"O do Sergas cos abortos terapéuticos tamén é maltrato, violencia obstétrica e institucional"

Concentración ante a Audiencia Provincial da Coruña Dominio Público Praza Pública

A condena ao Sergas por arriscar a vida dunha paciente que mandou a abortar a Madrid incide na mala praxe ou desatención que os servizos sanitarios galegos levan a cabo cos abortos terapéuticos, interrupcións do embarazo inducidas por razóns médicas e pasadas as 14 semanas. Foron moitas as mulleres que denunciaron, de maneira máis ou menos pública, unha situación que saltou á luz hai agora oito meses pero que levaba tempo ocorrendo. Daquela, a xerencia da área sanitaria da Coruña asumiu que as persoas que se atopaban no segundo trimestre de xestación non eran atendidas coas mesmas garantías que nun parto, logo de que se denunciasen mesmo expulsións de fetos nun baño e sen atención médica. Afectadas doutras zonas, como A Mariña ou Ferrolterra, insistiron con testemuños e demandas das eivas sufridas ou na imposición do desprazamento a Madrid por parte de Sanidade para levar a cabo o aborto euxenésico ao non haber alternativa en Galicia. O duro e contundente ditame xudicial e a multa á Xunta reaviva un caso que reactivou xa a Fiscalía da Coruña.

"Estamos satisfeitas de que haxa unha sentenza tan dura e tan explícita; o Sergas vulnera a lei", di Chus Díaz, psicóloga clínica do COF da Coruña

"Estamos satisfeitas de que haxa unha sentenza tan dura e tan explícita; o Sergas vulnerou a normativa e saltouse moitos aspectos da lei", di Chus Díaz, psicóloga clínica do Centro de Orientación Familiar (COF) da Coruña e coñecedora de moitísimos casos de mulleres que sofren as eivas do sistema sanitario público galego. Todos os que abranguen a súa zona pasan polo seu departamento. "Atópanse en situación de desamparo total; están desprotexidas e fáiselles moito dano", advirte. 

A sentenza non só impón unha multa de 270.000 euros tras unha conduta neglixente, senón que acusa o Sergas de "dar paus de cego" e de "desatenderse da situación da recorrente e derivala a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do problema". Xusto o que leva denunciando meses a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) e numerosas mulleres. "É un fracaso estrepitoso do sistema", insiste o xuíz, coincidindo nas críticas de oposición e colectivos feministas varios. 

A sentenza denuncia o "fracaso estrepitoso do sistema" e incide nas críticas de colectivos feministas e afectadas

"Fálase moito da violencia de xénero, pero para a sociedade esta só existe se hai maltrato físico ou psicolóxico ou feminicidio, pero isto que ocorre cos abortos é maltrato, un tipo de violencia de xénero que ten nome: violencia institucional e obstétrica... E estámola a sufrir por parte das administracións", di con dureza Díaz, membro tamén da PGDA, que repasa a situación en Galicia. 

"Isto tamén é maltrato, é violencia de xénero, institucional e obstétrica e estámola a sufrir por parte das administracións"

Na actualidade, no Materno Infantil da Coruña, xa non se practican estes abortos. "Os profesionais negáronse ante a falta dun protocolo axeitado", aclara. Iso, di, ten unha parte positiva: "que os sanitarios dixesen que até aquí chegaron". Pero tamén unha negativa: "as mulleres son derivadas a Madrid", á clínica privada coa que a Xunta mantén convenio. Non pasa en todas as áreas sanitarias galegas, "pero vai cambiando". "Hai hospitais onde non se practicaban e agora si e ao revés", engade. A alternativa de non interrompérselle o embarazo a unha muller por razóns de saúde dela ou do feto: unha viaxe de 600 quilómetros, con todos os problemas que iso provoca e os recortes nas axudas por parte da Administración

En Galicia, non hai ningunha clínica privada que teña autorización para facer abortos con máis de 14 semanas de xestación. Pódense trasladar casos dunha área sanitaria do Sergas a outra e evitar así o desprazamento a Madrid? "Cada hospital cobre a zona que lle corresponde; de aceptar un caso, terían que asumir todos aqueles que non son atendidos na súa área. Se, teoricamente, non hai risco por derivala, a muller acaba en Madrid; só no caso de habelo o Sergas tería que asumir o caso", explica Díaz, que advirte dun caso no país onde a falta de garantías nun centro alleo á rede pública obrigou a derivalo de novo ao Sergas. 

En Galicia, ningunha clínica privada ten autorización para facer abortos terapéuticos: a alternativa ao Sergas é ir a Madrid

Tal e como se pode comprobar na devandita sentenza, sobre un caso acontecido en 2012, isto non é sempre así. A muller correu un grave risco e quedou sen útero tras ser trasladada a Madrid. E tivo que ser atendida finalmente nun hospital público. Nese caso, e noutros moitos, segundo di, incúmprense a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

No seu artigo 19 garante o acceso á prestación "a todas as mulleres por igual con independencia do lugar onde residan" e que a interrupción voluntaria do embarazo "realizarase en centros da rede sanitaria pública ou vinculados á mesma". Ademais, garante o dereito á obxección dos profesionais pero aclara que se, "excepcionalmente" o servizo público non puidera facilitar a prestación, "as autoridades sanitarias recoñeceranlle á muller embarazada o dereito a acudir a calquera centro acreditado no territorio nacional, co compromiso escrito de asumir directamente o abono da prestación". Pero teñen que adiantar os cartos e desprazarse polos seus medios. 

A lei aclara que en caso de anomalías fetais graves o aborto "realizarase preferentemente en centros cualificados da rede pública"

Agora ben, pon unha excepción: as intervencións nos casos nos que "se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida" ou cando "se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do diagnóstico". Nese caso, a interrupción "realizarase preferentemente en centros cualificados da rede sanitaria pública". No caso condenado pola Xustiza, acabou sendo así logo de múltiples neglixencias e erros que provocaron demasiadas consecuencias na saúde da afectada. En moitos outros, os protocolos non existen ou son saltados. 

"Hai un incumprimento da lei en case toda Galicia", insiste Chus Díaz, que advirte que no caso -máis grave aínda- que ten que ver coa condena á Xunta os incumprimentos legais son varios e variados. "Intolerable e inxustificado". Tamén lembra que "a obxección de conciencia que poidan facer os profesionais nunca pode menoscabar o acceso á prestación e a calidade asistencial". "Como profesionais hai que valorar se podemos derivar unha persoa a unha privada ou non porque, moitas veces, esa clínica tampouco ten os medios técnicos que se lle esixen ao caso", explica.

"A obxección de conciencia que poidan facer os profesionais nunca pode menoscabar o acceso á prestación e a calidade asistencial" 

A psicólogo clínica do COF da Coruña, afeita a ver xa numerosos casos de "desamparo" das mulleres, agarda que a Fiscalía acabe por investigar para que "de algún xeito, a Administración se faga responsable e oferte unha atención digna". A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto achegou os datos concretos de mulleres afectadas que requiría o Ministerio Público, pero hai moitos máis que non saen á luz nin son denunciados en ningures. Tras ser denunciada a situación no Parlamento, o Goberno galego tamén dixo que abrira unha investigación e que todo era correcto, malia que o propio Sergas recoñecera eivas, cando menos, na área sanitaria da Coruña. 

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.