"O espazo urbano estase a converter nun produto máis do que obter beneficio sen importar o ben común"

Instalación de escaleiras mecánicas en Vigo © http://www.doblefila.org/

A xentrificación pode ser definida como "un proceso de transformación urbana que dá lugar á rexeneración e rehabilitación de barrios degradados e abandonados provocando o desprazamento da poboación orixinal por outra de maior poder adquisitivo". O concepto vaise instalando progresivamente na nosa linguaxe, o mesmo que as prácticas que define se estenden nos centros urbanos. Quen prefira evitar esta (aínda exótica) palabra pode optar por algúns dos conceptos que, sumados e en sucesión, que lle dan forma ao proceso: abandono, estigmatización, especulación, expulsión e revalorización, como lembra o colectivo Xentrificación Vigo.

En marzo celebraranse na cidade olívica as primeiras xornadas dedicadas a analizar os procesos especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, que se van desenvolver no C.S. A Revolta do Berbês (rúa Real,12), organizadas polo colectivos Xentrificación Vigo, GAS, LAPSUS e a ODS-Coia. As sesións celebraranse o venres 6 e sábado 7 e o venres 13 e o sábado 14, coa participación de Juan Medela, do Grupo de Estudos Antropolóxicos La Corrala de Granada e unha atención ao caso de Barcelona, coas proxeccións dos documentais "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" e "Bye bye Barcelona". Así mesmo, presentarase o fanzine Xentrificación. Transformación e exclusión social na zona vella de Vigo e realizarase un Obradoiro de mapeo colectivo.

O obxectivo das xornadas é ser un "punto de encontro e de posta en común para repensarmos, desde o colectivo e dun xeito crítico, os procesos de transformación social e urbana que están acontecendo no centro histórico da nosa cidade". Uns procesos "que están a provocar a expulsión e marxinalización de colectivos sociais presentes no barrio durante anos, asi como a suba dos prezos das vivendas e dos alugamentos, ademais da comercialización e turistificación da maior parte do barrio", destacan os impulsores do colectivo Xentrificación Vigo, con quen falamos.

Nos últimos meses asistimos en Vigo varios exemplos de actuacións que podemos sinalar coa etiqueta da xentrificación ou da construción dun modelo capitalista de cidade. Poderiades explicalas?

No caso da zona vella pódese observar un proceso de xentrificación, pois existe por parte das institucións un claro interese en realizar un lavado de cara do barrio histórico da cidade. O fin último desta nova posta en valor é facer que resulte máis atractivo o espazo urbano cara ao turismo e o comercio, e por ende, ao investimento inmobiliario privado pola revalorización das propiedades ao poñerse o barrio de moda. Así, vemos como a través das institucións (neste caso o Consorcio Casco Vello, formado nun 90% co capital da Xunta e nun 10% do concello de Vigo) actúase como primeiro actor na rehabilitación do barrio, facendo que resulte atractivo o investimento privado por parte de propietarios e promotoras inmobiliarias.

Xunto a isto aplícanse medidas de expulsión de colectivos sociais, tal coma estamos vendo nestes últimos anos: expulsión do colectivo xitano mediante a compra das súas vivendas, expulsión das prostitutas da Ferrería mediante a compra de prostíbulos, peche no barrio do local Sereos de atención a persoas drogodependentes e sen teito, a expulsión dos colectivos de menor poder adquisitivo por mor da subida do aluguer ou pola rehabilitación das vivendas (migrantes, xente maior, etc). Isto lígase ademais co aumento da presenza policial en prazas e rúas do barrio co fin de asoballar, a través de identificacións e multas, estes mesmos colectivos. Seica sonlles molestos aos comerciantes e empresarios da zona, como ben deixan saber os medios de información de maior tirada da cidade. Proceso semellante, aínda que cunha escala moito menor, pódese observar no centro histórico de Bouzas, orientado máis á remodelación de vivendas e locais de hostalaría.

En canto ao referente da construción da cidade seguindo un modelo capitalista podemos entender este proceso como todas esas actuacións que só perseguen especular e sacar proveito a través das promocións inmobiliarias, e dicir, que a cidade se pense seguindo só criterios especulativos. Un bo exemplo a nivel urbanístico é o actual proceso especulativo no barrio do Cura, máis rechamante ca outros tanto pola centralidade do espazo que ocupa como polo seu alto valor patrimonial. Nestes casos son as promotoras inmobiliarias as que fan cidade co fin de obter o maior beneficio posible, as cales contan con todas as facilidades da administración para levar a cabo estes proxectos que non responden a necesidades sociais, nin están ao servizo da cidadanía. En termos comerciais, son bos exemplos o proxecto de Porto Cabral, o centro comercial A Bandeira no Calvario, os centros comerciais proxectados no barrio do Cura ou na futura estación do AVE (parados ambos proxectos por mor da crise) ou a creación das figuras dos Centros Comerciais Abertos (zona vella e Príncipe), onde priman máis os intereses económicos para os comerciantes e empresarios que os servizos e infraestruturas sociais para os habitantes do barrio. Outro exemplo foi o proxecto de abrir Vigo ao Mar, que rematou coa construción dun megacentro comercial no mesmo porto de transatlánticos, fechando máis se cabe Vigo ao mar, co fin de darlle un servizo de consumo aos turistas que se achegan a cidade en barco.

