Os gandeiros de Lugo manteñen as protestas cunha cazolada na sede da Xunta

Gandeiros e gandeiras ante o edificio da Xunta en Lugo © Revista Afriga

Os gandeiros de Lugo manteñen as mobilizacións durante as festas. Agromuralla, colectivo que actúa á marxe da Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego, convocou este mércores unha cazolada ante o edificio administrativo da Xunta na capital lucense. Arredor dun cento de produtores e produtoras para reclamar unha solución de vez á crise do sector lácteo e aos baixos prezos que seguen a cobrar as explotacións galegas polo leite. 

Un cento de gandeiros e gandeiras entraron no edificio da Xunta, onde levaron a cabo unha cazolada

"Facemos ruído para ver se así nos escoitan en algún lado", explicaban os gandeiros, que acabaron entrando no edificio da Xunta en Lugo. A piques de cumprir tres semanas de protestas, e cos seus tractores aparcados aínda na Ronda da Muralla, o colectivo centra agora a súa campaña nas administracións, ás que reclama que aumente as inspeccións para controlar a entrada de leite foráneo. No entanto, as sensacións entre os produtores é que o Nadal, as negociacións para un futuro Goberno en Madrid e a etapa final da lexislatura en Galicia non acelerará as solucións que tanto solicitan. 

Agromuralla pide solucións aos gobernos e critica os acordos da Plataforma coas cadeas de distribución

Manuel Neira, un dos gandeiros, non desaproveitou a oportunidade para criticar os acordos que a pasada semana alcanzou a Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego con varias cadeas de distribución, que incrementaron os prezos do leite que comercializan en dous céntimos por litro, prometendo que este repercutiría nas granxas. Para este voceiro de Agromuralla, son "acordos entre as distribuidoras para calmar a cousa e pasar o Nadal na casa". 

Ademais, segundo Agromuralla, continúan chegando tractores a Lugo para unirse ás protestas, que continuarán este xoves cando os gandeiros se vovlan concentrar ante o edificio administrativo da Xunta para comer as uvas típicas de fin de ano pero unhas horas antes da medianoite. 

O Ministerio xa ve beneficios polo acordo lácteo

Por outra banda, o primeiro informe de seguimento do acordo lácteo divulgado este mércores asegura que xa tivo efecto nos mercados, polas medidas adoptadas por algunhas empresas da distribución e industrias, e aclara que os seus efectos serán máis visibles no medio e longo prazo.

O Ministerio de Agricultura asegura nun comunicado que hai "un ambiente proactivo e construtivo de traballo no que, de xeito progresivo, vanse obtendo resultados cuxos efectos serán duradeiros e positivos para o sector". Destaca o compromiso da Interprofesional Láctea (Inlac), así como o traballo realizado polas asociacións representativas da distribución, as asociacións dos produtores e a industria.

O Ministerio cre que os efectos serán máis visibles no medio e longo prazo

O estudo céntrase en avaliar o cumprimento dos compromisos asumidos polos asinantes do acordo, e inclúe o estado de execución das tarefas que se encomendan ao Ministerio. O Estado subliña que as súas actuacións a curto prazo centráronse na tramitación, xestión e pago (directamente ou a través das comunidades autónomas) dos 45,5 millóns de euros en concepto de axudas de liquidez.

Segundo apuntou, en moitos casos estas axudas xa se fixeron efectivas aos gandeiros, xunto coa maioría de importes das axudas directas da Política Agraria Común (PAC), ata os 300 millóns de euros. O informe considera "cumpridos ou cun grao apreciable de avance nos traballos" os compromisos referidos á creación dun Protocolo de Resolución de Incidencias, para dar resposta urxente a prácticas inadecuadas que dean lugar á banalización do produto.

Ademais, indica que se chegou a un consenso practicamente total sobre o contido dun contrato-tipo de compravenda de leite cru, que dará maior transparencia e seguridade ás transaccións entre o gandeiro e a industria, aínda que os sindicatos non ven nel solución ningunha.  Por outra banda, indica que se está traballando para establecer novas modalidades de compra de leite a longo prazo entre industria e distribución, cuxos efectos positivos poidan trasladarse aos gandeiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.