O PSdeG reclama que a Xunta colabore na identificación dos 54 galegos mortos na prisión de San Cristovo

En maio a Xunta negouse a participar na declaración pola memoria histórica asinada en Navarra pola maioría dos gobernos autonómicos © Goberno de Navarra

O pasado 22 de maio representantes de 13 gobernos autonómicos (todos agás Madrid, Murcia, Castela-A Mancha e Galicia) reuníronse en Navarra para participar no 1º encontro da Rede Interautonómica de Memoria Histórica, explorando as posibilidades de colaboración entre territorios para avanzar nos procesos de recuperación dos restos das persoas represaliadas polo Franquismo. O encontro serviu tamén para homenaxear os case 800 presos republicanos que 80 anos antes (o 22 de maio de 1938) se fugaran da prisión de San Cristovo. Máis de 200 foron asasinados no acto e outros moitos executados posteriormente.

Así, a Xunta decidiu non participar neste encontro, a pesar de que case 200 dos fugados eran galegos e de que 54 morreron no intento. No marco do proxecto Ezkaba o Goberno de Navarra fixo un chamamento a outras comunidades para que colaborasen na identificación e recuperación dos cadáveres, dos que en moitos casos se descoñece o seu nome.

 “Galicia non pode estar aparte” desta iniciativa para “honrar á memoria de moitos galegos e galegas”, dixo Burgo

O PSdeG-PSOE vén de presentar no Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta de Galicia atenda a petición de axuda lanzada por Navarra. A deputada Concepción Burgo afirmou que o Goberno galego “non quere nin levantar o teléfono para ofrecerse a axudar na localización dos familiares dos presos". “Galicia non pode estar aparte” desta iniciativa para “honrar á memoria de moitos galegos e galegas”, dixo Burgo, que acusou ao Executivo de Núñez Feijoo de “non ter feito nunca nada pola Memoria Histórica”. A parlamentaria socialista subliñou a “preocupación brutal” que provocan estas posicións políticas, sinaladamente “co que temos no PP nacional e andaluz” e os seus acordos coa “extrema dereita de Vox”.

Entrada ao forte San Cristóbal, no monte Ezkaba Dominio Público Jorab

654 galegos presos

O Forte de San Cristovo, situado no monte Ezkaba de Pamplona, foi utilizado dende o golpe militar de 1936 ata 1945 como cárcere de presos políticos chegados de toda España. Estaba considerado como o penal máis duro 
do franquismo. Proxectado para 350 persoas, chegou a recluír ata 2.500 en condicións inhumanas. 

Un dos organizadores da fuga foi un galego, Antonio Valladares. E tamén era galego o último detido entre os 800 fugados, Amador Rodríguez Solla

Por el pasaron neses anos 654 galegos. Como destacaba Francisco Xavier Redondo Abal neste artigo: "Non houbo entre eles líderes políticos nin intelectuais nin artistas. Eran xente do común: labregos, mariñeiros, canteiros, albaneis. Moitos militaban na CNT". Os primeiros chegaron ao forte o 14 de decembro de 1936: eran nove persoas procedentes de Lugo, xulgadas en consellos de guerra e condenadas a reclusión perpetua por defender o réxime legal e constitucional republicano. 

Un dos organizadores da fuga foi un galego, Antonio Valladares. E tamén era galego o último detido entre os 800 fugados, que non foi apresado ata o 14 de agosto: chamábase Amador Rodríguez Solla e era natural de Salceda de Caselas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.