Os catro guerrilleiros de Paramos, achados 67 anos despois

Traballos da ARMH en Paramos, no Val do Dubra © ARMH

Membros da resistencia antifranquista, abatidos nunha violenta persecución en marzo de 1949. Tres homes e unha muller soterrados nunha fosa común dun lateral da igrexa de Santa María de Paramos, no Val do Dubra. Máis de 67 anos despois, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) localizou os seus corpos e comezou este luns os traballos de exhumación que prevé rematar esta mesma semana. No vindeiro ano, e logo das análises xenéticas e da identificación, entregaranse os restos aos familiares, case sete décadas despois do seu asasinato. 

A documentación e os testemuños de veciños que viviron os feitos axudaron a localizar con facilidade os restos

"Esa entrega é o verdadeiro obxectivo final", conta Alejandro Rodríguez, historiador da ARMH que, xunto con varios especialistas máis, dirixe a investigación de forma voluntaria. Toda a documentación achada e os testemuños de varios veciños da localidade que lembran o suceso permitiulles localizar os enterramentos sen demasiada complicación.

"O paso do tempo marcou as vítimas e é inquebrantable; case non hai xa testemuñas directas, pero as poucas que quedan seguen a conservar esa memoria", conta desde o terreo Rodríguez, que explica que agora o traballo é "unificar as dúas partes: o testemuño e a documentación escrita. Son dúas versións que hai que encaixar". E encaixan? En case todo, pero hai unha enorme dúbida que só resolverán os forenses. Toda a documentación manexada, de arquivos militares ou do PCE, da Garda Civil e de bibliografía sobre a guerrilla, ten claro que os catro corpos corresponden aos membros do destacamento Manolito Bello da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia: José María Castelo Mosquera, xefe do destacamento, Vicente Peña, comisario político; Manuel Pena e Manuela Teiga, que actuaba de enlace.

Só os traballos forenses resolverán a gran dúbida: se un corpo esnaquizado por unha bomba é o de Manuel Pena ou o de Erundino Vieito 

No entanto, a identidade de Manuel Pena, non está clara. Segundo tetemuños de veciños e familiares, ese cuarto home sería Erundio Vieito Baña, que desaparece ese mesmo día e que achegados din que escapara cos guerrilleiros da casa de Zas (Negreira) desde onde fuxiran ata Val do Dubra. Aquel corpo fora imposible de recoñecer naquela altura ao falecer a consecuencia da explosión dunha bomba de man e malia que os catro cadáveres foran expostos ao público nun depósito. "Só as análises forenses e as mostras de ADN nos darán a resposta definitiva", advirte Rodríguez. 

Enterrados -algo inusual na represión franquista- en caixas de madera e no adro da igrexa de Paramos, ata esa localidade chegaran logo dunha cruel fuxida. Foran descubertos xunto a outro compañeiro -Manuel Ramiro, que lograría escapar máis tarde- o 5 de marzo de 1949 na casa onde se refuxiaban na parroquia nicrariense de Zas. Ben cedo, a Garda Civil rodeou a vivenda de Carmen Teiga, quen os acollia, e tras un tiroteo escapan do cerco. Pero alí foi abatida Carmen Temprano, outra compañeira que, ante as graves feridas, foi rematada por José María Castelo. Xa moi débil, antes teríase provocado a si mesma un aborto con menciñas caseiras. Foi enterrada esa mesma tarde no cemiterio de Aro. 

Todos os guerrilleiros foran asasinados agás Manuel Ramiro, que escapa e é descuberto aínda tres anos despois

Os guerrilleiros continúan a fuxida acompañados de Manuela Teiga, sobriña da dona da casa onde residía e onde colaboraban cos escapados. Coa axuda de cabalos, continúan cara ao norte con Vicente Peña ferido ata que son sorprendidos a vinte quilómetros, nos montes de Paramos. Son cercados e tras un tiroteo caen asasinados todos agás Manuel Ramiro, que logra escapar para ser descuberto tres anos despois e morrer en Mesía. 

Os corpos dos guerrilleiros son levados ao adro da igrexa parroquial e, tantos anos despois, os testemuños dos veciños axudaron a atopalos. Agora, os voluntarios da ARMH están acabando de abrir a zona. "Iremos limpando todos os restos e documentando todo o que atopemos alí; unha vez limpo, exhumaranse e trasladaranse ao laboratorio que temos no campus de Ponferrada", explica Rodríguez, que prevé acabar estes primeiros labores o xoves ou venres desta semana. Logo, ao laboratorio chegarán os forenses para definir o sexo, a idade, a altura e as casuas da morte dos guerrilleiros, para logo dar paso á análise xenética e ás tomas de mostras de vítimas e familiares. "Será cando se resolva todo o misterio".

O traballo é "nun 80% voluntario": o forense chega de Coimbra e as mostras xenéticas son analizadas na Arxentina

E todo cun traballo que é "no seu 80% voluntario". De feito, o forense que colabora é portugués e chegará desde Coimbra a Ponferrada a finais de ano. Logo, as mostras xenéticas envíanse a Arxentina, onde serán analizadas por un equipo de antropoloxía forense que é "o único que axuda a realizar estes traballos". Se todo vai ben, nos primeiros meses do ano que vén debería rematar o caso, confirmar as identidades dos asasinados e entregar os seus restos ás familias. "Só aí teremos cumprido o propósito final", remata. 

José María Castelo e Erundino Vieito © ARMH
Igrexa de Paramos, onde están enterrados os guerrilleiros CC-BY-SA Xosé Antonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.