O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación

Unha rúa da zona histórica de Santiago © Turismo de Santiago

O galego perde outra batalla. Durante anos, a mala evolución no uso, implantación e prestixio social da lingua galega era compensada, cando menos en parte, polo feito de que seguía a ser a lingua habitual da maioría da poboación do país, segundo diversos indicadores. Esta realidade comeza a mudar ou, cando menos, iso é o que revela o estudo máis recente ao respecto: os datos que emanan do censo de poboación e vivendas do INE e que o Instituto Galego de Estatística vén de debullar. O que o IGE amosa é que, no período comprendido entre 2001 e 2011, as persoas que din falar "sempre" galego caeron trece puntos e xa non son maioría.

Na anterior vaga deste estudo o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián. Mentres, o 30% sinalaba que o empregaba "ás veces" e o 13%, nunca. Unha década despois os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45%. Concretamente, quen usan "sempre" o idioma propio de Galicia son o 44% do total, mentres que é falado "ás veces" polo 45% da poboación e "nunca", polo 11%.

A poboación que fala "sempre" galego descendeu 13 puntos en dez anos, pero a Xunta celebra o leve incremento de bilingüismo

Malia á contundencia destes datos dende a Xunta óptase polo optimismo e case pola celebración. A través dun comunicado a Consellería de Educación, da que depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, di "valorar positivamente a información" deste estudo, porque da "suma" de quen usa o galego "en exclusiva" e de "quen o usa ao carón do castelán" cabe concluír que "un 89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria", o que "supón un incremento de dous puntos", xusto o que caeron as persoas que din non usar o galego "nunca". Para o Goberno cabe interpretar que "cada vez son máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáeno en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo".

Santiago, a cidade con maior presenza da lingua propia

Ademais da evolución xeral do uso do galego entre a poboación do país estes datos do IGE permiten tamén radiografar un dos ámbitos máis sensibles para o idioma, o das cidades, e mesmo rachar algúns tópicos ao respecto -e tamén confirmar outros-. Así, da enquisa tírase que Compostela é a urbe galega con maior peso da poboación que sempre fala galego, cun 44% do total. As seguintes son Ourense e Lugo, aínda que a máis de 10 puntos de distancia e aínda máis lonxe sitúase A Coruña, cun 16%, e Pontevedra e Vigo, ambas cun 15%.

Atendendo a estes resultados a cidade máis desgaleguizada en termos idiomáticos é Ferrol, non só por amosar a menor porcentaxe de falantes habituais de lingua galega, un 12% do total, senón tamén porque é o espazo urbano no que máis veciñanza di non falar "nunca" galego, un 23% que a sitúa moi por riba da media galega. Tamén están por riba desa media do 11% as cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mentres que quedan por baixo Ourense (11%) e Compostela (8%). Nas sete cidades o grupo de poboación máis numeroso é o que di falar galego "ás veces".

Neste contexto, o único indicador do estudo que non fai prender unha nova alarma é o relativo ao coñecemento do galego, o que amosa, asemade, que o emprego ou non do idioma segue a ser unha cuestión máis ligada á vontade persoal que á capacidade para facelo. Case o 99% da poboación de Galicia di entender o galego e as persoas que se senten capacitadas para falalo chegan ao 90,8%. Así as cousas, e malia ao mal diagnóstico no que atinxe ao uso habitual, a realidade volve confrontar coas teorías de quen apelan a excluír a lingua galega do espazo público ante o risco de que as mensaxes non sexan comprendidas pola cidadanía.

Como no relativo ao uso tamén neste punto o Goberno galego botao man do optimismo. Neste caso, o departamento de Jesús Vázquez destaca que "a pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011, con 77.410 persoas estranxeiras máis, a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período".

Unha rúa da zona histórica de Santiago © Turismo de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.