O Pedrón de Ouro recoñece este domingo 30 anos de traballo de Nova Escola Galega

Recollida do Pedrón de Ouro entregado a Mini e Mero © Fundación Pedrón de Ouro

Nova Escola Galega (NEG) recibirá este domingo ás doce e media do mediodía o Pedrón de Ouro, que recoñece o seu traballo durante case tres décadas en defensa do ensino público, de calidade e en galego, nun proceso de renovación pedagóxica no que participaron ao longo dos anos milleiros de mestres. O acto terá lugar, coma todos os anos, en Padrón, na Casa Museo de Rosalía. O pintor Henrique Ortiz Alonso recibirá o Pedrón de Honra.

A Fundación Pedrón de Ouro recoñece en Nova Escola Galega "a vontade continuada no tempo a prol da renovación pedagóxica, da galeguización lingüística e da galeguización curricular, tanto desde as aulas de educación infantil como das universitarias" e salienta que "vén promovendo unha educación alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura".

Mariló Candedo, presidenta de NEG, di que "é unha noticia positiva, con todo o que está caendo" e engade que "dentro do proceso de desmantelamento dos servizo públicos, un dos seus obxectivos claros é o desmantelamento do ensino público. Polo tanto a concesión deste premio é unha grande oportunidade para reivindicar un modelo de ensino público que dea resposta ás necesidades da sociedade actual e tamén dende o punto de vista do país, do idioma e da cultura na que está asentada. É unha oportunidade de ver a educación doutra maneira".

"A concesión deste premio é unha grande oportunidade para reivindicar un modelo de ensino público que dea resposta ás necesidades da sociedade actual e tamén dende o punto de vista do país, do idioma e da cultura na que está asentada"

De igual xeito, Xosé Lastra, vicepresidente da entidade, salienta que "cos tempos que corren, o feito de que a fundación Pedrón de Ouro se acorde de NEG é moi importante. Entendemos que é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega".

De todo o traballo realizado nestas últimas décadas, Lastra salienta por riba de todo que "o máis importante foi o manter claro e firme o obxectivo de defensa do noso modelo de educación pública e traballar niso, individualmente ou conxuntamente con outras organizacións". Candedo, pola súa banda, é máis autocrítica e, aínda que afirma que "fixemos moitas cousas que nos propoñiamos facer", di que "a idea era tamén intervir na realidade para transformala, e entón se ollamos por exemplo á normalización lingüística, vemos que non se cumpriron os obxectivos, pois máis ben houbo unha involución na porcentaxe de falantes. Tamén tiñamos un modelo de escola pública, e agora non se sabe en que vai pasar con ela, con toda a política de concertacións...".

"Entendemos que é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega"

Sobre o presente e futuro do ensino público, a presidenta de NEG di que "é difícil ser optimista, pero debemos selo" pois "é de agardar que a comunidade educativa se conciencie e que tamén os poderes públicos de decaten de que os recortes no ensino, na educación superior e na investigación, a longo prazo van traer moitos prexuízos" e conclúe: "débense superar as visións máis economicistas".

"No futuro temos que ser capaces de virar esta situación co traballo de todos e todas"

Pola súa banda, Xosé Lastra asume que "agora é un momento no que toca gorecerse de todo o que está caendo", pero di que "tamén é un momento de dicir o que temos que dicir sobre a destrución do modelo de ensino público: Estamos sufrindo un ataque á liña de flotación da escola pública". Para o vicepresidente de NEG, "ese segue sendo o noso obxectivo: defender o ensino público, a renovación pedagóxica e a galeguización do ensino, cuestión cuestionada polo decreto do goberno de Feijoo" e conclúe: "no futuro temos que ser capaces de virar esta situación co traballo de todos e todas".

 

"Ataque sen precedentes ao ensino público"

Nova Escola Galega dedica o seu boletín de maio aos recortes orzamentarios no ensino. O boletín ábrese cunha reflexión xeral que afirma que "Galicia e o ensino público galego amosáronse como campo de probas para mediren a resistencia do sistema nesta particular cruzada reformista amparada na coartada de darlle saída á crise económica".

No texto denúnciase que "na procura da confianza dos mercados e da eficiencia dos servizos públicos, e baixo un permanente discurso de desgaste probando a suposta inoperancia do sistema educativo, tómanse decisións que provocan a deterioración das condicións obxectivas nas se desenvolven as aprendizaxes e a docencia, mentres se pretende coar que non se está afectando a calidade do sistema. Todo a costa de distorsionar groseiramente a imaxe dos seus principais protagonistas: un alumnado indolente, ao que lle hai que inocular os valores do esforzo e de autoesixencia rebaixando as súas oportunidades de formación, e un profesorado escasamente comprometido coa súa función instrutiva, ao que cómpre esixirlle mellores rendementos".

"A comunidade educativa galega está organizándose para promover unha resposta de resistencia cívica. Agardamos que a perspectiva de análise e de acción sexa tan ampla, plural, unitaria e ilusionante como demanda a iniquidade destes tempos"

A análise conclúe que "a comunidade educativa galega está organizándose para promover unha resposta de resistencia cívica diante do maior ataque que se pode perpetrar sobre a educación pública. Agardamos que a perspectiva de análise e de acción sexa tan ampla, plural, unitaria e ilusionante como demanda a iniquidade destes tempos" e salienta que "non é ocasión para retóricas partidarias, cando o que se precisa é un fondo cuestionamento da gramática social que se impón como inevitable. Nesta lexislatura que remata ten que visualizarse unha estratexia clara e de futuro, que poida ser compartida por unha maioría cidadá, e na que a defensa dos dereitos e das oportunidades sociais sexa clave para construírmos un país orgulloso de si mesmo".

Cartaz da celebración do 25 aniversario da entidade © NEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.