O Valedor censura a Xunta por non informar sobre o Monte Pindo

Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural

O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a queixa da Asociación Monte Pindo e actuará novamente contra a Xunta "pola vulneración dun total de cinco leis" que a obrigan a facilitar a información medioambiental que lle soliciten. Así o vén de comunicar o colectivo en defensa do Olimpo Celta de Carnota.

A Xunta leva nove meses sen responder á Asociación Monte Pindo ás preguntas sobre a xestión do Olimpo Celta

A denuncia da asociación xurdiu logo de que o 5 de febreiro de 2014 a entidade veciñal solicitase á Xunta toda a información relativa ao Consorcio polo cal o Concello de Carnota, titular da propiedade, lle outorga a xestión do Monte Pindo e, nomeadamente, os gastos que a administración autonómica ten desenvolvido no espazo natural que lle comprende xestionar en virtude desta xestión. Esta solicitude é compartida polo Concello de Carnota e pola comunidade de montes de Caldebarcos.

Segundo aclara a Asociación Monte Pindo, nove meses despois "a solicitude segue sen ningunha resposta", o que vulnera de xeito flagrante as lexislacións galega, española e europea reguladora do dereito de acceso información de carácter mediambiental (Directiva 2003/4/CE, Ley 30/1992, Ley 38/1995, Ley 27/2006 e Lei 1/1995).

"A Xunta non só incumpre, senón que reincide", asegura o colectivo, que lembra que esta é "a segunda ocasión en que o Goberno infrinxe a súa obriga a facilitar a información", o que xa motivara outra actuación do Valedor do Pobo contra a Xunta, naquela altura por negarse a informar sobre o alcance do incendio que en setembro de 2013 arrasara o Monte Pindo.

O Valedor actuará contra a Xunta e advirte das súas críticas no vindeiro informe por negarse o Goberno a informar sobre o alcance do incendio

Aquela actuación rematara cun informe de José Julio Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo en funcións, certificando o incumprimento da Xunta, o que porá en coñecemento do Parlamento Galego no seu informe anual mediante un comentario crítico, tal e como recoñece o Alto Comisionado nese primeiro informe.

"O feito de que a Xunta novamente volva infrinxir as mesmas normas demostra que existe unha clara vontade de ocultar e negar información que o pobo ten dereito a coñecer, e polo tanto de vulnerar sistematicamente as súas propias leis asi coma as españolas e europeas", asegura a Asociación Monte Pindo, que xa advirte que esta acgtitude "pode conlevar consecuencias legais".

O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.