O feminismo galego clamou contra o asasinato machista de Diana Quer

Concentración en Compostela © PFG

Seis concentracións convocadas en Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo lembraron este martes a Diana Quer, cuxo cadáver apareceu hai uns días en Rianxo tras meses de investigación, e denunciaron o "terrorismo machista" e a violencia exercida contra as mulleres polo feito de ser mulleres. Baixo a chuvia e co acompañamento nos máis dos casos das iluminacións de nadal que aínda presiden os centros das cidades galegas, as convocatorias realizadas polo movemento feminista galego reclamaron "desnormalizar todas as violencias machistas" e unha implicación real de todas as administracións -con recursos e accións decididas- para loitar contra os feminicidios.

Lembrouse que neste caso Diana Quer foi vítima dun "maltratador ademais reincidente no seu terrorismo machista" e subliñouse que casos coma o desta moza non figurarán nas estatísticas de violencia de xénero, pero que están motivados e sustentados polo mesmo patriarcado que tamén afecta a outras situacións vitais. "Porque todas somos Diana e queremos que se superen todas as posibilidades de caer nas violencias machistas a mans de maltratadores cara ás mulleres dun xeito aberrante e intolerablemente normalizado na nosa sociedade", concluíuse nunha das concentracións.

Concentración en Compostela © PFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.