"En termos comerciais, son bos exemplos o proxecto de Porto Cabral, o centro comercial A Bandeira no Calvario, os proxectados no barrio do Cura ou na futura estación do AVE, onde priman máis os intereses económicos para os comerciantes e empresarios"

Por outra banda, tamén son salientábeis outros proxectos como o auditorio Mar de Vigo, unha mole de formigón en Beiramar xunto a un hotel de congresos, que se atopa no borde da quebra por parte da concesionaria e cuxos gastos terán que ser respondidos polo erario público, ou ben o proxecto da estación do AVE, que ademais de elitizar un transporte público que se esquece das conexións de aproximación, deixará un bo terreo das antigas vías do tren nas que poder especular en anos futuros.

Son unha mostra, en conxunto, de que efectivamente se trata da imposición dun modelo e non só dunha ou de varias actuacións illadas?

No caso da construción de cidade capitalista pensamos que máis que unha imposición dunha estratexia, é unha visión neoliberal de entender a urbe que se traduce nun modelo de facer cidade a través de múltiples actuacións relacionadas, nas que se está a converter o espazo urbano nun produto máis do que obter beneficio sen importar o ben común ou facilitar outras practicas comunitarias. En definitiva, trátase da aplicación dun modelo centrado na imaxe e no potencial turístico e comercial da cidade.

"Estase a converter o espazo urbano nun produto máis do que obter beneficio sen importar o ben común ou facilitar outras practicas comunitarias"

No caso do zona vella, onde está tendo lugar o proceso de xentrificación evidente, si que existe un modelo deseñado previamente, cun órgano central de actuación (o consorcio casco vello) cuxos obxectivos son claros: dinamizar a zona cara ao turismo e ao comercio, creando unha identidade de barrio baseado no consumo, no ocio dirixido e no turismo, expulsando todos os colectivos “non desexados” e levando a cabo procesos de especulación inmobiliaria para acadar eses obxectivos. 

Percibides nos últimos tempos unha maior sensibilidade na sociedade viguesa cara a estas problemáticas? Ou o discurso do embelecemento de espazos, da atracción turística e da promoción económica segue primando?

Con certeza nestes últimos tempos tivo lugar un aumento de concienciación, interese e sensibilización por parte da sociedade de Vigo en relación co xeito no que se está a desenvolver as políticas urbanísticas, sobre todo no tecido social máis activista. Mais tamén é froito do labor feito durante os últimos anos por diversos colectivos e iniciativas. Así, cabe destacar a nivel de patrimonio e especulación o traballo realizado por Precarias en Loita alá polo 2006-2009, a okupación do Barrio do Cura no 2011, colectivos como Entremos na Panificadora ou Tankcolektiv, a xente de VigoBlog, a campaña de Recuperemos os Barrios de Ecoar no 2014, as xornadas de Dereito á cidade realizadas no Bou Eva no 2014 e mesmo o traballo do colectivo Xentrificación Vigo que estamos a desenvolver neste ultimo ano e medio. A nivel máis social e de loita contra a pobreza son salientábeis colectivos como como O Iman, ODS-Coia, A parroquia de crista da Victoria, etc. Seica o traballo destes grupos axudou a que hoxe en dia se teña maior sensibilización.

"Obras coma as escaleiras mecánicas da Porta do Sol, o proxecto de Vigo Vertical ou o barco de Coia si que abriron e crearon un discurso máis crítico cunha maior transcendencia a nivel da sociedade viguesa"

Tamén as políticas de humanización e embelecemento da cidade foron máis que evidentes nestes últimos anos, levándose unha parte elevada dos orzamentos municipais, ao mesmo tempo que os servizo sociais da cidades diminuíron notabelmente (chegando a manifestarse os propios traballadores sociais do concello). Seica as mudanzas de beirarrúa non colocaron o debate nun punto central, mais obras coma as escaleiras mecánicas da Porta do Sol, o proxecto de Vigo Vertical ou o barco de Coia si que abriron e crearon un discurso máis crítico cunha maior transcendencia a nivel da sociedade viguesa. Mais coma sempre, estas disputas non fan mais que bipolarizar o debate na sociedade.

