O persoal de Xustiza autoriza ao comité de folga a negociar unha suba inferior aos 190 euros mensuais

Votación do persoal de Xustiza en Ourense © AX-CUT

Os traballadores da Administración de Xustiza decidiron en votación autorizar ao comité de folga a rebaixar as esixencias dun incremento salarial de 190 euros mensuais nas súas negociacións coa Xunta e negociar outras cantidades. Nunha votación secreta e en urna levada a cabo nas sete cidades galegas, o funcionariado --en paro indefinido desde o pasado 7 de febreiro-- optou maioritariamente por dar marxe aos seus representantes para baixar as súas pretencións e buscar así un acordo co Goberno galego. 

Os traballadores decidiron autorizar ao comité de folga a rebaixar as esixencias dun incremento salarial de 190 euros mensuais

As votacións desenvolvéronse entre as 12 do mediodía e as 17 horas deste mércores e, á espera dos resultados finais e as porcentaxes, desde o comité de folga xa adiantan que a opción pola que optaron os traballadores é a de autorizar ao comité de folga --no que están integrados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UGT, STAJ, CSIF, CIG e CCOO-- a rebaixar as pretensións. 

Segundo os sindicatos, participaron na consulta algo máis de 1.400 traballadores, dos que o 66% apoiou que eses 190 euros non sexan unha "postura mínima obrigatoria" para seguir as conversas, que a Xunta deu por pechadas e que teñen que volver ser convocadas. O aval a esta opción foi moi maioritario en Ferrol, Lugo, Ourense e Santiago e quedou en arredor do 60% na Coruña, Vigo e Pontevedra. 

O 66% dos traballadores que participaron na consulta optaron por que eses 190 euros non sexan "postura mínima obrigatoria"

A votación levouse a cabo no 43º día de folga, no que o seguimento, malia baixar un chisco, mantívose nos niveis que tivo durante o conflito. Xunta e os sindicatos volven discrepar sobre os datos, aínda que a Administración recoñece que 929 persoas foron á folga, cun 33,8% de seguimento, e as centrais elevan a cifra até o 77%.

Na votación os traballadores decidían se mantiñan a reclamación de incremento de 190 euros no complemento autonómico transitorio (CAT) de maneira lineal ou se aceptarían unha diminución. Mentres que o comité de folga rebaixou as súas pretensións desde os 400 euros do inicio do conflito, a Xunta aumentouna desde os 27, 35 e 50 euros --segundo os corpos-- ata os 135 euros máis mensuais para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os corpos de auxilio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.