas a problemas que sofre a cidadanía, xerando novo coñecemento e fortalecendo as dinámicas comunitarias e asociativas.

O Co-Lab reuniu este xoves e venres na Coruña a case un cento de persoas -representantes de colectivos e a título individual- para debater a metodoloxía para a creación dun laboratorio cidadán, comezando a perfilar algúns dos seus primeiros proxectos concretos, centrados no fomento da actividade comunitaria nos barrios, a economía social, a mobilidade alternativa, a experimentación tecnolóxica ou a creación cultural dende a base. A creación do Co-Lab figura na proposta de Orzamentos municipais para 2017.

Marcos García: "Unha cidade está composta por persoas diferentes. Polo tanto as solucións aos seus problemas deben construírse dende diferentes puntos de vista"

"Os laboratorios serven para diminuír a distancia entre as persoas e as institucións, axudan a construír pontes entre o micro e o macro, fomentan a participación e amplían os círculos de persoas e entidades que participan, aumentando a súa diversidede e experimentan formatos que dan lugar a outros modelos de institución que complementen o existente", resumiu Marcos García as fortalezas destes espazos, cada vez máis habituais nas principais cidades de Europa e Iberoamérica. "Son espazos que poñen as condicións necesarias para apoiar os colectivos que traballan na cidade", engadiu, "ensínannos a traballar e aprender xuntos, facendo cousas".

Juan Freire tamén destacou este aprender facendo, ou a práctica como espazo de colaboración igualitaria entre persoas distintas: "Hai que traballar, primeiro, porque dende a acción é como aprendemos", destacando que "Hai que traballar dende a indisciplinariedade: non conta só o punto de vista do experto ou do técnico municipal, conta o punto de vista do cidadán. Todo o mundo ten cousas que achegar, e isto non é só un discurso bonito, é que é a realidade. Os problemas teñen moitos puntos de vista, os problemas non teñen unicamente unha solución técnica, senón que en función de como se analicen, pódese chegar a distintas solucións técnicas".

Antonio Lafuente (CSIC) incidiu na importancia de considerar os laboratorios como espazos abertos: "Iso quere dicir que está aberto a todos os problemas e a todas as persoas, ten que ser capaz de vertebrar colectivos moi heteroxéneos, que veñen de mundos moi distintos, con epistemes ás veces difíciles de combinar. Tomar isto en serio significa que ningunha das partes ten o dereito de pechar ningún dos temas que xorden no seu interior". "Os participantes teñen que constituírse en comunidade de aprendizaxe, para traballar colectivamente na creación de coñecementos novos. Para ser comunidade, o primeiro paso é aprender a escoitarse, aprender a vivir xuntos, deixarse afectar por unha diversidade de puntos de vista, desaprender certas cousas", engadiu, concluíndo que "os laboratorios axudan a conformar comunidades e axudan a estas comunidades a gañar forza para facerse visibles no espazo público e para poder interactuar coa administración". 

Antonio Lafuente: "Para ser comunidade, o primeiro paso é aprender a escoitarse, aprender a vivir xuntos, deixarse afectar por unha diversidade de puntos de vista, desaprender certas cousas"

Lafuente falou da necesidade “dunha cultura política nova que sexa capaz de relacionarse cos movementos sociais, de pasar da protesta á proposta, do experimental ao experiencial e da reclamación de dereitos á produción de infraestruturas”. E reclamou das institucións que "admitan que os movementos sociais, axentes de innovación, son sensores de alerta temperá dos problemas que están por vir". Lafuente reivindicou as achegas do feminismo para a discusión colectiva de problemas, o aprender facendo e a execución de solucións e chamou a imaxinar un mundo non lastrado pola tradición ou metodoloxías previas: "Se tomamos demasiado en serio a consistencia dos discursos acabamos cun resultado que só serve para a academia e non para a cidadanía". "As expectativas están construídas para ser defraudadas e só chegaremos ao mundo no que queremos vivir se o habitamos dende hoxe mesmo”, concluíu.

 

O papel das institucións

Marcos García subliñou na súa intervención que o papel que debe xogar a administración con respecto a estes laboratorios cidadáns xera habitualmente "unha gran tensión", definida pola necesidade de apoialos pero de evitar controlalos. O mesmo sinalou Pedro Jiménez (un dos impulsores do Festival Zemos98 de Sevilla): "As administracións deberían dotar de recursos a posta en marcha destes laboratorios cidadáns, pero evitando que iso se converta nunha especie de secuestro institucional, de xeito que os laboratorios fiquen nunha especie de paripé no que simplemente se contrastan ou se activan as políticas decididas pola administración". "Deben ser espazos que vaian máis aló da lóxica militante. Deben ser espazos capaces de conter o disenso proactivo e a crítica construtiva. Deben ser un dispositivo privilexiado de escoita das necesidades e propostas do ecosistema de movementos que participan nel. Ao mesmo tempo deben activar procesos que fomenten a ampliación deses círculos activos de participación", engadiu.

Pedro Jiménez: "As administracións deberían dotar de recursos a posta en marcha destes laboratorios cidadáns, pero evitando que iso se converta nunha especie de secuestro institucional"

De igual xeito, Juan Freire, demandoulles ás institucións que entendan que se está operando un cambio no que as administracións están deixando de ser o ente "que toma todas as decisións e fai as cousas como a administración e os técnicos pensan que se deben facer", para ser "unha infraestrutura, unha ferramenta que ás veces resolve os problemas, pero outras veces proporciona ferramentas para que outros os resolvan".

Tamén esixiu unha cultura de participación máis avanzada: "A participación converteuse en algo que fica no nivel do debate, case sempre simplificada ata o extremo: podemos exemplificalo en que a institución decide que se fai unha praza e os cidadáns votan a cor dos bancos". De igual xeito, Nagore de los Ríos, experta en Goberno Aberto, salientou que "non hai que facer pedagoxía, ao cidadán non hai que educalo, o cidadán é moi maduro e sabe o que ten que facer. Ninguén vai participar en todo porque si". E subliñou que "isto de abrir preguntas e procesos participativos ao chou non serve, despois é normal que os resultados sexan os que son". "A participación non é doada, hai que saber facela ben, a clave está en saber localizar as persoas que teñen un interese real en participar, porque son temas que lles interesan", concluíu.

Nagore de los Ríos: "Montar un portal de datos abertos sen moito contido e darlle bombo non é facer transparencia, é facer marketing político. Ser transparente é facer políticas públicas que fomenten de verdade a transparencia"

Unha participación ligada a unha maior transparencia: "Cando falo de transparencia, falo de transparencia de verdade. Para min montar un portal de datos abertos sen moito contido e darlle bombo non é facer transparencia, é facer marketing político. Ser transparente é facer políticas públicas que fomenten de verdade a transparencia: que se expliquen en primeira persoa o porqué das decisións, que se acheguen ao cidadán e conseguir que o cidadán reutilice estas informacións, as faga súas, que poida participar de verdade", engadiu.

 

Intervención de Antonio Lafuente (CSIC) Dominio Público Co-Lab
Marcos García Dominio Público Co-Lab
Intervención de Nagore de los Ríos Dominio Público Co-Lab
Foto de grupo dos e das participantes Dominio Público Co-Lab

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.