Cara a onde se encamiña o casco vello de Vigo? Que alternativa inclusiva e que teña en conta os seus actuais habitantes se podería opoñer para a recuperación do barrio?

Dende o noso punta de vista, a zona vella de Vigo encamiñase a un barrio orientado ao sector servizos, como o turismo, o ocio e o consumo dirixido. Nel pódense facer dúas divisións. Por unha banda, a zona do eixo formado por A Laxe-Praza da Constitución-rúa Real, orientada máis a hostalaría, ocio e turismo, e  por outra a Ferrería, orientada máis a un consumo con tendas moi especializadas ou a sectores con profesións máis liberais (oficinas, coworking, etc). Tamén potenciase o atractivo turístico con obras como a construción do edificio Cambón (centro de interpretación das illas Atlánticas), a pinacoteca Fernando del Riego, centro galego de fotografía etc Por outra parte, están orientando ao barrio a un sector servizos ligado mais coas administracións (como os rexistros da propiedade, o edificio da UNED, o edificio de facenda de Servizos de Notificacións e Embargos).

"A zona vella de Vigo encamiñase a un barrio orientado ao sector servizos, como o turismo, o ocio e o consumo dirixido"

As medidas alternativas terían que pasar polo filtro de entender a cidade dende o colectivo. Unha nova praxe na que a cidade se entenda coma un ben común no que a súa construción fose un proceso participativo entre todos os actores e sectores sociais. Isto é un proceso que debe de ser construído e argallado entre todas. Mais a nivel institucional poderíanse estabelecer pisos de protección de aluguer social (agora son de promotoras privadas que buscan un beneficio, ou ben Vivendas de Promoción Privada de Réxime Concertado, que son as que están a construír o consorcio Casco Vello. As vivendas de réxime concertado son aquelas vivendas de protección oficial cuxo prezo é o mais elevado de todas as categorías existentes, sendo o promotor inmobiliario un ente privado).

"As medidas alternativas terían que pasar polo filtro de entender a cidade dende o colectivo. Unha nova praxe na que a cidade se entenda coma un ben común no que a súa construción fose un proceso participativo entre todos os actores e sectores sociais"

Por outra parte poderíase desenvolver programas de atención social por medio de traballadores e educadores sociais a pé de rúa, así como ferramentas para facilitar o intercambio, o encontro veciñal e prácticas propias da economía social. Tamén poderían aplicar medidas orientadas a fixar os residentes actuais, así como partidas de axudas para arranxar as vivendas actuais e non chegar ao estado de abandono que presentan moitas delas na actualidade, obrigando os seus residentes a marchar pola incapacidade de facer fronte aos arranxos (un exemplo actual disto é a fachada da Ribeira do Berbés) ou favorecer por outra banda vivendas de construción cooperativista.... En definitiva deberíase pensar o barrio para as residentes e non para os potenciais turistas e consumidores.

A instalación do barco en Coia é un elemento máis de política que entende a cidade como escaparate, como espazo privado?

Por suposto, ademais de ser un exemplo máis das políticas caciquís coas que se goberna a cidade. Non deixa de ser un exemplo máis que responde a un intento de embelecer a cidade, orientada soamente cara á galería e con claras intencións electoralistas e populistas. Priman así as actuacións de reforma (como as escaleiras mecánicas, os ascensores de Vigo Vertical) que non responden a unha necesidade nin demanda real por parte da sociedade viguesa, existindo outras solucións ante os problemas desta cidade. Namentres, por exemplo, a cidade carece dun transporte público eficaz e competente. A instalación do barco de Coia non responde tanto a unha privatización do espazo da cidade, pois é a propia institución pública quen leva a cabo a actuación, mais si que se fai coa visión de cidade escaparate, de embelecer a cidade escondendo as problemáticas que hai dentro desta capa de maquillaxe. E máis nun barrio como Coia, que conta coa sorte de ter un movemento veciñal de base que soubo dar unha resposta contestataria a instalación do barco, cousa que non acontece noutros barrios pola desarticulación dos movementos veciñais.

[A instalación do barco en Coia] "responde a un intento de embelecer a cidade, orientada soamente cara á galería e con claras intencións electoralistas e populistas"

Ademais das accións urbanísticas ou construtivas materiais, son importantes outras medidas de exclusión e privatizacións de espazos baixo a escusa ou da creación de certas marcas cidade? Está a producirse isto en Vigo tamén?

