Os afectados pola hepatite pídenlle á Xunta que non se "escude" detrás do Ministerio

Acción da plataforma na Praza do Obradoiro © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

O pasado venres, cando representantes da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C visitaron o Parlamento galego para manter xuntanzas con todos os grupos políticos, o Grupo Popular comunicoulles que ao longo desta semana a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, os recibiría, para así poder trasladarlle á máxima responsable da sanidade en Galicia a súa problemática e reivindicacións. Non hai aínda unha data fixada para ese encontro, pero o máis probable é que se produza o xoves, xusto despois da xuntanza do Consello Interterritorial de Sanidade, que terá lugar o mércores e no que se tratará esta cuestión. Mentres, o tempo vai pasando para os milleiros de enfermos e enfermas galegas.

Dende a Plataforma sinálase que a aplicación de Sovaldi é urxente para cando menos trinta mil persoas neste ano 2015 en todo o Estado, unhas tres mil en Galicia. Dende o Goberno central só se garante o medicamento para algo máis de cinco mil

Dende a Plataforma sinálase que a aplicación de Sovaldi (fármaco para o tratamento da Hepatite, da farmacéutica Gilead, cunha eficacia superior ao 95%) é urxente para cando menos trinta mil persoas neste ano 2015 en todo o Estado, unhas tres mil en Galicia. Son enfermos e enfermas cuxa doenza se atopa nunha fase avanzada e para os cales o tratamento pode significar a diferenza entre vivir e morrer. Así llo din os seus médicos, e así o sinalaron numerosos expertos, e tamén a Asociación Española de Estudo do Fígado, que elaborou informes nos que critica as limitacións establecidas polo Ministerio para a aplicación destes tratamentos. E é que dende o Goberno central só se garante o medicamento para algo máis de cinco mil.

O Goberno central ten a primeira palabra, pero a Xunta, con competencias plenas en saúde en Galicia, ten a derradeira, e así llo lembrarán esta semana á Conselleira de Sanidade os representantes da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C. "A posición do Ministerio é cerril e insostible. Pero a Xunta fai que a situación sexa peor para os pacientes, porque nin sequera se cumpren eses hiperrestritivos criterios", denuncia Quique Costas. "O que queremos saber é se en Galicia se lle vai dispensar o tratamento, como mínimo, a todos os pacientes en fase cirrótica. Isto depende da Xunta, non depende do Ministerio. O Ministerio o que pode dicir é que só vai pagar un número determinado de tratamentos, pero a Xunta pode pagar a maiores os que queira. Son as súas competencias e non pode dimitir delas, non pode escudarse detrás do Ministerio", engade.

Costas pon como exemplo a situación, moi diferente, que se está a vivir en Euskadi. Alí, o Goberno vasco fixou uns requisitos moito máis inclusivos, realizando unha achega extraordinaria de fondos, que fan que o tratamento chegue a moitos máis pacientes dos que o Ministerio financia.

"A única batalla na que está empeñado o Goberno neste momento non é unha batalla por restablecer a saúde de milleiros de cidadáns; é unha batalla exclusivamente por neutralizar os efectos sobre a opinión pública"

A Plataforma critica, igualmente, a falta de información existente. Este luns representantes do Ministerio de Sanidade anunciaron que nun prazo non inferior a tres semanas estará listo un primeiro borrador do Plan Estratéxico Nacional para a Abordaxe da Hepatite C. Ademais, dende o Ministerio non se quixo precisar cantos pacientes se beneficiarán do novo tratamento ao longo deste 2015, manténdose a estimación ofrecida hai uns días de que o fármaco podería beneficiar a entre cinco e sete mil persoas. "O escurantismo é tan absoluto que a día de hoxe non temos nin idea de cantos medicamentos foron aprobados e subministrados polo Sergas", di Costas.

"A única batalla na que está empeñado o Goberno neste momento non é unha batalla por resolver esta situación ou restablecer a saúde de milleiros de cidadáns, é unha batalla exclusivamente por neutralizar os efectos sobre a opinión pública. É do único que se preocupan. É desesperante", engade Quique Costas. De feito, nas mensaxes que chegan dende o Executivo e o partido que o sustenta mestúranse aquelas que minimizan a urxencia da situación e destacan que a solución está próxima, con outras nas que, directamente, se ataca aos enfermos e enfermas. Este mesmo luns o portavoz do PP no Congreso, Rafael Hernando, acusou a Plataforma de Afectados pola Hepatite C, de carácter estatal, de actuar por "intereses políticos".

"Isto non é un asunto que se poida someter aos tempos da política. Isto non é un abrir a estrada ou non abrila. Este tema significa que se lle salve a vida a unha persoa ou non"

"Isto non é un asunto que se poida someter aos tempos da política. Isto non é un abrir a estrada ou non abrila. Este tema significa que se lle salve a vida a unha persoa ou non. Estamos falando de vidas de persoas, estamos falando de que cada día que pasa hai persoas que entran nunha fase irreversible da enfermidade", di. Pon o exemplo dunha enferma de Compostela, "cirrótica en fase catro, en lista de transplante, con tumores hepáticos, que xa se someteu a unha intervención para que os tumores non progresen"; destaca que "cumpre todos os requisitos fixados no protocolo do Ministerio e da Xunta. Solicitouse o fármaco no mes de outubro, tan pronto como se permitiu facelo, e non lle foi denegado, porque non tivo resposta".

"Isto non é humanamente tolerable. Os pacientes estamos sometidos a unha tortura psicolóxica"

"Isto non é humanamente tolerable. Os pacientes estamos sometidos a unha tortura psicolóxica. A angustia dos pacientes é maior cada día; estamos máis angustiados agora que cando non tiñamos solución, porque nos angustian cos seus anuncios, angústiannos dándonos esperanzas que despois non se cumpren", conclúe.

 

"Milleiros de infectados. Millóns de afectados"

Costas congratúlase, iso si, do impacto que está tendo este tema na opinión pública, converténdose nas últimas semanas nun asunto permanente nos medios, e incorporándose ao debate político. Un dos obxectivos da Plataforma é que a cidadanía se conciencie de que este problema pode afectar directamente un número determinado de persoas (calcúlase que en toda Galicia ao redor de 30 mil persoas sofren esta enfermidade), pero que a doenza e a súa solución preocupa a moita máis xentes: familiares, amigos e persoas próximas. De aí que nos últimos días veñen centrando parte da asúa actividade na difusión dunha campaña de vídeos nas redes sociais, "Milleiros de infectados. Millóns de afectados", que recollen os testemuños de persoas enfermas e dos seus achegados.

Integrantes da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C
Acción da plataforma na Praza do Obradoiro © Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.