Outra marcha contra ENCE ponlle deberes ao novo Goberno central

Marcha contra celulosas na ría de Pontevedra Dominio Público APDR

Unha nova marcha, a de cada ano, contra as celulosas en Pontevedra. E outra vez unha mobilización que reclama que se elimine a prórroga que o Goberno do PP en funcións concedeu por 60 anos máis a ENCE e se decrete a caducidade da concesión de Elnosa. Eses son os deberes que a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e a cidadanía que se mobilizou este sábado outra vez pon ao novo Executivo do PSOE respecto do complexo industrial de Lourizán. 

"Baixo as fábricas están as praias... E a mellor praia marisqueira da Ría", lembra a APDR

Con saída das alamedas de Marín e Pontevedra, a marcha volveu contar con centos de veciños para amosar outra vez o rexeitamento á situación de ENCE e Elnosa e para, aproveitando do 60º aniversario do maio do 68, aludir á proclama máis senlleira da revolta e lembrar que se, daquela, “baixo os adoquíns estaba a praia”, en Lourizán "baixo as fábricas están as praias... E a mellor praia marisqueira da Ría". 

Lembrou a marcha os 30 anos de mobilización e as "circunstancias especiais" que arrodearon a deste ano: o cambio de Goberno en Madrid que "deixa nas mans do PSOE a decisión de decretar xa a caducidade da concesión de Elnosa", así como "a busca das vías que permitan anular a indecente prórroga de 60 anos concedida polo PP a ENCE". 

A mobilización lembroulle ao PSOE que "se declarou contrario á prórroga e comprometeuse a derrogala"

Así, a APDR "esixe" ao novo goberno español que "cumpra a lei e decrete a caducidade da concesión de Elnosa, unha caducidade que é indiscutíbel desde o momento en que a empresa transmitiu a súa propiedade incumprindo as condicións esixidas no título concesional". E esixiu tamén "a derrogación da prórroga a Ence" e lembroulle ao PSOE que "se declarou contrario á prórroga e comprometeuse a derrogala". "Agora pode facelo e imos presionar por vía xudicial e social para que o faga", advertiron. 

Alén disto, a APDR lembrou a campaña da ILP para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios que se centra na pelexa "contra a eucaliptización do país e a conversión dos nosos montes en reservas forestais para unhas poucas grandes empresas, con ENCE á cabeza". Por iso, reclamou tamén á Xunta que "escoie a voz da rúa" e "mude radicalmente o modelo forestal ditado polos grandes intereses privados". "De non facelo, está nas nosas mans e nos nosos votos mudalo", recordaron. 

Nese manifesto lido ao final da marcha, a APDR deu o seu "apoio" á "loita contra a mina de Touro" e advertiu de que a súa céntrase na pelexa contra "dúas empresas que contan con importantes apoios políticos e mediáticos". Ademais, animou a seguir coa mobilización malia as dificultades e a "non caer no derrotismo".

"Non renunciamos a conseguir a recuperación da nosa ría e as nosas praias, unhas praias que foron ao tempo espazo de lecer e divertimento, e soporte físico de milleiros de postos de traballo; aquelas praias que -en palabras das vellas mariscadoras- 'sacaron moitas fames ao pobo' e que hoxe están baixo a fábrica", clamouse ao lembrar o "obxectivo irrenunciable" que supón "recuperalas".  "Non o esquezamos nunca, debaixo da fábrica están as praias, aquelas fermosas praias que noutrora nos foron roubadas. Nas nosas mans está recuperalas!", remataron. 

ENCE limita a participación a "unhas 500 persoas" e cre que o "baixo seguimento" é un "reflexo da excelencia da fábrica"

A resposta da empresa Ence non se fixo esperar. Minusvalorou a participación cidadá na marcha e limitouna a "unhas 500 persoas" , asegurando que este "baixo seguimento" foi un "claro reflexo da excelencia" da fábrica, "a súa importancia social" e o seu respecto ambiental.

Nun comunicado, a fábrica manifestou que se tratou "da menor de todas as celebradas até a data", polo que considera que "a participación duns poucos centos de persoas na devandita manifestación, é consecuencia directa das melloras que a compañía acometeu nos últimos anos". Unhas melloras que di que teñen como "resultado evidente" que "a Biofábrica de Ence en Lourizán é absolutamente respectuosa co medioambiente e cumpre rigorosamente as máis esixentes normasambientais europeas".

Marcha contra celulosas na ría de Pontevedra CC-BY-NC-ND GzContrainfo
Marcha contra celulosas na ría de Pontevedra © APDR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.