O Foro do CCG destaca o incumprimento da Carta Europea para as linguas minoritarias

Un momento do debate © CCG

O Consello da Cultura Galega acolleu este xoves e venres un Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, centrado principalmente no seu impacto no Estado español, buscando abrir un espazo para a reflexión respecto do cumprimento dos compromisos adquiridos nos artigos 7 a 13 da Carta. O encontro xuntou unha trintena de representantes de todas as linguas que se falan en España: amazige, árabe ceutí, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán (Aragón, Cataluña, Illas Baleares, Murcia e País Valencià), éuscaro (Navarra e País Vasco), fala, galego (Asturias, Galicia, Castela e León), leonés e portugués (Estremadura).

“Estamos moi lonxe do cumprimento dos compromisos subscritos polo goberno español coa ratificación da Carta”, destacou Rosario Álvarez

O foro rematou coa lectura dunhas conclusións provisionais que indican, en palabras de Rosario Álvarez -vicepresidenta do Consello da Cultura Galega- que “estamos moi lonxe do cumprimento dos compromisos subscritos polo goberno español coa ratificación da Carta”. As conclusións insisten na necesidade dunha maior divulgación social e recoñecemento institucional deste documento aprobado polo Consello de Europa en 1992, así como na importancia de encontros de debate para dar a coñecer a situación real de cada unha das linguas faladas.

As conclusións diferenciaron a situación das linguas oficiais da das non oficiais (entre elas o galego de Asturias e Castela e León). Con respecto das linguas non oficiais, o encontro serviu para constatar a necesidade do seu recoñecemento a nivel oficial para a súa supervivencia, así como o incumprimento por parte do goberno central dos seus dereitos lingüísticos. No caso das linguas oficiais, púxose de manifesto que as eivas detectadas no cuarto informe do Comité de Expertos (que analizou o período que vai do 2010 ao 2013) se manteñen e mesmo chegan a empeorar nalgúns casos. Tamén responsabiliza ao Goberno central de non asumir como “causa propia a defensa e a promoción da diversidade lingüística” a que os obrigan os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta. Os avances, grandes ou pequenos, que se teñen producido débense ás actuacións dos gobernos autonómicos ou locais de acordo ao seu ámbito competencial.

As conclusións responsabilizan o Goberno central de non asumir como “causa propia a defensa e a promoción da diversidade lingüística” a que os obrigan os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta

Entre as disposicións presentes nos artigos referidos da Carta están, por exemplo, "a necesidade dunha acción decidida de promoción das linguas rexionais ou minoritarias co fin de salvagardalas" (artigo 7), "prever que unha parte substancial do ensino sexa asegurado nas linguas rexionais ou minoritarias afectadas" (artigo 8), "prever que os poderes xudiciais, a demanda dunha das partes, conduzan o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias" (artigo 9) ou "procurar que os axentes da administración que están en contacto co público empreguen as linguas rexionais ou minoritarias nas súas relacións coas persoas que se dirixen a elas nestas linguas" (artigo 10).

 

Dous días de debate

Nas dúas primeiras sesións expúxose a situación das linguas non oficiais onde representantes de asociacións de falantes, investigadores e outros expertos describiron un panorama desigual: unhas teñen falta de uso, sobre outras ata hai algunha investigación, outras contan con diccionarios.... Con todo, os relatorios explicaron que estas linguas comparten dous denominadores comúns moi claros: a minusvaloración por parte dos gobernantes así como un incumprimento do artigo 7 da carta europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias.

Noutras cinco sesións abordáronse as linguas oficiais atendendo a artigos concretos da Carta: na xustiza, nas administracións, nos servizos públicos e tamén nas actividades e servizos culturais e na vida económica e social

Noutras cinco sesións abordáronse as linguas oficiais atendendo a artigos concretos da Carta: na xustiza, nas administracións, nos servizos públicos e tamén nas actividades e servizos culturais e na vida económica e social. Ademais, no Foro estivo presente o xefe da Secretaría da Carta Europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias, Sitxo Molina que explicou o funcionamento deste departamento e a monitorizacion da carta. A xornada rematou coa exposición das liñas de actuación nesta materia por parte de institucións como o Instituto Ramón Llul ou o Instituto Vasco Etxepare.

Elsa Quintas Alborés analizou a situación do galego no ámbito da Xustiza

Entre as intervencións relacionadas co galego, podemos destacar a de Elsa Quintas Alborés (A Mesa pola Normaliación Lingüística), que analizou a situación do galego no ámbito da Xustiza ou Héctor Silveiro, que explicou o estado actual do galego en Castela-León ou da Fala en Estremadura.

 

Un momento do debate © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.