O Consello de Bioética de Galicia evidencia o fracaso dos coidados públicos ás persoas anciás vulnerables

Detalle das mans dunha persoa anciá Dominio Público Xunta

Mercedes, 76 anos. Foi toda a súa vida veciña de Moaña e leva quince anos viúva. Ten unha filla, Inés, que está separada e traballa en Vigo nunha panadaría, onde cobra un salario que "apenas lle permite chegar a fin de mes" e sacar adiante os seus dous fillos. Chama á nai a diario e vaina ver unha vez á semana, cando o traballo llo permite. Mercedes padece de tensión alta e dores de ósos provocados pola artrose e osteoporose. Unha veciña adoita "estar pendente" dela e axúdaa en actividades cotiás como acudir ao ambulatorio.

Mercedes, de 76 anos, vivía soa ata que unha caída provocada por un ictus a tornou en "totalmente dependente" e foi enviada de urxencia a unha residencia a 160 quilómetros da súa única filla

Esta era a situación, máis ou menos estable, ata que Mercedes caeu na casa. A veciña é quen relata ao médico que non é a primeira vez que sucede, que os seus problemas de mobilidade se incrementan case ao mesmo ritmo que os seus esquecementos de actividades cotiás como apagar o lume da cociña. O doutor tamén acredita ese deterioro e explícalle a Inés, a filla, quen tivo que pedir permiso no traballo para poder acudir ao centro de saúde, que a nai xa non está para vivir soa. Pero Mercedes négase a marchar da súa casa e a filla non ten cartos para sufragar unha axuda a domicilio que a pensión da anciá, de 639,30 euros, tamén converte en inasumible.

Manifestación de maiores en Rianxo para esixiren á Xunta un centro de día, finalmente asumido polo Concello

A historia de Mercedes seguiu despois os pasos de moitas outras. Unha conversa da filla coa traballadora social do Sergas permitiulle acceder a unha axuda domiciliaria de dúas horas diarias que se revelou como insuficiente cando, pouco despois, a anciá volveu caer. Desta volta, foi ao chan durante a noite e permaneceu tirada durante horas ata que, pola mañá, a veciña se decatou e deu aviso ao 061. Sufrira un ictus e rompera a cadeira, problemas físicos que se suman a un evidente deterioro cognitivo. Tras un mes de hospitalización tornara en "totalmente dependente", era tan imposible que vivise soa como que a filla puidese atendela: non podía renunciar ao traballo e o seu escaso soldo non chegaba, nin de lonxe, para pagar unha residencia privada. 

A imposibilidade de acudir de inmediato ao hospital provocou que a filla non dese chegado antes de que Mercedes falecese

Nesta situación, Inés logrou que lle desen de urxencia á súa nai unha praza nunha residencia pública que non estaba en Vigo nin na súa contorna, senón na provincia de Lugo, a 160 quilómetros. Alí levaba uns meses residindo a anciá cando unha hernia abdominal obrigou a trasladala a Urxencias dun hospital. Estivo ingresada dous días e, tras ser dada de alta, tivo que volver aos tres días, tamén de emerxencia. Estaba moi grave. O Sergas contactou coa residencia de maiores e esta, coa filla de Mercedes, quen non tiña maneira de chegar dende Vigo ata a mañá seguinte. A seguinte chamada que recibiu Inés foi para pedirlle autorizar a sedación de Mercedes, que morreu dúas horas despois, antes de que a filla dese chegado.

Coidar dos maiores, unha "responsabilidade do conxunto da sociedade"

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita recente a unha residencia de maiores en Ribeira de titularidade privada con prazas financiadas pola Xunta / Xunta

O caso de Mercedes é unha das seis realidades que o Consello de Bioética de Galicia achega no seu informe Ética, vulnerabilidade e ancianidade, feito público nos últimos días de outubro. Con feitos coma estes ou como os padecidos por Francisco e Carmen, matrimonio de octoxenarios sen fillos; por Carlos, ancián de 79 anos sen familia e tutelado pola Xunta tras ser incapacitado ou por Teresa, expulsada da residencia de maiores na que vivía por padecer unha infección, o ente que vela polo cumprimento dos valores éticos na atención sociosanitaria do país lanza unha alerta. A do fracaso dos coidados públicos para poboación anciá en situación de vulnerabilidade e sen rede familiar nin recursos económicos dabondo que aseguren o seu benestar no treito final da vida.

