Que debes responder cando o teu cuñado solte un bulo racista na cea de nadal?

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Os bulos e noticias falsas convertéronse nunha ameaza crecente nos últimos tempos e puideron ter unha importancia significativa nas vitorias electorais de Trump e Bolsonaro nas eleccións estadounidenses e brasileiras ou no recente ascenso de Vox nas eleccións andaluzas. Estas informacións incorrectas, difundidas maioritariamente a través de Whatsapp (a compañía vén de reaccionar, limitando a 5 o número de veces que unha mensaxe se pode reenviar), están na base de ideoloxías e posicións políticas que moitas veces colocan á poboación migrante no punto de mira, converténdoa en chibo expiatorio e culpable de determinados problemas socioeconómicos.

 "Estamos seguros de que este ano o tema estrela vai ser o discurso racista,  xenófobo e islamófobo"

A ONG coruñesa Ecos do Sur leva un tempo traballando na formación de ciberactivistas para loitar contra os discursos de odio na rede. "Queremos contrapesar eses discursos negativo, xerar unha contrargumentación e un discurso alternativo. Queremos darlles ferramentas ás persoas preocupadas polos dereitos humanos e interesadas na información veraz para que poidan intervir neste tipo de contornas", destacaba Natalia Monje, responsable de comunicación da entidade. É dicir, que esas mensaxes e datos falsos debían ser respondidos, que non se podían deixar pasar. Unha idea na que incidía Edo Bazzaco (SOS Racisme Catalunya), indo máis aló: "Non só hai que responder aos discursos de odio na rede, hai que xerar unha narrativa diferente".

Buscan "botar unha man a todas as persoas que desexan contraargumentar as mentiras prexuizosas do cuñao pero quedan caladas, porque non dispoñen de datos fiables para desactivar os bulos"

Agora a iniciativa CiberRespect (na que participan Ecos do Sur, SOS Racismo e outras entidades) busca levar fóra das redes este esforzo para desmentir estes bulos racistas, incidindo nun espazo moi determinado: as ceas de nadal, encontros familiares, de amigos ou compañeiros de traballo, nos que se poden escoitar este tipo de comentarios. "Todos temos un cuñado, curmá, tío ou xenro que aproveita estas ocasións para lanzar información sen contrastar, bulos e prexuízos contra colectivos diversos. E estamos seguros de que este ano o tema estrela vai ser o discurso racista,  xenófobo e islamófobo", destacan.

CiberRespect lanzou este martes a campaña #NoSilentNight, coa que busca "botar unha man a todas as persoas que ano tras ano, nas reunións familiares, desexan contraargumentar as mentiras prexuizosas do cuñao pero quedan caladas, porque non dispoñen de datos fiables para desactivar os bulos". A campaña destaca seis grande temas que poden xurdir nalgún momento e ofrece unha breve argumentación con datos e estatísticas oficiais:

Concentración na Coruña en memoria dos dous senegaleses mortos en Lavapiés Dominio Público Praza Pública
  • "Non podemos acoller máis refuxiados"

Nun só ano Francia, Gran Bretaña e México acolleron máis de 600.000 refuxiados dun só país: foi en 1939 e os desprazados forzosos eran españois. En 2018, España outorgou asilo a 595 persoas e protección subsidiaria a 4.080. Suman o 0,01% da poboación.

  • "Os inmigrantes teñen paga e piso gratis"

Non hai recursos sociais (vivenda e prestacións) para inmigrantes. Son un dereito que se concede en función da necesidade: renda, membros da familia, grao de discapacidade... É máis: moitas persoas estranxeiras non poden acceder á maioría das prestacións, debido á súa situación administrativa.

  • "Co diñeiro 'das pagas' marchan de vacacións"

Ilóxico e improbable. Todas as rendas sociais están estreitamente controladas. As persoas que as reciben demóstranlles con documentos aos traballadores sociais das diferentes administracións en que empregaron cada céntimo e non se permite ningún gasto fóra do imprescindible. Se non se cumpre, retírase.

  • "Cada día chegan máis. Isto é unha invasión!"

O número de persoas inmigrantes descendeu en España dende 2011 e estímase que farán falla 5 millóns nos próximos anos para paliar o envellecemento e a crise demográfica na que estamos sumidos. Hoxe en día, achegan máis á Seguridade Social do que reciben.

  • "Arranxade primeiro o de aquí e, se sobra, axudade aos estranxeiros"

As persoas inmigrantes xa están axudando a arranxar o de aquí. Hai máis de dous millóns de persoas estranxeiras afiliadas á Seguridade Social en España, mentres que menos do 1% das persoas beneficiarias das pensións son estranxeiras.

  • "As ONGs con mafias, fórranse traendo inmigrantes"

Por lei, as Entidades non Lucrativas non poden acumular beneficios e operan con alta transparencia. As súas contas anuais son públicas. a súa eficiacia e traballo voluntario aforran cartos ás arcas públicas. Pero o máis importante é que salvan vidas.

Manifestación de apoio aos refuxiados en Alemaña CC-BY-NC Rasande Tyskar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.