O verán empeora o déficit de pediatras en Galicia

Nenas e nenos nunha actividade de lecer infantil © Xunta

En Galicia faltan pediatras. Na actualidade traballan no país algo máis de 300 profesionais en centros de saúde e uns 160 en hospitais, un pediatra para cada 938 nenos e nenas, unhas cifras insuficientes en moitas zonas, que están a derivar en sobrecarga de traballo para o persoal, substitucións por facultativos non especialistas e en determinados momentos a obriga para as familias de desprazarse a outros centros de saúde e outras localidades para recibir a atención médica. A situación empeora no verán, coincidindo cos baixas e vacacións, que en moitas ocasións non atopan substitutos e substitutas ou que son cubertas por médicos de familia.

A falta de pediatras "impide cubrir xubilacións, baixas e vacacións, obrigando aos médicos a ter que facer prolongacións de xornada e intersubstitucións, asumindo a axenda do compañeiro que falte", alerta a CESM

O sindicato CESM alerta de que "a falta de pediatras de Atención Primaria no Sergas está a provocar que máis do 50% dos facultativos padeza a Síndrome de Burnout, pola tensión e a ansiedade que lles produce a sobrecarga de traballo". Sinalan que a falta de pediatras "impide cubrir xubilacións, baixas e vacacións, obrigando aos médicos a ter que facer prolongacións de xornada e intersubstitucións, asumindo a axenda do compañeiro que falte". Isto provoca, denuncia, que en ocasións os profesionais teñan que pasar consulta a 50 pacientes "cando non deberían ser máis de 35".

A situación máis crítica prodúcese na área sanitaria de Vigo, di o sindicato

A situación máis crítica prodúcese na área sanitaria de Vigo "onde se pode dar a circunstancia de que nunha quenda de tarde nun Centro de Saúde con dous pediatras, se un dos profesionais colle unha baixa, o outro deberá atender as urxencias dunha poboación infantil de máis de 4.000 pacientes, ademais da súa consulta ordinaria e a axenda do seu compañeiro", subliña a CESM. "Esta situación no caso de Vigo levou ao Sergas a tomar a determinación de pechar durante os meses de xullo e agosto o servizo de pediatría de tarde nos centros de saúde de Coia, Rosalía de Castro-Beiramar, Lavadores, Navia e Nicolás Pena, o que afecta a unha poboación de máis de 15.000 nenos", di.

De igual xeito, durante xullo e agosto Malpica e Coristanco ficarán sen pediatra, tendo que desprazarse a Carballo e en Zas as horas semanais de servizo reduciranse de 35 a 15 horas. Sergas, colexios médicos e sociedades científicas veñen de poñer en marcha grupos de traballo para valorar a redistribución dos pediatras nos centros de saúde, para concentralos en menos lugares e facilitar as baixas e substitucións.

Recentemente, o presidente do Consello de Colexios Médicos de Galicia sinalou o déficit de pediatras como "o problema más complexo en todo o país". E, de igual xeito, a presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap), Amparo Rodríguez Lombardía, denunciou que "non temos practicamente xente para cubrir substitucións" e que ao redor dun "13% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia".

Entidades profesionais afirman que se necesita de forma inmediata a contratación de entre 30 e 40 profesionais para paliar as eivas máis urxentes

Estas entidades calculan que neste momento se necesita de forma inmediata a contratación de entre 30 e 40 profesionais para paliar as eivas máis urxentes. De momento, a Consellería de Sanidade xa solicitou ante o Ministerio a ampliación do número de pediatras en formación MIR cada ano, pasando de 20 a 26. Porén, dende a Asociación de Pediatría en Atención Primaria de Galicia sinálase que esta sería una solución a "longo prazo", sen efectos sobre a sobrecarga de traballo que na actualidade están a sufrir os e as profesionais.

Ao redor de 80 pediatras xubilaranse nos vindeiros 5 anos en Galicia

Ademais, dende estes colectivos advírtese de que a situación empeore nos vindeiros anos por mor do envellecemento dos e das pediatras. O 75% teñen máis de 45 anos, o 40% teñen máis de 55 anos e o 25% superan os 60 anos. Son datos a nivel estatal, pero ampliables á situación que se vive en Galicia, sinalan. Ao redor de 80 pediatras xubilaranse nos vindeiros 5 anos en Galicia.

 

A AEPap iniciou unha campaña en defensa da Pediatría de Atención Primaria © AEPap
O 13% das prazas de Pediatría en Galicia están cubertas por persoal non especialista © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.