"O hermetismo en España é incrible"

Captura da web do Senado Dominio Público Praza Pública

O luns 12 de novembro inaugurouse a nova web do Senado español, albo de críticas desde antes mesmo do seu lanzamento debido ao seu alto custo. Poucos días despois, un xoven enxeñeiro informático, con 15 anos de experiencia na web, presentou un clon da mesma web creado con software de código aberto e gratuito, polo que o prezo das licenzas se reduciu a 0 euros. O autor da iniciativa prefere manter o anonimato, para que o debate se centre no uso de software libre, mais concedeu a seguinte entrevista a Praza, na que explica as súas motivacións.

A nova web do Senado español foi obxecto de polémica por conta do seu elevado custo e de certos fallos técnicos. Concorda con esas críticas?

Totalmente. Cando lin a nova e vin tanto cero, non podía crelo. O custo non é real: ese mesmo traballo, se fora encomendado por unha empresa privada, tería unha resposta moi diferente por parte de empresas de deseño web. Mais, así que alguén di as palabras “cartos públicos”, todos esfregamos as mans. Canto aos fallos técnicos, non podo opinar porque non lle fixen ningún test a través de ferramentas de hacking: facer iso nunha web institucional é meterse en moitas leas. Pero lin por aí que había erros de HTML injection, aínda que iso supoño que é responsabilidade da empresa a quen lle compraron o software, neste caso a Oracle.

Vostede realizou un clon da web do Senado, coas mesmas funcionalidades que a orixinal e cun aspecto moi similar. O que pretende demostrar con iso?

O único que quixen demostrar é que podería usarse outro tipo de sistemas que teñen un custo 0 en licenzas

Tampouco están todas as funcionalidades, só creei unha estrutura e un front-end similar. E tamén programei algunhas aplicacións e funcionalidades: como instalar unha tenda, un script para o hemiciclo, un sistema de fichas... Mais aínda ficaría moito traballo, como todo o sistema de documentación interna e externa. O único que quixen demostrar é que para o uso que se lle vai dar, podería usarse outro tipo de sistemas que teñen un custo 0 en licenzas. Ou moi barato se se contratan licenzas Enterprises ou Community que algúns softwares –como alfresco, nuxeo ou liferay– ofrecen.

No seu documento explicativo, afirma que se podería ter aforrado a metade do custo da web oficial do Senado recorrendo ao uso de licenzas libres. É habitual a utilización dese tipo de licenzas en webs institucionais?

É, si. Efectivamente, o uso de licenzas open source é moi habitual en webs institucionais. O propio Obama, na presentación da web da Casa Branca desenvolvida baixo open source co CMS Drupal, dixo moi acertadamente “yes, we Drupal”. A Interpol usa EzPublish, e o exército americano, a administración inglesa, o goberno francés, etc. E moitos países usan a distribución Ubuntu de Linux en toda a súa administración en vez de Microsoft Windows.

Por que cre que en España aínda non se consolidou a cultura do software libre nas institucións?

O escaso uso do software libre creo que se debe principalmente ao descoñecemento, e en parte tamén á preguiza

Iso non o sei. Non querería pensar mal e considerar que, ao non haber diñeiro polo medio, non hai comisións. Mais non creo que sexa esa a única razón: principalmente creo que é por descoñecemento, e en parte tamén por preguiza. En España, non nos gustan as mudanzas. Mais mesmo así, hai varios exemplos aquí en Galicia, como a web da Consellería de Educación, ou tamén o Concello de Burgos, o Parlamento Vasco, etc.

Xunto ao software libre, outras das demandas actuais consisten na implementación de prácticas de apertura de datos e goberno aberto, ás que tamén se refere vostede. En que punto están as institucións españolas neste sentido?

O hermetismo en España é incrible: aquí non se coñecen nunca os desgloses, as características... O Open Data en España está aínda nun momento embrionario

Cero. Un cero redondo. O hermetismo en España é incrible: aquí non se coñecen nunca os desgloses, as características...  O Open Data en España está aínda nun momento embrionario: a nivel funcional e institucional, coñezo o proxecto Irekia do Goberno Vasco, e moi pouco máis.

Preferiu manter o anonimato para que a reivindicación do uso de software publicado baixo licenzas libres e dos estándares abertos ocupe o primeiro plano. Que malentendidos existen aínda a respecto destes conceptos?

Ben, costuma haber unha confusión con nomes como open source, free software, dominio público, licenzas CC, GPL GNU, etc. E tamén ás veces adoitamos pensar que todo é gratis e de libre uso. En resumo, o open source ou código aberto son programas ou aplicacións que se liberan e distribúen de forma libre e presentando o código de tal xeito que todo o mundo teña acceso a velo, a editalo e, se é posible, a melloralo.

Pensa seguir adiante con outras iniciativas deste tipo ou foi algo puntual?

Sentar e rosmar desde o sofá non é o meu estilo

(Risos) Este traballo deino por rematado o luns. Despois redactei o pdf e instalei a web en diferentes servidores. Iso levoume tanto tempo como facer a web. Ese documento estouno a actualizar, pero a web xa non a toco para nada: aí fica, como exemplo. Canto a novas iniciativas, se sae algo igual de escandaloso como isto, habería que pensar en facer algo. Sentar e rosmar desde o sofá non é o meu estilo.

Captura da web do Senado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.