"Podería vostede explicarnos que o moveu a premer un botón que nos fixo tanto dano?"

Os representantes da Plataforma abandonan o Parlamento © Iago López Losada

A pasada semana os votos dos deputados e deputadas do Partido Popular evitaron que o Parlamento galego aprobase unha proposición non de lei para "garantir que o acceso ás novas terapias para os doentes de Hepatite C que o precisan se produza de acordo co criterio dos médicos especialistas que os atenden en cada caso" e que lle demandaba ao Goberno galego que dispuxese "todos os recursos que sexan precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para el Estudio del Hígado". O voto negativo provocou o anoxo por parte do grupo de afectados e afectadas por esta enfermidade que seguían a sesión na propia cámara, que foron finalmente expulsados.

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C remitiulles este martes unha carta, a través do correo electrónico, a todos os deputados e deputadas do PPdeG no Parlamento galego. A misiva esíxelles explicacións sobre o seu voto negativo á proposta. Quique Costas, voceiro da Plataforma, explica que "a interpelación facémola a título persoal a cada un e cada unha, e non colectivamente como grupo, porque pensamos que é a súa responsabilidade persoal dar conta do seu acto en canto que parlamentarios".

"A interpelación facémola a título persoal a cada un e cada unha, e non colectivamente como grupo, porque pensamos que é a súa responsabilidade persoal dar conta do seu acto en canto que parlamentarios"

"Diríxome a Vostede, en nome dun colectivo de persoas que vivimos angustiadas pola certeza de padecer unha enfermidade mortal", comeza o texto, que lembra que "o tempo corre na nosa contra" e que "o noso estado de saúde tende irremisiblemente a empeorar cada día que pasa". "A algunhas vímolas morrer impotentes tras meses de espera por un tratamento que non chegou a tempo, outras levan ata un ano e dous transplantes de agónica agarda", engade.

Sinalan que "atónitos asistimos ao terrible e cruel espectáculo de ver como a maioría da cámara (vostede e as persoas da súa bancada) votaban contra unha proposición que parecía do máis elemental sentido humanitario (ata común, diría eu)" e que "tanto máis atónitos nos quedamos por canto o texto que se sometía a votación lle foi presentado ao seu Grupo en reunión mantida na Cámara o día 7 de decembro, nunha reunión na que se nos ofreceu apoio e na que invitamos a ese Grupo Parlamentario a facernos chegar calquera suxestión referente á redacción do texto coa fin expresa de que este fose asumible por vostedes".

"O voto que vostede emitiu na votación desa proposición o pasado día 11 semella máis un asañamento ou unha vinganza por ignoramos que causas que o froito dunha decisión consciente e meditada. O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada", conclúe, antes de preguntar "Podería vostede explicarnos que parte, palabra, xiro ou expresión do texto o moveu a premer un botón que nos fixo tanto dano?".

"O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada"

"Comprende vostede o anoxo que provocou o seu voto entre aquelas e aqueles que seguíamos esperanzados o debate desde a tribuna? Entende as bágoas de frustración e rabia que o seu acto fixo correr pola meixelas de moitas de nós? E consciente da severidade do dano inflixido e da gratuidade do mesmo?", engade.

Rolda de prensa dos afectados por hepatite C en Galicia Dominio Público @VHCGalicia
Os representantes da Plataforma abandonan o Parlamento © Iago López Losada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.