O primeiro ano do novo 'cheque bebé' rexistrou a maior fenda entre nacementos e mortes dende que hai datos

Nenas e nenos dunha escola infantil, durante un acto da Xunta © Xunta

O 3 de decembro de 2015, doce horas antes do comezo da campaña das eleccións xerais, a Xunta presentaba o seu novo 'cheque bebé'. O presidente Feijóo e o conselleiro de Política Social, que levaba apenas dous meses no cargo, explicaban que no tamén ano electoral de 2016 chegaría a 'Tarxeta Benvida', unha achega de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de cada bebé nado en Galicia para adquirir produtos básicos infantís que despois sería ampliada aos anos seguintes e, máis recentemente, a nenas e nenos de ata 3 anos en familias con poucos recursos. Durante 2016 a Consellería pagou case 11.000 euros en horas extra para que o persoal tramitase o 'cheque bebé', cuxo custo foi naquel primeiro ano 400.000 euros superior ao previsto. Púñase así en marcha unha das medidas estrela do plan da Xunta para tentar reverter a fonda crise demográfica galega nun ano, o 2016, que vén de ser certificado como o da maior fenda entre nacementos e mortes no país dende que hai datos.

Durante o ano 2016 os nacementos foron 19.062 e os falecementos, 31.757

O negativo panorama que xa bosquexaran as estatísticas provisionais vén de ser ratificada polas definitivas, que o IGE publicou esta semana. Durante o ano 2016 os nacementos foron 19.062 e os falecementos, 31.757, unha diferenza de 12.521 persoas que afonda na senda descendente iniciada no ano 2008 e que supera amplamente o que ata agora era o dato máis negativo da serie, o que certificara que en 1999 morreran 10.500 persoas máis das que naceran. O saldo vexetativo galego encadea deste xeito practicamente tres décadas en cifras negativas e deixa claramente atrás o leve amortecemento da pasada década.

Os datos definitivos do 2016 amosan ademais que xa son menos dunha quincena os concellos galegos que se manteñen como pequenas illas nas que nace máis xente da que morre, a práctica totalidade na contorna das cidades. Unha vez máis a capital da natalidade galega volve ser Ames, o municipio lindeiro con Santiago no que o saldo vexetativo é foi positivo en 193 persoas. Ségueo un concello situado á beira da Coruña, Arteixo, con 97 nacementos máis que mortes, e á continuación sitúases outros dous da área de influencia de Vigo, O Porriño e Salceda de Caselas, con saldos positivos de 45 e 35 persoas.

No que atinxe ás sete principais cidades do país os saldos vexetativos son negativos en todas elas, aínda que as cifras son dispares e están necesariamente condicionadas polas dos concellos das súas áreas de influencia. O que mellor resultado presenta é Santiago, cun saldo vexetativo practicamente plano no que as mortes foron só 5 máis que os nacementos. Entre as cidades cuxa poboación se sitúa na contorna un chisco por riba ou por baixo dos 100.000 habitantes o peor saldo vexetativo foi o de Ferrol. Nas de máis de 200.000 tanto A Coruña (-721) como Vigo (-584) teñen saldos negativos, aínda que nos dous casos teñen nas súas proximidades algúns dos municipios que presentan saldos positivos.

Os datos do Instituto Galego de Estatística constatan ademais o paulatino atraso na idade das nais que teñen fillas e fillos en Galicia. Non en van, case o 80% dos nacementos do 2016 foron de nais que xa cumpriran os 30 anos e o 10,2% dos bebés foron de mulleres que tiñan máis de 40 anos. Mentres, os bebés nados en 2016 cuxas nais tiñan menos de 30 anos foron apenas o 21%. Dez anos antes, en 2016, case o 35% das nenas e nenos que naceran en Galicia tiñan nais menores desta idade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.