O vigués que levaba meses reclamando ter a documentación do Sergas en galego ve recoñecido o seu dereito

Unha das respostas que o CHUVI lle remitiu Dominio Público A Mesa

O cidadán de Vigo que denunciara o pasado 13 de marzo a través da Mesa que levaba 237 días na lista de agarda do Sergas para unha intervención cirúrxica só por solicitar a documentación necesaria en galego vén de obter ao fin o dereito a asinar o consentimento informado na súa lingua. Este veciño da cidade olívica xa tivera previamente problemas polo mesmo motivo no vigués Hospital de Fátima, de titularidade privada mais concertado co Sergas, onde alén da negativa inicial a facilitarlle ningunha documentación na lingua propia de Galicia mesmo o chegaran a ameazar con non operalo se non asinaba o consentimento informado en castelán.

Chegou a obter respostas por escrito, asinada pola supervisora de atención ao usuario do centro hospitalario, na que practicamente lle negaba o seu dereito a recibir a documentación solicitada en galego e lle recordaba que o castelán tamén é unha lingua oficial

Unha vez que a mesma situación se reproduciu no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) o afectado dirixiu en repetidas ocasións queixas a diferentes instancias do Sergas e mesmo chegou a obter respostas por escrito, asinada pola supervisora de atención ao usuario do centro hospitalario, na que practicamente lle negaba o seu dereito a recibir a documentación solicitada en galego e lle recordaba que o castelán tamén é unha lingua oficial. 

A Mesa parabenízase pola resolución favorable aos intereses dun cidadán que solicitou poder exercer os seus dereitos lingüísticos e destaca a “exemplaridade” da súa constancia e firmeza á hora de exixir non ser tratado “como un cidadán de segunda” por solicitar un documento na lingua propia de Galicia. Porén, a asociación presidida por Carlos Callón considera “moi lamentábel” que para poder exercer dereitos civís básicos “plenamente amparados nas leis” haxa que, previamente, someterse “ás doce probas de Hércules”. A Mesa exíxelle á Consellaría de Sanidade que o do paciente vigués sexa “o derradeiro caso” de vulneración de dereitos lingüísticos na sanidade galega e que situacións como a vivida por esta persoa “nunca máis afecten a ninguén”.

O propio afectado, malia ver ao fin satisfeito o dereito que levaba tanto solicitando, confirmou que está a valorar coa súa avogada presentar unha demanda xudicial contra o Sergas polos danos e prexuízos ocasionados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.