O histórico narco Manuel Charlín volve ser detido nun operativo contra o tráfico de "miles de quilos" de cocaína

Manuel Charlín, captado pola TVG no xuízo da Operación Nécora, en 1994 Dominio Público Imaxes da TVG

No ano en que o secuestro do libro Fariña e a súa adaptación en forma de serie televisiva devolveron ao imaxinario colectivo persoas e momentos clave dos anos en que estourou o narcotráfico en Galicia, dous daqueles capos que, segundo a Xustiza, pasaron do tabaco de batea á cocaína, volveron ser prendidos. O pasado febreiro era detido Sito Miñanco por tráfico de drogas e branqueo apenas dez días antes de volver ser xulgado por outro caso. E este 8 de agosto volveu caer Manuel Charlín xunto a un dos seus fillos, Melchor, e máis dunha vintena de persoas en todo o Estado nunha operación na que foron incautados "varios miles de quilos de cocaína", segundo a subdelegada do Goberno central en Pontevedra, Maica Larriba.

O operativo dirixido polo xulgado de instrución número 4 de Vigo, sobre o que pesa o segredo sumarial, tivo na súa cerna a interceptación dun "barco cargado de cocaína" preto das illas Açores e que tiña Galicia como destino. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cifran en 19 as persoas detidas en terra, entre elas Charlín pai e fillo en Vilanova de Arousa, e sete no mar -catro delas no barco cargado coa droga e tres, noutro que ía ao seu encontro-. Os catro tripulantes do barco cargado coa substancia estupefaciente pasaron xa a disposición xudicial nun procedemento realizado a través dun teléfono por satélite e para eles foi ditada orde de prisión. Prevese que o resto de detidos queden a disposición do xulgado o venres.

A operación contra a chegada a Galicia dun alixo dunhas dúas toneladas de cocaína saldouse coa detención de 26 persoas, entre elas o patriarca dos Charlín e o seu fillo Melchor

Non será ata a vindeira semana cando o barco chegue, remolcado, a un porto das Illas Canarias, onde será examinada en detalle unha carga que se estima que supera as dúas toneladas de cocaína. Mentres continuará en marcha unha operación canalizada a través do Grupo de Resposta Especial apra o Crime Organizado (Greco) e que, no caso galego, tivo como escenario de detencións e rexistros, ademais de Vilanova, localidades das comarcas da Arousa, Salnés e Barbanza como Cambados, Vilagarcía, Ribeira, Ribadumia ou Boiro. Na vila boirense, segundo transcendeu, un dos detidos é o propietario dun coñecido local hosteleiro da localidade.

Manuel Charlín levaba ata agora oito anos fóra do cárcere

A detención de Manuel Charlín Gama, de 85 anos, chega oito anos despois da súa última saída da cadea. Aínda que o seu rostro ficou historicamente ligado á Operación Nécora, o certo é que naquel macroproceso de 1994 quedara absolto, se ben apenas un ano despois volveu caer noutra operación dirixida polo ex-xuíz Baltasar Garzón. Nesoutra ocasión si rematara cunha condena en 1999 a vinte anos de prisión por un alixo de 600 quilos de cocaína. En 2003 engadiríase a esa condena outra de trece anos por branqueamento de capitais. 

Unha das últimas aparicións públicas do patriarca dos Charlíns producírase a pasada primavera, cando concedera unha entrevista televisiva ligada á emisión da serie Fariña. Pouco despois, o 11 de abril, Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, os dous detidos este mércores, sufriron un asalto na súa casa de Vilanova, agresión pola que tiveran que ser hospitalizados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.