Si, son necesarias outras medidas e políticas co fin de crear esta marca cidade. Poden ser exemplo as políticas que apostan por un modelo único de consumo dirixido co fin de tercializar a cidade ou o estabelecemento dos Centros comerciais Abertos. Isto responde a políticas previas que axudan ao lavado de cara do barrio alén da súa rehabilitación física, e por ende á creación dunha marca de cidade. De feito, a filosofía do Consorcio Casco Vello é a de remodelar o barrio fisicamente a través de construcións de novas vivendas, locais comerciais e infraestruturas varias (museos ou edificios institucionais), para que a posteriori teña lugar a rexeneración social do barrio. Pero que pasa con toda esa poboación que vivía alí ou facía uso do barrio? Pois que son expulsados ou desprazados durante o proceso de remodelación.

"Trátase de mellorar a imaxe subxectiva da cidade co fin de agradar ao visitante ou ao consumidor"

Tamén é un factor importante o tema da promoción turística, onde por exemplo as illas Cíes xogan un papel principal. Nos últimos vídeos promocionais da cidade, Vigo véndese como un espazo verde e natural, grazas a promoción das illas Cíes, que son un dos motores de atracción turística da cidade (alén dos transatlánticos). Un exemplo disto é que dende o Concello se argallou a proposta de apertura das illas Cíes todo o ano, co fin de atraer turistas en todas as estacións. Por iso tamén o esforzo de rehabilitar a zona vella polo filón económico que supón a chegada de visitantes. Trátase de mellorar a imaxe subxectiva da cidade co fin de agradar ao visitante ou ao consumidor.

No referente ao proceso de marketing da cidade ao exterior con megaeventos son exemplos a Volvo Ocean Race ou os intentos de facer Vigo sede da Universiada no 2013, que levaron grandes orzamentos de diñeiro público co fin de promover a cidade e levar a cabo procesos urbanísticos especulativos.

"Escolleuse a experiencia Barcelona por ser un bo exemplo para entender estas dinámicas a gran escala e por ter unha resposta contestataria traballada durante anos"

A experiencia de Barcelona terá unha presenza destacada nas xornadas. Que podemos aprender -bo e malo- da experiencia barcelonesa?

Escolleuse a experiencia Barcelona por ser un bo exemplo para entender estas dinámicas a gran escala e por ter unha resposta contestataria traballada durante anos (ademais dos numerosos documentos e materiais que se poden atopar sobre o modelo Barcelona). Entre as experiencias positivas que se poden aprender atopamos as loitas veciñais de oposición e reivindicación a diversos proxectos especulativos. Aprender de outras experiencias de traballo en rede é moi útil á hora de dar unha contestación, aínda que sexa dende outras realidades políticas e sociais, como pode ser aquí na Galiza, máis as problemáticas en cuestión están determinadas polo mesmo xeito liberal de entender a cidade.

Entre o malo que podemos aprender están as consecuencias de aplicar un modelo neoliberal, onde todo pasa polo filtro do consumo e da especulación, onde prima a limpeza e control social sobre o propio ben común e social. O caso 4F pode ser un exemplo de gran transcendencia. Aquí podemos atopar tamén esta represión a través das identificacións e redadas racistas a manteiros na zona do Porto ou as acusacións penais a dous activistas durante a loita do barco de Coia.

"Parécenos interesante empregar dinámicas de mapeo colectivo co fin de identificar e sintetizar dun xeito grupal as problemáticas dun territorio, cidade ou barrio"

Que importancia teñen os mapeos colectivos, dos que se realizará un obradoiro nas xornadas?

Parécenos interesante empregar dinámicas de mapeo colectivo co fin de identificar e sintetizar dun xeito grupal as problemáticas dun territorio, cidade ou barrio. Poderiamos consideralo unha ferramenta máis para a reflexión, que axude á participación e á creación dun ideario colectivo de resistencia. Dun xeito sinxelo pódense realizar dinámicas que axuden ao entendemento dos diferentes procesos do actual xeito de facer cidade e as súas consecuencias. Por outra banda é unha práctica que favorece os intercambios de saberes e a aprendizaxe mutua entre todas as participantes, grazas a que os mapeos colectivos pretenden ser un espazo para a sociabilización e o debate, deixando unha porta aberta a futuras propostas, colaboracións e iniciativas. Ademais, o mapa pretende reflectir unha cartografía social, axudando a que sexa outro medio de difusión moito máis visual que se pode complementar con outros máis tradicionais coma os textos, fanzines ou palestras. Un bo exemplo do positivas que poden ser estar practicas atopámolas na paxina das amigas de Iconoclasistas, que levan traballando nas cartografías sociais como ferramentas contestatarias durante anos.

O 'barrio do cura' ubícase no mesmo centro de Vigo CC-BY-NC-SA Septem Trionis
Escolta policial ao barco Alfageme, de camiño a Coia CC-BY-NC-SA GZFoto
Vivenda abandonada na zona vella de Vigo © Xentrificación Vigo
Cartaz das xornadas Dominio Público Xentrificación Vigo
Praza da Constitución, en Vigo © http://www.vivirgaliciaturismo.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.