Pacientes de Oncoloxía do hospital de Santiago denuncian "carencias" por mor dos recortes

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital de Santiago (CHUS) denuncia a existencia de importantes carencias no centro, que sobre todo afectan aos e ás pacientes de Oncoloxía. O pasado 11 de xaneiro a nai dun paciente de 28 anos cun tumor cerebral presentou unha queixa formal ante a xerencia do CHUS, alertando das "graves restricións de medios materiais e humanos que padecemos no Hospital de Día". Para a Asociación estas eivas son produto dos recortes efectuados na sanidade pública e neste centro en concreto, por exemplo a través da decisión de non formalizar contratos de substitución para cubrir as ausencias motivadas polos periodos vacacionais do persoal.

"Os días de tratamento os pacientes e acompañantes que somos atendidos no servizo sufrimos esperas de 3 ou 4 horas, cando o normal serían esperas de 60 ou 90 minutos"

A entidade sinala, por exemplo, que "os días de tratamento os pacientes e acompañantes que somos atendidos no servizo sufrimos esperas de 3 ou 4 horas para acceder a sala de tratamento, unha vez feita a analítica e pasada a consulta médica, cando o normal serían esperas de 60 ou 90 minutos". Engade que as salas "son pequenas e manifestamente insuficientes e están sempre cheas con pacientes e acompañantes agardando de que quede un sillón de tratamento libre". Afirma igualmente que "as demoras provocan que os pacientes pasemos sen comer, ou ben optamos por saír ao exterior e regresar posteriormente. En ocasións o tratamento comeza as 6 da tarde e debido ás horas en que remata produce serios problemas de transporte aos pacientes para regresar aos seu domicilio".

Comenta tamén durante o mes de decembro "como consecuencia da redución da plantilla por vacacións do persoal sanitario sen contratos de substitucións", o servizo "viuse seriamente afectado ao estar atendida a sala de citostáticos por tan só dúas enfermeiras, o que é claramente insuficiente para asumir o gran volume de traballo que se produce".

Durante o mes de decembro "como consecuencia da redución da plantilla por vacacións do persoal sanitario sen contratos de substitucións", o servizo "viuse seriamente afectado"

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que a Xerencia "a pesares de coñecer estas circunstancias, fai caso omiso das nosas necesidades e aplica políticas de recorte do gasto". "Só a dedicación do persoal é o que sustenta o tratamento que recibimos e é o garante da súa continuidade en condicións cada vez mais precarias", engade. "Mentres a xerencia alardea da excelencia do CHUS, tratando de rentabilizar como xestión propia a competencia dos profesionais sanitarios, os pacientes e usuarios padecemos no día a día a sanidade real gravemente ferida polas políticas de recorte do gasto", conclúe, demandando "de forma urxente e inaprazable o necesario investimento para aumentar o espazo asistencial" destinado ao Hospital de Día.

Vista do Clínico de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.