"Que non nos toquen a Rosa de Corcoesto"

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

"Se visen como vai quedar todo isto, é imposible que estean a favor; os que están a favor, non están vendo a realidade do que aquí vai pasar". Con esta frase dunha veciña da zona dá comezo o documental Rosa de Corcoesto, un traballo elaborado por Tingalaranga Audiovisual e inserido dentro da plataforma Miríades, unha nova ferramenta de distribución de contidos informativos en alta calidade deseñada para que colectivos cidadáns ou calquera outra fonte informativa poida fornecerse con material multimedia en alta calidade.

O documental chega semanas despois de que a Xunta paralizase o proxecto megamineiro que a multinacional canadense tiña previsto nesta localidade de Cabana de Bergantiños e amosa, tal e como aclaran os seus autores, "a división veciñal ao respecto da mina e o deterioro das relacións pola división  e o comportamento dos políticos da comarca". O traballo fai un repaso pola contestación á iniciativa, así como polo impacto que suporía esta explotación a ceo aberto, contando coas achegas de colectivos a favor e en contra. É, xa que logo, un traballo máis na ampla bagaxe de mobilización, creación e información que supuxo a contestación a esta polémica idea empresarial cuxas ameazas non marcharon de todo.

O documental amosa "a división veciñal e o deterioro das relacións" a respecto das posicións ante a mina

"Non é todo o que pintan os vídeos; a metade das 200 ou 300 persoas que están cos de Mina Non non son de aquí", quéixase un veciño favorable ao proxecto mineiro, ao tempo que se escoita a versión cantada que Xurxo Souto fixo do poema de Eduardo Pondal que dá nome a este documental. "Meniña rapaza nova, oh rosa de corcoesto, cúrame rapaciña destas soidadesque eu teño; queren roubarche as entrañas, deixar o teu ventre aberto, que non nos toquen a Rosa, oh Rosa de Corcoesto", óese.

A obra únese así a outro documental en proxecto (Tesouro de Corcoesto) ou a iniciativas baseadas na fotografía que buscan deitar luz sobre unha megaminería que prevía (e prevé) asentarse na comarca de Bergantiños, pero que tamén ameaza outras partes do país. "Non hai documento no que se vexa que lle pide a Xunta a Edgewater", advirte Fins Eirexas, de Adega, nun documental no que a Plataforma en Defensa de Corcoesto tamén apela á cautela e lembra que en todos os países onde se acabaron deselvonvendo minas como a que quere Edgewater "sempre foi unha pequena empresa a que empezou facendo o traballo sucio".

O traballo únese a outros documentais sobre a contestación social á mina ou proxectos fotográficos

Ademais, Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e un dos grandes impulsores da mobilización cidadá contra a mina, lembra que a Xunta nunca alegou problemas medioambientais nin o rexeitamento social como os motivos para desbotar o proxecto, senón que se baseou en condicionamentos "técnico-económicos". Pero os verdadeiros protagonistas son os veciños, como eses que relatan a súa visita a Asturias para comprobar os efectos dunha megamina semellante á de Corcoesto e que alertan da fuxida dos veciños da quela área. "A mina é boa para eles, pero non para nós", insiste outro, mentres unha rapaza recorda que dos 1.400 empregos prometidos tan só 271 foron publicados oficialmente, aínda que "sen especificar nin a súa duración nin as condicións". "Comparemos e miremos cantos postos de traballo se destruirían directamente", engade outro.

No traballo denúncianse tamén as "actitudes caciquís" dalgúns alcaldes e concelleiros da zona que "se situaron do lado da empresa" e "presionaron os veciños" para facilitarlle o traballo a Edgewater, segundo uns veciños que critican tamén á Xunta nun documental que ve a luz un día despois de que o PP vetase no Parlamento unha iniciativa do BNG apoiada por toda a oposición para reformar a lei da minaría e evitar as "bombas ambientais". Os conservadores obvian os informes científicos e as recomendacións da Eurocámara e aseguran que a na cianuración é "a mellor técnica dispoñible". Ao tempo, cinco concellos da zona téñense situado xa en contra da chegada da mina.

Os 128 quilos de cianuro que consumiría a mina de Corcoesto é un dos perigos dos que advirten os expertos sobter un proxecto a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso e ocuparía 800 hectáreas, que poderían estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos antigos permisos solicitados por Edgewater á Xunta.

Ademais do documental, na plataforma Miríades, creada grazas a unha bolsa do iPRox outorgada polo Colexio de Xornalistas de Galicia e Novagalicia Banco, pódese atopar moita máis documentación sobre a mina. Neste completo traballo colaboraron Xurxo Salgado (coordinación e produción), Manuel Vilas (redacción, fotografía e guión documental), Xosé Bocixa (realización, edición e guión documental),  Ozono Multimedia (deseño e programación) e Miguel Nuñez (fotografía).

Fotograma do documental 'Rosa de Corcoesto' CC-BY Miriades

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.