Paula Ríos: "O feminismo ten que seguir na rúa, esixindo aquilo que non se cumpre"

Paula Ríos, segunda pola esquerda © Plataforma Feminista Galega

Este domingo o feminismo galego volve á rúa para esixir medidas contra a violencia machista. Trátase da primeira gran mobilización despois do histórico 8 de marzo no que centos de milleiros de mulleres participaron en manifestacións masivas en cidades e vilas. As mobilizacións deste 25 de novembro lembrarán ás distintas administracións e partido políticos todas as demandas que están sobre a mesa, algunhas mesmo xa aprobadas pero aínda non aplicadas, por exemplo un bo número de aspectos do Pacto de Estado que aínda non entraron en vigor.

"Detectamos nos últimos meses unha mudanza de actitude. Nos anos anteriores ao movemento feminista non se nos escoitaba e moitas veces nin sequera se nos convocaba"

Esíxese, ademais, que se poñan en marcha as medidas aprobadas no Pacto de Estado en materia de protección das fillas e fillos das mulleres vítimas. 27 menores teñen sido asasinados por agresores machistas dende 2013, ano no que comezaron a contabilizarse oficialmente este tipo de asasinatos. Demándase, igualmente, a apertura de xulgados específicos de violencia de xénero naquelas cidades que carecen del (en Galicia tan só Vigo e A Coruña teñen un). E pídese un incremento dos orzamentos destinados a políticas de Igualdade, que en Galicia representan apenas o 0,17% do Orzamento da Xunta para 2019: dedicando o 0,14 % do Orzamento para a protección e apoio as vítimas, un 0,018% para a promoción do emprego da muller e un 0,016% a apoio de conciliación e corresponsabilidade.

Ademais, dende as organizacións feministas apóstase polo fomento da educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero. E polo desenvolvemento de plans de formación e sensibilización contra as violencias machistas de obrigado cumprimento para o persoal ao servizo das administracións, especialmente no ámbito social, sanitario, educativo, xurídico e ás forzas e corpos de seguridade do Estado. Falamos con Paula Ríos, unha das representantes da Plataforma Feminista Galega.

"Hai que mudar por completo o funcionamento da xudicatura e é preciso mellorar a formación específica para as persoas que traballan en todos os ámbitos da cadea de etapas que deben seguir as mulleres que van denunciar"

Este é o primeiro 25N despois do histórico 8 de marzo. Percibides que cambiou algo dende entón? As administracións comezaron a tomar máis en serio a loita contra a violencia machista?

O que si detectamos nos últimos meses é, cando menos, unha mudanza de actitude. Nos anos anteriores, con Goberno do PP, ao movemento feminista non se nos escoitaba e moitas veces nin sequera se nos convocaba. Agora hai máis receptividade para escoitar as nosas demandas. Outro cambio é que incrementou o orzamento para combater as violencias machistas. Son mudanzas mínimas, por suposto, non é a panacea. Non baixamos a garda: dende o movemento feminista seguimos criticando que moitas veces as promesas de actuación quedan en simples palabras

Que medidas son máis urxente​s?

En primeiro lugar, hai que mudar por completo o funcionamento da xudicatura e é preciso mellorar a formación específica para as persoas que traballan nos xulgados e en todos os ámbitos que compoñen a cadea de etapas que deben seguir as mulleres que van denunciar. Ademais, hai que ampliar as mulleres que están consideradas vítimas de violencia de xénero: cómpre modificar a lei estatal para que abranga tamén as vítimas de agresións sexuais e as mulleres que son agredidas por homes que non son as súas parellas ou ex-parellas.

"Hai que deseñar campañas nas que se sinalen de verdade aos agresores e evitar que as responsables do que sucede sigan sendo as mulleres"

De igual xeito, hai que deseñar campañas nas que se sinalen de verdade aos agresores e evitar que as responsables do que sucede sigan sendo as mulleres. E esta idea debe estenderse a outras cuestións: non pode ser que teñan que ser as mulleres as que se preocupen de afastarse do seu agresor, as que teñan que preocuparse por se o atopan pola rúa.

Mobilización contra a violencia machista en Vigo | Galiza Contrainfo

E en relación cos menores? Con frecuencia vemos casos nos que os fillos e filla son tamén agredidos ou son usados como un instrumento de chantaxe por parte dos agresores...

Nós seguiremos insistindo en que un maltratador non é un bo pai. E iso a sociedade ten que entendelo: hai que revisar as cuestións da patria potestade ou das custodias. Hai que erradicar calquera idea sobre a existencia do SAP (síndrome de alienación parental), porque hai moitos agresores que se están apoiando nel

"Hai unha caste de revolución, de mudanza, de cara a rematar coas violencias machistas, que os mozos varóns aínda non viron"

Es optimista con respecto ás actitudes que mozos e mozas teñen ante a violencia machista? Estamos mellor neste ámbito que a xeración anterior?

Eu son optimista en tanto que hai moitas mulleres novas que viñeron ser conscientes de cal era a situación das violencias, mozas que están saíndo á rúa e que non van seguir aturando determinado tipo de comportamentos. Hai unha caste de revolución, de mudanza, de cara a rematar coas violencias machistas, que os mozos varóns aínda non viron. No caso dos máis novos hai un problema con que tipo información sobre as relacións están recibindo: ao final o tema da violencia machista é un problema de perpetuar unhas determinadas relacións de poder. E, polo tanto, trátase de mudar esas relacións de poder, de aí que sexa tan perigoso o mantemento do concepto do amor romántico. É unha cuestión de educación: no ensino e nas familias. Isto vai levar un pouco máis de tempo porque implica unha mudanza na sociedade.

"Por moito que unha institución se nomee como 'aliada', nós temos que estar presionando"

Hai administracións que semellan estar facendo un esforzo maior na procura da igualdade e na loita contra as violencias machistas. Que actitude debe manter o feminismo cara a elas?

Parece que agora as administracións, por fin, poñen a orella. Pero unha das leccións que tiramos o 8 de marzo é que o feminismo ten que seguir na rúa. Independentemente do que avancen as institucións, nós temos que seguir aí, sinalando e esixindo todo aquilo que non se cumpre. O 8M foi un pau na mesa, dicindo 'ou mudades ou imos seguir enchendo as rúas'. Por moito que unha institución se nomee como 'aliada', nós temos que estar presionando. 

Acción contra a violencia machista na Coruña | Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.