"O patriarcado está instalado mesmo nas organizacións que discuten o patriarcado"

Algúns exemplares da axenda, que acaba de chegar ás librarías © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Comeza a chegar ás librarías unha nova edición da axenda feminista que todos os anos (e van xa oito) edita o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Para o 2018 o ámbito escollido foi o activismo e polo tanto 12 mulleres activistas protagonizan a axenda, que se presentará esta semana. Nas edicións anteriores a axenda destacou o labor de mulleres galegas en ámbitos coma a música, a escrita, o teatro, a poesía, a ciencia ou o sector primario. O Observatorio, que o pasado ano recibiu o Premio da Crítica de Galicia, na categoría de Iniciativas Culturais, celebra neste 2017 os seus dez anos de actividade.

"As estruturas dentro das asociacións que desenvolven activismo son patriarcais, é difícil establecer novos liderados e é difícil que se escoite ás mulleres"

"Decidimos centrarnos no ámbito do activismo, primeiro, porque nós somos activistas. E, ademais, queriamos chamar a atención sobre o papel das mulleres no seo das organizacións e facer un cuestionamento sobre o papel que ocupamos. As estruturas dentro das asociacións que desenvolven activismo son patriarcais, é difícil establecer novos liderados e é difícil que se escoite ás mulleres", salienta Paula Ferreiro, integrante do Observatorio. "As mulleres que son protagonistas deste libro, coas que falamos, reclaman cambios no interior das organizacións para que os homes non acaparen as quendas de palabra ou para que as voces das mulleres sexan tidas en conta. Ademais, as mulleres somos moitas veces a base do activismo pero non acadamos o liderado. Hai que cuestionar polo tanto como se establecen os liderados", engade. Ferreiro subliña que "o patriarcado está instalado mesmo nas organizacións que discuten o patriarcado: ecoloxistas, partidos políticos, sindicatos...".

Coa Axenda Feminista o Observatorio busca igualmente "que as activistas sexan modelos e referentes para a rapazada"

Coa Axenda Feminista o Observatorio busca igualmente "que as activistas sexan modelos e referentes para a rapazada". "Ás veces as activistas somos silenciadas, coma noutros ámbitos. Segue a ser revolucionario que as mulleres ocupemos o espazo público, que academos o liderado. Estas conquistas seguen significando a ruptura de moitos estereotipos", destaca Ferreiro.

As doce mulleres que protagonizan a Axenda son Nela Abella, Iria Villar, Patricia Porto Paderne, Isabel Vilalba Seivane, Valentina Formoso Gosende, Laura Bugalho, Susana Riveira Fernández, Adriana Casal Rama, Marisela González Ataide, Carmen Vilaboa, Paz Filgueira e Antonina Semedo. Todas elas destacadas activistas no ámbito ecoloxista, sindicalista, da saúde das mulleres, cultural, local, de transfeminismo, xustiza, de normalización da lingua, no terreo da discapacidade funcional, das mulleres migrantes e de internacionalismo.

"Pola Axenda pasaron xa 96 mulleres nestes oito anos. Queremos darlles as grazas a todas elas por participar. Moitas veces atopámonos de que reaccionan con sorpresa e con cautela, dicindo 'Pero por que eu? Se eu non fixen nada'. Isto é moi feminino. Custa moito expoñerse e elas fano de forma desinteresada", comenta Paula Ferreiro.

 

Onde atopala?

Nela Abella, Iria Villar, Patricia Porto Paderne, Isabel Vilalba Seivane, Valentina Formoso Gosende, Laura Bugalho, Susana Riveira Fernández, Adriana Casal Rama, Marisela González Ataide, Carmen Vilaboa, Paz Filgueira e Antonina Semedo protagonizan a axenda

A Axenda Feminista 2018, cuxa portada e contracapa foron deseñadas por Abi Castillo, presentarase en Viveiro (venres 15, 19 horas na libraría Porta da Vila. Participarán Laura Bugalho, Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira), en Compostela (sábado 16, 12 horas na libraría Lila de Lilith. Intervirán Laura Bugalho, Paz Filgueira, Antonina Semedo, Marisela González e Iria Villar) e en Foz (martes 19, 20 horas na libraría Bahía. Falarán Isabel Vilalba, Antonina Semedo e Susana Riveira).

Pode adquirirse por 14 euros en Ribadeo (Libraría Casa das Letras), Foz (Libraría Bahía), Burela (Libraría Espacio Lector Nobel), Viveiro (Libraría Porta da Vila), Vilalba (Libraría O mundo de Suevia), Lugo (Libraría Trama), Sarria (EcoEspazoVitriol), Santiago de Compostela (Libraría de mulleres Lila de Lilith), A Coruña (Livraria Suévia), Arzúa (Papelería Cartafol), Vigo (Libraría Andel), Allariz (Aira das letras), Pontevedra (Libraría Paz) e Porto (Livraria Gato Vadio, na Rua do Rosário). Nesta ocasión distribuiranse 600 exemplares (100 máis que nos anos anteriores). Nos últimos anos a edición esgotouse rapidamente.

 

10 anos de Observatorio

O Observatorio axita moito: movemos e remexemos alicerces que parecen estáticos e que non se discuten", destaca Ferreiro

O Observatorio da Mariña pola Igualdade celebra este ano o seu décimo aniversario, desenvolvendo un labor moi importante, enfocando a realidade da súa comarca dende unha perspectiva de xénero, dando a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da Mariña, e poñendo en marcha numerosas actividades para contribuír dende o nivel local a acadar unha sociedade máis igualitaria. "O Observatorio axita moito: movemos e remexemos alicerces que parecen estáticos e que non se discuten", destaca Ferreiro, que pon como exemplo a campaña que hai dous anos realizaron contra a elección da Raíña das Festas en Burela.

Con todo, tamén advirte dos escasos apoios que reciben e dos limitados recursos cos que contan: "Non temos forzas, estamos moi cansas. Non temos apoios e ademais estamos detectando que aquí na Mariña están xurdindo entidades que se din de igualdade pero o que queren é manter a situación actual e que están captando moitísimos recursos e atención por parte de institucións que ve máis cómodo traballar con elas", di. 

Capa da Axenda Feminista 2018 © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Algúns exemplares da axenda, que acaba de chegar ás librarías © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.