Prostitutas sen dereito a contrato porque sería “oposto ás leis e á moral”

Sentenza do TSXG que rexeita a petición da Seguridade Social de recoñecer a relación laboral entre prostitutas e o local no que exercían CC-BY-SA Praza Pública

Cumprían un horario, dispuñan de armarios no local, repartían co seu propietario o que os clientes pagaban polas súas consumicións e exercían a prostitución en habitacións do propio establecemento. Pero aquilo non era unha relación laboral porque o seu sería “un contrato con causa ilícita por opoñerse ás leis e á moral”. Así o vén de ratificar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza emitida o pasado 6 de outubro na que rexeita un recurso da Seguridade Social, que pretendía que se recoñecese a existencia de relación laboral entre unha empresa propietaria dun prostíbulo en Vigo e cinco mulleres.

O Tribunal Superior desestima unha demanda da Seguridade Social que pretendía que se recoñecese a existencia de relación laboral entre un prostíbulo de Vigo e cinco prostitutas

Segundo relata a sentenza como feitos probados, o 15 de xaneiro de 2013, ás 23.12 horas, dúas subinspectoras da Seguridade Social, acompañadas por policías nacionais pertencentes á Brigada de Estranxeiría e Documentación, visitaron o denominado Night Club Deluxe, situado nas aforas de Vigo. Alí “levantaron acta de infración por falta de alta e cotización á Seguridade Social” de cinco mulleres, todas elas estranxeiras. Segundo a sentenza, as mulleres “acudían a dito local, cumprían un horario, dispuñan de armarios no local e incitaban aos clientes a tomar consumicións na parte baixa do local, consumicións das que elas levaban unha porcentaxe e outra a titularidade do local. O local dispuña na planta superior de 14 habitacións nas que as referidas mulleres exercían a prostitución cando os clientes do local subían con elas a tal fin, facilitándolles a empresa un kit hixiénico (sabas, preservativos, etc.) por un prezo de 10 euros”.

O tribunal avala “a ilicitude dun contrato de traballo cuxo obxecto fose a prostitución ao ser a explotación da prostitución allea unha forma de violencia de xénero, de escravitude das mulleres e de actividade contraria a moral”

A Seguridade Social presentou unha demanda de oficio ante o xulgado do Social número 1 de Vigo para que este determinase se existían relación laboral entre as cinco mulleres e a empresa, pero o 5 de maio deste ano o xuíz emitiu sentenza determinando que non era así. A Seguridade Social recorreu por entender que “concorren todos os requisitos para apreciar a existencia dunha auténtica relación laboral entre as camareiras de alterne e a empresa”, pero o pasado 6 de outubro o TSXG emitiu sentenza desestimatoria, avanzada este luns por Faro de Vigo e á que tivo acceso Praza.gal, na que ratifica a decisión previa do xulgado de Vigo. O tribunal lembra outras sentenzas previas e avala “a ilicitude dun contrato de traballo cuxo obxecto fose a prostitución da suposta traballadora ao ser a explotación da prostitución allea unha forma de violencia de xénero, de escravitude das mulleres e de actividade contraria a moral”. E insiste nesa argumentación lembrando que “estariamos ante un contrato con causa ilícita por opoñerse ás leis e a moral”.

O TSXG di que a relación entre as mulleres e a empresa “non sería susceptible de incardinarse no seo da lexislación laboral senón, no seu caso, no Código Penal, na medida en que castiga ao que se lucre explotando a prostitución doutra persoa, aínda co consentimento da mesma”.

O Night Club Deluxe, na estrada Vigo-Baiona, nunha imaxe dunhas semanas antes da súa inspección Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.