O persoal da Xustiza en folga acampa ante a sede da Xunta "ata que haxa un acordo"

Membros do comité de folga do persoal de Xustiza, no inicio da acampada ante San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

"Que non se lles ocorra que isto remate por esmagamento". Setenta e cinco días despois do inicio da folga na Administración de Xustiza o persoal mobilizado leva ás portas da Xunta dúas mensaxes: o conflito "ten que rematar en acordo" e a "unidade sindical continúa totalmente en vigor" por moito que "o mentireiro do conselleiro fale de ruptura", di un dos voceiros do comité de folga, Pablo Valeiras, en referencia ao vicepresidente Alfonso Rueda. O inicio dunha acampada ante o complexo administrativo de San Caetano, sede central do Goberno galego, pretende ser un elemento máis de presión para que o Executivo acceda a volver negociar ata acadar unha solución na que a separación entre ambas partes, así e todo, xa se reduciu de xeito notable. Alí estarán, advirten, "ata que haxa un acordo".

"Que non se lles ocorra que isto remate por esmagamento", advirte o comité

O departamento que dirixe Rueda vai recibir cada día unha solicitude formal como a que o comité rexistrou na mañá deste luns e unha representación do persoal permanecerá acampada para evidenciar que "só teñen que abrirnos a porta" para retomar os contactos. "Nós asumimos xa unha redución moi importante da nosa táboa reivindicativa", sinala Valeiras, polo que cabe concluír que Rueda "ou non ten interese por chegar a un acordo ou ten unha prohibición" de facelo". Trátase, agrega Enrique Araujo, de "pechar o conflito de xeito digno" e se malia aos achegamentos das últimas semanas a solución "non é asumible", "a explicación terá que dala a Xunta".

O estado das negociacións

Segundo a documentación divulgada polas centrais sindicais na propia acampada a "reflexión" destas semanas e, admiten, tamén "a cesión polas dúas partes" permitiu que no aspecto puramente económico a diferenza sexa dunha media de 12 euros mensuais de incremento salarial -no que atinxe aos corpos de xestión, tramitación e auxilio-, xa que o comité segue a defender un incremento liñal -para todos os corpos- de 140 euros. Esta diferenza media é aínda menor, de 9 euros, se no cálculo se inclúe ao corpo de forenses.

Corpo Proposta Xunta Proposta comité
Forenses 140 € 140 €
Xestión 135 € 140 €
Tramitación 127 €  140 €
Auxilio 122 € 140 €

Sempre segundo a información detallada polo comité de folga, outro dos puntos de conflito son os prazos para aplicar a propia subida. Tanto o Goberno galego como o persoal concordan en que sexa aplicada en tres anos, pero mentres que a Vicepresidencia defende aplicar este ano a metade, en 2019 un 30% en 2020 o 20% restante, o comité aposta por un 60% inmediato e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2018 e repartir o restante incremento en senllas partes do 20% en 2019 e 2020.

Prazos Proposta Xunta Proposta comité
2018 50% 60%
2019 30% 20%
2020 20% 20%

Outra das "claves" que permitiría rematar a folga, resaltan os sindicatos, é a necesidade de acadar unha "cláusula de revisión digna" sobre estes acordos. A proposta sindical e a da Xunta coinciden nunha revisión anual no terceiro trimestre de cada exercicio. No entanto, o comité defende que estas revisións "garantan" que o persoal galego "manteña a cuarta posición" dentro das 13 autonomías con estas competencias transferidas "no que aos complementos retributivos de determinación autonómica se refire". O departamento de Rueda, pola súa banda, propón que a garantía sexa que o persoal da Xustiza galega estea "por riba da media" destes trece territorios.

Inicio da acampada ante a sede da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.