Polos dereitos das mulleres, polo aborto libre e gratuíto

Protesta contra a reforma da lei do aborto CC-BY-SA Ve-la luz

Día Internacional da Muller Traballadora. Este sábado, como cada 8 de marzo, mulleres de todo o mundo e tamén en Galicia volverán reclamar a igualdade real do xénero feminino e a reivindicar os seus dereitos nun contexto de crise e recortes sociais que acentúan as súas desigualdades. Abonda con repasar os datos que achegan os diferentes informes dos sindicatos sobre a súa situación laboral para comprobar o incremento do paro, da precariedade, da temporalidade ou da parcialidade, unha situación que as centrais e os diferentes grupos feministas sitúan nunha estratexia da dereita e dos poderes máis conservadores para "devolver as mulleres ao rol reprodutivo e de coidado da casa e da familia".

Ás reivindicacións polo Día da Muller Traballadora únense as protestas contra a reforma do lei do aborto

Nesa estratexia encabezada polo PP situaríase, como non, a contrarreforma da lei do aborto que prepara o ministro Gallardón e que, tal e como denuncia a Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto, supón un ataque aos dereitos fundamentais das mulleres, unha volta ao pasado máis escuro e un intento dos sectores máis reaccionarios por "controlar os seus corpos e a súa sexualidade". É este colectivo, formado por sindicatos, formacións políticas e diversas asociacións, a que chama a cidadanía a se mobilizar xa este sábado 8 en Vigo na manifestación convocada pola Marcha Mundial das Mulleres con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, así como nos numerosos actos que se desenvolverán en diversas localidades galegas. Pero tamén o domingo 9 en Compostela, nunha marcha polo dereito ao aborto que pretende "encher a praza da Quintana" nunha "resposta masiva" ante as intencións do Executivo central.

Será unha manifestación nacional "polos dereitos sexuais e reprodutivos" das mulleres que sairá ás 12 do mediodía da estación de tren de Compostela. Pilar Estévez, voceira da plataforma, agarda unha mobilización "masiva", aínda que recoñece que a situación social e económica provoca que "haxa un intenso calendario de mareas e mobilizacións cada pouco". A voceira cre que é fundamental que se visibilice "a oposición á contrarreforma do aborto" para evitar así "que se soterre o debate" pola precampaña das eleccións europeas ou polas intencións do PP de rebaixar a polémica. "Non podemos desistir do noso obxectivo: conseguir deter esa reforma normativa", explica.

Compostela acolle unha manifestación nacional "polos dereitos sexuais e reprodutivos" das mulleres que se espera "masiva"

Será unha nova protesta contra o anteproxecto de lei do aborto do Goberno do ministro Gallardón e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller. Unha norma coa que a interrupción da xestación nas primeiras catorce semanas -o 90% dos casos- xa non será un dereito da muller, senón un delito. Nin tan sequera se permitiría a práctica de abortos ante a presenza de malformacións fetais ou doenzas incurables.

Desde a Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto confían en que a presión social faga recapacitar o PP, aínda que recoñecen que "hai un sector ultracatólico e ultraconservador que ten unha teima co tema e que fai difícil que se deteña". Como líder dese sector sitúase o propio ministro Ruiz Gallardón, do que temen que acabe por "ceder algo" no caso das malformacións para acabar aprobando unha normativa máis retrógrada que a de 1985, aínda que acabe vendéndoa como unha rectificación. "O que é evidente e que, fagan o que fagan, non teñen previsto manternos os dereitos que xa teñen decidido aniquilarnos", insiste Pilar Estévez, que insiste na necesidade de seguir na rúa para deter a contrarreforma.

A plataforma polo dereito ao aborto cre que a posible perda de votantes é o que máis pode facer rectificar ao PP

Por desgraza, Estévez cre que a principal (e case única) motivación que pode levar o PP a variar as súas posturas é a consecuencia electoral. "Por iso intentan soterrar o tema nas últimas semanas de cara aos comicios europeos", asegura. "Hai cousas que se poden cuestionar porque electoralmente pódelles facer dano seguir adiante coa proposta actual; temen polo apoio social que poden perder", insiste unha das voceiras da plataforma, que lembra que "o tema do aborto afecta a todo o mundo e en todas circunstancias" máis aló de ideoloxías ou preferencias partidarias.

A marcha pretende tamén evitar que se soterre un debate que o Goberno intenta obviar a poucas semanas dos comicios europeos

Por iso, a plataforma chama a manifestarse a calquera cidadán que considere este anteproxecto un paso atrás na liberdade e nos dereitos das mulleres. "Hai moita xente no PP que sabe que con esta reforma as mulleres non terán liberdade e que o que provoca pode condicionar a vida delas ou das súas fillas", explica quen cre que "moitos cidadáns que votaron a dereita non eran conscientes ou non agardaban unha contrarreforma coma esta". "Esta mobilización é un chamado a toda a sociedade; a cidadanía está en contra desta lei e hai que demostrárllelo", insiste.

Será unha manifestación para, como di a plataforma, "defender o último bastión dos dereitos sexuais e reprodutivos: o dereito ao aborto, libre e gratuíto". A defensa do que parecía acadado xa hai moito tempo e para sempre. Ata que apareceu Gallardón.

Cartel da manifestación do 9 de marzo Dominio Público Praza Pública
Manifestación en Compostela a prol do dereito ao aborto CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.