Pedras do Ofimático para o Concello da Coruña

Veciños de Elviña e Stop Desafiuzamentos, con pedras ante o Concello Dominio Público @BNGACorunha

Unha semana despois do desaloxo en Elviña, membros de Stop Desafiuzamentos, veciños do barrio e o propietario da casa derrubada na Coruña, Álvaro Corral, acudiron á sede do goberno local cargados con pedras do inmoble destruído para entregar no Concello xunto a un escrito. Fixérono este xoves nun acto no que denunciaron "a represión sufrida ese día pola cidadanía" e denunciar as, segundo membros do colectivos contra os desaloxos, "graves neglixencias" que se produciron na actuación da policía local no protocolo de seguridade.

Veciños de Elviña e Stop Desafiuzamentos levaron ao Concello pedras da casa derrubada polo parque Ofimático

Na concentración, na que apareceron dous furgóns policiais, os axentes recriminaron aos veciños que non tivesen pedido autorización, malia que tan só quedaron para entregar un texto ao alcalde, Carlos Negreira. Tamén lle quixeron entregar restos da derruba do inmoble e algunhas pedras foron depositadas á entrada do palacio consistorial, ante a imposibilidade de entrar con elas.

Stop Desafiuzamentos pide á cidadanía que sufrise violencia ou ameazas por parte dos axente que achegue "probas" e asegura que dúas persoas perderon o coñecemento nas cargas policiais, tanto fóra como no interior da casa derrubada co obxectivo de construír equipamentos para o polémico parque Ofimático que se prepara nesa zona da entrada á cidade. O colectivo lembra que "a resistencia foi en todo momento pacífica" e advirte de "lesións" nos brazos de varias persoas.

Ademais, denuncian que a actuación dos axentes "puxo en perigo a vida das persoas que alí se atopaban", tanto no momento no que a escavadora derrubou varias árbores con xente moi achegada ou cando a policía local improvisou unhas escaleiras para desaloxar a xente que se subira ao tellado e que tería provocada a caída dun membro de Stop Desafiuzamentos.

Stop Desahucios denuncia "graves neglixencias" no desaloxo, incluso ao derrubar teitos con amianto

Ademais, tal e como denunciou o dono da casa, a derruba do taller que alí había fíxose "sen tomar as medidas de seguridade necesarias para tratar con materiais altamente contaminantes como o amianto dos tellados, sen ningún tipo de control, con centos de persoas ao redor, supoñendo un grave risco para a súa saúde".

Stop Desafiuzamentos denuncia a "complicidade do Concello da Coruña, e en concreto do concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, así como do alcalde Carlos Negreira, cos intereses lucrativos e especulativos de empresas privadas como Acciona", que ten o contrato de urbanización do Parque Ofimático. "Levamos meses sinalando a falta de coordinación deste Concello para resolver as demandas sociais daquelas persoas en situación de vulnerabilidade desta cidade, e observamos con indignación como si son capaces de coordinarse perfectamente coa policía e empresas privadas para botar unha familia do seu fogar e reprimir a veciñanza solidaria", conta un colectivo que asegura que a pa escavadora "pertencía á mesma Acciona e as funcionarias que acudiron para notificar o desaloxo non se dirixiron en ningún momento a Álvaro Corral ou á súa avogada alí presente". "A propia policía local botouna do recinto a empurróns, impedíndolle asistir a todo o proceso.

O colectivo contra os desaloxos destaca, pola contra, "a solidariedade veciñal vivida en Elviña, a dignidade do corpo de bombeiros -que se negou a colaborar- e o compromiso dos medios de comunicación". Ademais, lembra que esta parroquia rural, das poucas que quedan na Coruña, "segue reivindicando que "se respecte o seu núcleo, que o Concello quere facer desaparecer". Por iso, lembran que as súas alegacións reclamando a desafectación do plan do Ofimático "seguen esperando resposta". "Non se van deter ante os abusos dun Concello que só pensa nos intereses privados dos grandes especuladores", remata.

O colectivo leva recadados preto de 4.000 euros para pagar as multas dos activistas sancionados nos desaloxos

Por outra banda, esta protesta chega mentres Stop Desafiuzaentos continúa coa campaña de achegas para o pagamento das multas que están a recibir varios dos seus membros e cidadáns en xeral por participar nos intentos de paralización dos desaloxos. Púxose en marcha hai uns días tras reafimarse a sanción ao bombeiro Roberto Rivas, condenado por "alterar as masas" durante o desafiuzamento de Aurelia Rey. Polo momento, o colectivo recadou preto de 4.000 euros a través de pequenas colaboracións e agarda chegar aos 7.000 para colaborar no pago das sancións.

As tres persoas, sobre o tellado, coa policía local subindo CC-BY-SA M. Pereira
Veciños de Elviña e Stop Desafiuzamentos, con pedras ante o Concello Dominio Público @BNGACorunha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.