Os argumentos da RAG ante o Tribunal Supremo

Plenario da RAG © RAG

O Tribunal Supremo tramita xa o recurso de casación interposto pola Real Academia Galega (RAG) tras os ditames do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o denominado decreto do plurilingüismo. O alto tribunal galego considerou ilegais algúns dos puntos centrais da norma do gabinete de Alberto Núñez Feijóo, tales como o supeditar o reparto da lingua entre materias ao resultado dunha enquisa ou a suposta "liberdade" outorgada ao alumnado para que obvie o idioma en que se imparte cada materia. Non obstante, a institución académica coida que o Superior non atendeu todos os defectos legais da norma.

Segundo o escrito do recurso, ao que tivo acceso Praza Pública, a RAG centra a súa pugna legal en dous argumentos esenciais: no feito de que non foi consultada formalmente durante a elaboración do propio decreto e en que a norma da Xunta modifica, a efectos prácticos, a Lei de Normalización Lingüística, de rango superior. Estes dous aspectos e outros adicionais, sinalan, non foron tidos en conta polos maxistrados do TSXG aínda que a Academia achegou documentación ao respecto: "omitíronse calquera tipo de motivación en relación con documentos e feitos probados de incidencia decisiva para o ditame da sentenza", argumentan.

A Academia considérase "indefensa" ante o TSXG e "degradada" pola Xunta

A Real Academia considérase "indefensa" xa que o TSXG non tivo en conta, di o recurso, que a "intervención da RAG ten que producirse obrigatoriamente" no proceso de elaboración do decreto, toda vez que é unha "corporación necesaria de dereito público". "A RAG pediu oportunamente, en tempo e forma, poder executar as súas funcións científicas e emitir o seu informe sobre unha materia na que se ten rango de autoridade e non se lle respondeu". "As consecuencias da omisión deste trámite -continúa o escrito- son as propias da nulidade de pleno Dereito", ademais de "degradar esta institución á condición de asociación de carácter voluntario e deixar nas mans do Executivo a decisión de determinar cando a RAG é organo asesor e cando non".

A situación "desfavorable" do galego

O escrito considera "evidente" que o Goberno galego cometeu "desviación de poder"

A representación legal da Academia chama a atención sobre "informes de expertos europeos", sobre o Mapa Sociolingüístico de Galicia ou sobre estudos elaborados polo propio "secretario xeral de Política Lingüística como profesor universitario" para advertir que os maxistrados deberían ter en conta os "feitos probados" que "demostran a situación desfavorable do galego", admitida pola propia Xunta en sede parlamentaria, lembran. Malia esta circunstancia, "a norma regulamentaria [o decreto] reduce o ámbito protector cando desenvolve unha lei protectora [a de Normalización]", facéndose "evidente a desviación de poder, pois a potestade regulamentaria non se está axustando á fin para o que foi encomendada.

Estes motivos, unidos a que o TSXG "admite a legalidade dunha norma que reduce a presenza do galego como lingua vehicular a respecto do anterior, deixando o galego como lingua vehicular moi por baixo do castelán" e "proscribindo a presenza do galego" en determinadas materias levan á RAG a recalmar que o Supremo actúe en consecuencia. Esta, din, é unha "situación de discriminación polo poder público", que debería "actuar positivamente para lograr a igualdade" de galego e castelán.

Plenario da RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.