O mantemento do expediente a un traballador crítico coa dirección da CRTVG marca o 33º venres negro

Persoal da Radio Galega pide o arquivo do expediente aberto a Carlos Jiménez © Defende A Galega

Novo ano e a vida segue igual na CRTVG. Logo das exitosas folgas e das protestas constantes nos últimos sete meses “contra a manipulación informativa, a política represiva e o incumprimento da Lei de medios”, o persoal mobilizado celebrou o 33º venres negro. Desta vez, o colectivo Defende A Galega, impulsor das mobilizacións, centrouno en amosar a súa “preocupación e indignación” pola decisión da dirección dos medios públicos de manter aberto o expediente disciplinario contra o locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis recoñecibles das últimas dúas décadas tanto da TVG como da Radio Galega. 

O persoal mobilizado amosa a súa “preocupación e indignación” pola decisión da CRTVG de manter aberto o expediente disciplinario contra Carlos Jiménez

Apenas un mes despois de que a CRTVG arquivara o expediente aberto en verán contra a xornalista Beatriz Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitiu dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública, a dirección abriu outro a Carlos Jiménez. En ambos casos o argumento baseábase na presunta incompatibilidade do seu traballo na corporación pública con outros labores; e tamén nos dous casos fontes do persoal e do comité de empresa atribuían as propostas de sanción a unha “represalia” aos dous empregados por posicionarse claramente a favor das mobilizacións contra a manipulación e o incumprimento da lexislación nos medios públicos.

Mobilizaicón na sede da CRTVG polo 33º venres negro © Defende A Galega

Beatriz Moyano fora expedientada por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro e o proceso contra ela suscitara unha imporante vaga de solidariedade. No caso de Carlos Jiménez, por exercer como locutor nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia Televisión de Galicia. O locutor conta cunha compatibilidade concedida polas vías legais dende hai unha década, tempo no que realizou locucións para múltiples contidos emitidos nos medios públicos, pero unha mudanza contractual, segundo indican fontes do comité, serviu de escusa á CRTVG para pedir unha exemplarizante sanción. 

A dirección mantén a proposta de sanción pero rebáixaa de falta moi grave a falta grave

Entre o persoal interpretouse como unha represalia contra el --gañou varios procedementos xudiciais á CRTVG nos últimos anos en materia laboral que implicaron mudanzas na súa contratación--, pero tamén unha nova advertencia ante as constantes e masivas mobilizacións. 

Agora, a CRTVG decide manter o expediente, unha decisión contra a que se rebela o persoal mobilizado, que segue a ver nel unha mostra máis da “política represiva” da dirección e que esta sempre nega. Con todo, a proposta de sanción foi rebaixada. “Era unha barbaridade”, explican fontes do comité. 

Dun posible despedimento pásase á suspensión de emprego e soldo de 3 a 15 días

Así, considera agora a súa actuación unha falta grave, que supón unha suspensión de emprego de tres a quince días, e non unha falta moi grave como se especificara nun inicio e que podería supor a suspensión de emprego e soldo de 16 a 60 días ou mesmo o despedimento. 

De considerar que exercera “actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso”, como aclara o artigo 91.4.12 do convenio colectivo da CRTVG, a rebaixar o feito a un presunto “incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades”. 

Agora, Carlos Jiménez terá quince días para alegar e mesmo terá a posibilidade de recorrer posteriormente vía xudicial. Fontes do persoal e do comité de empresa non confían en que desta vez se arquive o expediente, como ocorreu no caso de Beatriz Moyano, e cren que o locutor será finalmente sancionado. 

O director xeral da CRTVG nega a "política represiva" e acusa a oposición de preocuparse só polos expedientes de quen "teñen máis repercusión mediática"

A pasada semana, na comisión sobre a CRTVG no Parlamento, a deputada socialista Noela Blanco fixo referencia a este expediente e acusou a Corporación de “abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios, deturpando a Lei de Medios de 2011” e de usar prácticas “represivas” contra os traballadores críticos

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, respondeu denunciando “o uso da palabra represión” e asegurando que acusar de “política represiva” á CRTVG é “moi de panfleto sindical”. Insistiu en que só se abriron oito expedientes a profesionais en 2018, que só catro acabaron en sanción e que, á oposición, “só lle importan os casos que teñen máis repercusión mediática”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.