O persoal da Xustiza dá por rota a negociación con Rueda para evitar a folga: "que se pode esperar dun político que mente?"

Persoal da Xustiza en Vigo, durante unha xornada de folga en decembro CC-BY-NC-SA CIG

O persoal da Administración de Xustiza leva meses mobilizado en Galicia. O pasado outono advertiu de que se a Xunta non accedía a poñer fin á "discriminación" que, din, sofren a respecto doutros territorios do Estado en ámbitos como os salarios recortados durante a crise, os dereitos sociais como as incapacidades ou a propia escaseza de efectivos, irían á folga. As conversas co Goberno non chegaron a bo porto e a comezos de decembro a primeira xornada de paro, avalada por todos os sindicatos do sector, foi todo un éxito. A segunda, no mesmo mes, tamén o foi. E a ruptura das negociacións coa Vicepresidencia da Xunta abocan o persoal a unha terceira.

O comité de folga, no que participan todas as centrais sindicais -SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO-, sentou este venres á mesa negociadora co director xeral da Fundación Pública, José María Barreiro. O vicepresidente, Alfonso Rueda, aseguráralles que ese encontro ía servir para que se producise "un avance substancial" nas conversas, manteñen. Pero Barreiro "ninguneou ao vicepresidente" e "non fixo mellora ningunha na oferta aos traballadores", aseguran. Ben "ao contrario", "aniquilou toda posibilidade de acordo ao desprezar os pequenos avances logrados coa mediación da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, a quen tamén ignorou".

As dúas primeiras xornadas de folga, avaladas por todos os sindicatos do sector, foron un éxito de participación

Sempre segundo a versión sindical, alén de ir directos a unha nova xornada de folga -o día 25-, o sucedido complica as posibles negociacións para o futuro. "Que se pode esperar dun político que incumpre a súa palabra, mente" mesmo "en sede parlamentar" e "ademais é ignorado e desprezado por quen debería estar ás súas ordes?", pregúntanse. "Se un director xeral é quen de deixalo como mentireiro, o que tería que facer é ou dimitir, ou destituír fulminantemente ao director", agregan. Non en van, lamentan, "a oferta presentada" polo responsable de Función Pública "non só non mellora en nada a anterior, senón que empeora e volve varios pasos atrás.

Durante todo este procedemento unha das principais demandas do persoal foi a negociación dun incremento no Complemento Autonómico Transitorio (CAT), unha parte do salario que chegou a supoñer nos últimos anos, din, ata 10.000 euros anuais menos para sectores como o da medicina forense, uns 5.000 para o persoal de xestión, arredor de 4.000 para a área de tramitacións e uns 3.500 para persoal auxiliar. Isto, veñen subliñando, "é algo que só ocorre só en Galicia", onde segue a gobernar "ese que presumía da situación económica e da recuperación da crise", di, en referencia ao presidente, Alberto Núñez Feijóo. 

Mobilización do persoal da Xustiza, o pasado decembro en Vigo / CC BY-NC-SA CIG

O vicepresidente acusa os sindicatos de romper a negociación de xeito "unilateral" e lamenta que "consideren insuficiente" a "oferta económica" da Xunta

Todo isto sucede, acusan, nun escenario no que "o vicepresidente non demostra unha nobre vontade de chegar a acordos". "Ata agora non fixo máis que mentir e amosar unha evidente mala fe nas súas declaracións públicas" e "ao non atender as xustas reivindicacións laborais dos traballadores da xustiza galega, gravemente discriminados a respecto das demais comunidades autónomas" que teñen estas mesmas competencias, vai dar en "levar a xustiza galega a unha situación de extrema gravidade, causando prexuízos económicos e sociais de enormes dimensións que serán da súa exclusiva responsabilidade".

Mentres o comité de folga dá por rachadas as conversas, o vicepresidente asegura que a negociación segue. Preguntado ao respecto antes de participar nun acto público en Pontevedra, Rueda afirmou este venres que a ruptura é "unilateral por parte da representación sindical" e segue a ter a esperanza de "chegar a un acordo" aínda que, admite, a última sesión das negociacións "non foi ben". Os sindicatos, asegura Rueda, teñen "enriba da mesa" unha "oferta económica" que "supón un incremento sobre o que veñen recibindo" pero "considérano insuficiente", lamenta.

Un intre da xornada de folga do 13 de decembro en Lugo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.