O Consello de Bioética sinala o caso de Mercedes como exemplo da necesidade de que as residencias públicas estean preto da contorna dos anciáns

A asistencia sanitaria, constata o Consello, aínda non pasou dun "deseño para pacientes agudos" a unha atención continuada para maiores que coordine a vertente sanitaria coa social. Mentres, "os cambios dos modelos de convivencia e as crecentes dificultades das familias e das persoas achegadas" non fan máis que incrementar a cifra de persoas anciás para as que os centros residenciais son "a mellor ou única opción fronte ao domicilio propio". Todo isto, subliña, "aconsella que o coidado" destas persoas "sexa asumido como unha responsabilidade do conxunto da sociedade e non exclusiva da súa contorna inmediata", isto é, de familiares que nos máis dos casos son mulleres, "en correspondencia cunhas expectativas sociais non escritas acerca de quen debe coidar".

A Xunta, di o Consello, debe "planificar unha asistencia sanitaria das persoas anciás en consonancia coa realidade demográfica de Galicia"

Este é o contexto no que o Consello de Bioética achega recomendacións que van dos casos particulares ás políticas de fondo. Así, por exemplo, insta a Xunta a evitar que as prazas residenciais públicas estean a centos de quilómetros das residencias habituais das persoas anciás. "Se o ingreso urxente é nun lugar afastado", recomenda, deberíase "xestionar o achegamento canto antes para evitar os riscos da deslocalización".

Evitaríanse así casos nos que a conexión habitual coa familia torna en inviable mentres a persoa ingresada perde todo o contacto coa súa contorna e amizades. O Goberno galego, agrega, debe "planificar unha asistencia sanitaria das persoas anciás en consonancia coa realidade demográfica de Galicia, que poña especial énfase na atención primaria, domiciliaria e hospitais de día", pero tamén na "vulnerabilidade da persoa coidadora como parte esencial da asistencia sanitaria da persoa anciá".

Outras advertencias e plans da Xunta

Esta advertencia do Consello de Bioética chega poucos meses despois de que o Consello de Contas evidenciase os efectos dos recortes dos últimos anos sobre a atención a persoas maiores residentes en centros públicos. O crítico informe evidenciaba que a Consellería de Política Social aforrara en persoal non cubrindo ausencias como baixas e vacacións, pero tamén deixaba claro o déficit de prazas públicas en residencias de anciáns nun contexto, o galego, no que os datos do IMSERSO acreditan unha primacía esmagadora das residencias privadas, cuxo custo mensual practicamente duplica o importe das pensións de xubilación máis comúns en Galicia.

A Xunta anunciou nos últimos meses novas subvencións a prazas en residencias privadas e subliña que prevé construír unha residencia pública en cada unha das sete principais cidades

As residencias privadas, precisamente, son o eixo que vertebra un dos plans máis recentes de Política Social, o chamado Bono Autonomía. Esta medida, presentada pouco antes de que José Manuel Rey Varela abandonase a Consellería, foi dotada inicialmente con 6 millóns de euros e consiste en cofinanciar prazas privadas para persoas anciás que estean en lista de espera para acceder a unha residencia pública mediante a lei de dependencia.

A Xunta vén reiterando nos últimos meses que prevé paliar a carencia de prazas públicas mediante a construción dunha residencia pública de maiores en cada unha das sete principais cidades galegas. Estas sete residencias sumarán unhas 900 prazas, segundo os cálculos do Goberno nas sucesivas presentacións destas residencias, cuxa tramitación avanzou nos últimos meses, se ben a construción aínda non comezou en ningún dos sete casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.