O Parlamento europeo examinará o incumprimento da normativa de xestión de residuos por parte de Galicia

Ana Miranda e os portavoces dos colectivos ecoloxistas explican a denuncia que presentarán no Europarlamento CC-BY-SA Praza Pública

O PP impediu a pasada semana que o Parlamento galego debatese a ILP para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe. Esa iniciativa buscaba "que se cumprise a lei" como resumiu nalgún momento Manuel Soto, o encargado de defendela na cámara. Entre as argumentación esgrimidas polos populares para votar en contra da súa toma en consideración estaba que "non tiña sentido aprobar unha lei para que se cumprise a lei". Pero ADEGA, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega e Plataforma Galega contra a Incineración lembran unha e outra vez que a lei non se está a cumprir e tampouco se cumpren as normativas europeas ao respecto.

Ana Miranda lembra que nos últimos meses unha denuncia coma esta fixo que a Comisión Europea obrigase o Goberno italiano a mudar o modelo de xestión de residuos de Catania

É por isto que estes grupos van presentar a vindeira semana, co apoio da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, unha denuncia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para que as autoridades comunitarias examinen a axeitación da xestión galega de residuos á normativa europea. Piden que o Parlamento e a Comisión avalíen negativamente a actual política da Xunta e o Plan de Residuos aprobado en 2011, adoptando medidas sancionadoras contra o Goberno galego e polo uso fraudulento de fondos europeos para a queima e almacenamento de residuos. O obxectivo último é que a UE obrigue a Galicia a revisar por completo o seu modelo centralizado de xestión de residuos e a súa substitución por outro que de xeito máis eficiente cumpra a lei no que á reciclaxe e recuperación se refire. Ana Miranda lembra que nos últimos meses unha denuncia coma esta fixo que a Comisión Europea obrigase o Goberno italiano a mudar o modelo de xestión de residuos de Catania.

A denuncia salienta que na actualidade Galicia está a incumprir as normativas europea, estatal e galega en varios aspectos, comezando polas esixencia de que cando menos o 50% por cento dos materiais se recuperen e reciclen

A denuncia salienta que na actualidade Galicia está a incumprir as normativas europea, estatal e galega en varios aspectos, comezando polas esixencia de que cando menos o 50% por cento dos materiais se recuperen e reciclen. En Galicia recíclase apenas o 11% dos materias e non se chega ao mínimo esixido nin sequera no vidro ou no papel. Os datos de 2011 amosan que o 46% do lixo galego se incinera sen valorización e outro 43% vai directamente a vertedoiros. A denuncia tamén salienta que o Plan de Residuos de 2011 prevé que se manteña o incumprimento da lei, destinando a meirande parte do orzamento a unha nova incineradora en Cerceda, que aumentará a porcentaxe de lixo incinerado.

Tamén se lembra que as instalacións de Sogama non cumpren os criterios europeos para ser considerada unha planta de valorización enerxética. Como planta de eliminación e non de valorización Sogama non tería dereito a recibir fondos europeos

Tamén se lembra que as instalacións de Sogama non cumpren os criterios europeos para ser considerada unha planta de valorización enerxética, debido a que a súa eficiencia enerxética rolda o 0.3, moi por debaixo do 0.6 esixido por Europa. Este argumento foi un dos utilizados polo PP para rexeitar a ILP. Como planta de eliminación e non de valorización Sogama non tería dereito a recibir fondos europeos. Os grupos que realizan a denuncia salientan que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembraron que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa. Conclúen que Sogama "mente" sobre a súa actividade "e leva mentindo moito tempo".

Ana Miranda salienta que "o Parlamento Europeo queda máis preto do que parece. Está admitindo unha denuncia que o Parlamento galego rexeitou debater

Pola súa banda a eurodeputada do BNG Ana Miranda denunciou que Galicia "está aplicando como norma o que debería ser a excepción" en referencia á incineración. E salientou que "o Parlamento Europeo queda máis preto do que parece. Está admitindo unha denuncia que o Parlamento galego rexeitou debater pese a contar co respaldo de 15.000 sinaturas. É curioso que a cidadania galega teña acceso ao Parlamento Europeo e non poida tratar este tema aquí".  Miranda tamén lembrou que os modelos alternativos que priman a recuperación e a reciclaxe son grandes xeradores de emprego e de riqueza. Neste senso Manuel Soto lembrou a importancia económica da recuperación de materiais e puxo como exemplo que "hai máis ouro nos residuos que botamos ao lixo que no interior destas minas que pretenden explotar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.