O proxecto megamineiro en Touro avanza entre alegacións ao estudo ambiental

Zona mineira en Touro onde se prevé o proxecto © Atalaya Mining

O pasado mes de febreiro, Atalaya Mining, xigante da mineiría, exerceu unha opción de compra para entrar no capital de Cobre San Rafael. Mercou o 10% da empresa galega, que procura reactivar unha antiga mina de cobre entre os municipios de Touro e O Pino empregada agora como depósito para extraer material de construción, a expensas de obter os permisos necesarios para sacar de novo cobre, momento no que ampliaría a súa participación até o 80%, tal e como aclaraba a Bolsa de Londres

Atalaya Mining, controlada por unha multinacional suíza, pactou entrar no capital de Cobre San Rafael para reactivar a mina de cobre

Atalaya Mining, empresa na que a multinacional suíza das materias primas Trafigura é o primeiro accionista co 22% do capital, pactou esta opción para entrar no capital de Cobre San Rafael co obxectivo de reactivar a actividade na mina, a 27 quilómetros de Compostela (15 en liña recta) e a menos de 2 do Camiño Francés. O proxecto, tal e como publicou o DOG o pasado 25 de agosto, atópase agora en fase de información pública ao Estudo de Impacto Ambiental presentado pola compañía galega. E as mineiras continúan dandos pasos para levalo adiante. 

Até o momento, Cobre San Rafael contaba cun capital de unicamente 3.000 euros a súa administración recaía en Eva Gómez Portela, representante de Explotaciones Gallegas, que é o socio único da compañía creada ad hoc para reactivar a mina. A firma vén de ampliar capital en 5 millóns de euros e o pasado mes de xuño, Atalaya Mining anunciaba que asinara xa unha opción para adquirir o 100% de Explotaciones Gallegas, unha compra que sería oficializada en caso de que se exercese finalmente esa posibilidade. O administrador, ademais, pasa a ser Alberto Lavandeira, ex-presidente de Río Narcea e responsable dos dous proxectos que Atalaya impulsa no Estado: a mina de Río Tinto, en Huelva, e esta de Touro.

A alianza prevé que se reanude a extracción de cobre e que Atalaya Mining aumente a súa participación ata facerse coa firma galega 

O acordo, tal e como se explicaba a finais de agosto, consistía nunha "alianza" de Explotaciones Gallegas con Atalaya Mining para "reanudar a extracción de cobre" nesta zona mineira e aclaraba que a multinacional iría aumentando a súa participación ao tempo que avanzase a explotación. Antes, debía obter os dereitos de exploración dunha superficie de 122,7 quilómetros cadrados, coa maior parte do pagamento condicionado a obter eses permisos, pendentes da resolución da Xunta.

As previsións da empresa falan dun investimento de 200 millóns nos primeiros 18 meses da explotación e da xeración duns 400 empregos directos e un milleiros máis de indirectos e inducidos. Todo avalado por uns estudos de viabilidade que resultaron positivos para ambas as dúas compañías. 

Salvemos Cabana advirte de "consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación"

Ante esta situación, xa hai reparos. O colectivo Salvemos Cabana anunciou que presentará alegacións durante esta fase aberta de información pública ao Estudo de Impacto Ambiental presentada por Cobre San Rafael. A plataforma advirte dun "complexo de minería metálica a ceo aberto de case 700 hectáreas de extensión" entre Touro e O Pino, así como da instalacións de máis de dez liñas de cuarta e alta tensión de 14 quilómetros entre os municipios de Touro e Arzúa, "o desvío de dúas canles fluviais, numerosas entulleiras de grandes dimensións e o desenvolvemento de labores de procesado en contíiuo de 24 horas e 7 días por semana a pouco máis de 15 km. en liña recta da capital galega e a menos de 2 km do Camiño Francés a Compostela".

O xacemento de Touro é zona mineira en uso desde o pasado século XIX. Estivo operativo como ina de cobre entre os anos 1973 e 1986. Salvemos Cabana considera que o "proxecto megamineiro" que agora se pretende "podería ter consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación tanto pola técnica empregada (minería a ceo aberto a gran escala), como polo feito de que unha das entulleiras propostas e un dos depósitos é dos denominados "estériles PAG”, potencialmente xeradores de drenaxe ácida e coa capacidade de contaminar tanto solos como augas superficiais e subterráneas".

Para o colectivo, este vertedoiro de estériles PAG tería unha capacidade máxima de 58 millóns de toneladas e "unha pegada máxima de ocupación de 484.000 metros cadrados, chegando contemplarse unha altura de ata 100 metros". Ademais, advirte dun plan "post-clausura" incluído no Estudo de Impacto Ambiental segundo o cal, a "única responsabilidade" de haber problemas nas medidas correctoras "sería da Administración pública". De feito, a plataforma lembra que anteriores episodios de minería metálica en Touro "xa provocaron un problema ambiental de case imposible solución en augas superficiais e subterráneas", e que ríos como o Brandelos, Laña, Pucheiras, Felisa e Portapego "sufriron os seus efectos, o que levou ao Defensor del Pueblo en 2015 a reclamar á Xunta unha actuación eficiente polo desastre ambiental xerado pola actividade extractiva".

"Un recordatorio de cales poden ser as consecuencias da aprobación da lei de fomento empresarial que pretende impoñer o PP"

Alén de todo isto, Salvemos Cabana cre que esta iniciativa empresarial "pode servir de recordatorio de cales poden ser as consecuencias da aprobación da lei de fomento empresarial que pretende impoñer o PP, que modifica de maneira significativa varios artigos da lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, chegando a outorgar a utilidade pública no mesmo acto administrativo de resolución de expediente e na que se acurtan os prazos de exposición e os informes preceptivos doutros organismos como Medio Ambiente deixan de ser determinantes, deixando a criterio da Consellería de Industria e a Dirección Xeral de Minas cando e cómo aprobar calquera tipo de proxecto extractivo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.