O Concello non desbota que a Igrexa se apropiase de máis terreos municipais na Coruña

Praza ante o centro parroquial no Barrio das Flores da Coruña © arquitecturadegalicia

O Concello non descarta que a Igrexa se apropiase de máis terreos municipais na Coruña. Logo de que a administración local lle reclamase xa ao Arcebispado de Santiago que rectifique a inmatriculación que fixo de parcelas "de dominio público municipal", fontes de María Pita ven "probable" que se atopen máis casos. "Pódense encontrar máis", advirten, despois de que o departamento de Patrimonio detectase máis de 1.300 metros cadrados de terreo colindantes a tres centros parroquiais rexistrados polas autoridades eclesiásticas malia ser áreas propiedade da administración local.

O Concello non descarta atopar máis terreos rexistrados pola Igrexa que en realidade son de dominio público municipal

A Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello enviou o pasado luns ao Arcebispado unha circular na que "insta" a Igrexa "á rectificación voluntaria da inmatriculación" de tres terreos ao seren de propiedade municipal e estar rexistrados no catastro como se fosen da autoridade eclesiástica. A Arquidiocese, pola contra, asegura que os terreos que lle reclama o Concello son da súa propiedade e aclara que que "a documentación sobre o inventario que obra en poder do Arcebispado acredita, en calquera caso, a titularidade eclesial dos terreos dos tres templos".

As reclamacións refírense a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente."Son tres casos bastante chamativos, pero iso non quere dicir que non haxa máis. A área de Patrimonio está levando a cabo moitas tarefas, entre elas a actualización do patrimonio xeral municipal, e a medida que vai detectando algunha eiva, comunícaa", aclara Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda.

A Igrexa inmatriculou indebidamente, segundo o Concello, máis de 1.300 metros cadrados de terreo

O Concello coruñés dá un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado de Santiago quince días para presentar alegacións. No caso de non haber resposta, a administración local acudirá á vía xudicial. 

O Arcebispado, consultado por este diario, aclara que "no caso dos adros dos dous templos da Cidade Vella, é evidente que ambos os dous espazos son de uso público, pero de titularidade eclesial", mentres que no que se refire ao templo da Resurrección, no Barrio das Flores, asegura que "os rexistros de propiedade eclesiástica circunscríbense única e exclusivamente á edificación parroquial, sen que se rexistrase praza ningunha, tal e como aparece nas informacións".

O Arcebispado esgrime que é propietario dos terreos que reclama o Concello e que o seu "inventario" acredita que pertencen á Igrexa

En todo caso, todo parece indicar que esta inmatriculación indebida de terreos municipais por parte da Igrexa xorde dunha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar, que lle permitiu en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas. Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades en todo o Estado ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba.

Unha reforma de hai poucos meses desta lei hipotecaria eliminou este privilexio á Igrexa, pero sen carácter retroactivo, o que provocou as protestas de numerosos colectivos, que levaron o caso ao Parlamento Europeo. Sexa como for, no caso da Coruña, o Concello insta á rectificación da Igrexa ao comprobar que os bens que aproveitara para inmatricular non eran en realidade seus, senón de dominio público.

Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana na Coruña © Concello da Coruña
Praza ante o centro parroquial no Barrio das Flores da Coruña © arquitecturadegalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.