Que se debe facer nos terreos queimados e que se debe evitar? 8 consellos rápidos

Un grupo de voluntarios e voluntarias traballando nun terreo despois dun incendio © Adega

Unha vez que chegou a chuvia e os incendios comezan a ser menos numerosos, comeza o tempo de facer balance dos danos e tamén de traballar na recuperación dos terreos. O que se faga nestes días e semanas ao paso do lume pode ser tan determinante coma os efectos iniciais das lapas. Á perda de biomasa vexetal e de biodiversidade en xeral pode unirse unha erosión e un empobrecemento xeral do solo e, coas chuvias, o lavado do horizonte superficial arrastrando grandes cantidades de sedimentos e materia orgánica (e da cinza, que pode ser ademais moi prexudicial para as rías e ribeiras). É tempo, pois, de acertar nas decisións sobre o tratamento que se lle dará a cada superficie e ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen de publicar as súas recomendacións.

ADEGA pide evitar "pisotear as zonas queimadas, xa que se aceleraría a erosión"

  • En primeiro lugar, ADEGA fai fincapé en que os labores de restauración hidrolóxico-forestal "deben ser desenvovidos por persoal especializado e seguindo uns estritos protocolos de actuación para evitar causar máis danos, como a compactación por pisoteo, a erosión inducida nas ladeiras, a introdución de especies invasoras ou non procedentes"
  • As intervencións deben tamén axustarse ás características particulares de cada territorio, en particular nos espazos protexidos, nos que deben respostar ás necesidades concretas de conservación establecidas nos correspondentes planos.
  • ADEGA recomenda igualmente reducir ao máximo o uso de maquinaria pesada e "non talar os esqueletes do mato" e "cortar só as árbores de certo tamaño para evitar danos ao solo".
  • Así mesmo, pide deixar os restos forestais sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía. Tamén repartir palla ou virutas (mulching) en zonas sensibles, en zonas con forte pendente, en zonas próximas a cursos de auga... E, finalmente, poñer filtros vexetais (restos de podas, broza,...) preto das canles dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas.

A entidade recomenda deixar os restos forestais sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía

  • ADEGA desaconsella "realizar accións por propia iniciativa e de xeito descoordenado, que poden derramar as boas intencións e causar máis dano ao ambiente e mesmo riscos para as persoas, evitando tamén frustracións". Pola contra, recomenda preguntar aos axentes forestais ou á Consellaría do Medio Rural sobre a normativa vixente en materia de usos dun espazo forestal incendiado.
  • Igualmente, a organización ambientalista pide evitar "pisotear as zonas queimadas, xa que se aceleraría a erosión"
  • Ademais, ADEGA recomenda non "pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e sobre a vexetación".

A SGHN desaconsella "fortemente" o emprego indiscriminado de sementes para cubrir as zonas queimadas

  • Pola súa banda, a SGHN desaconsella "fortemente" o emprego indiscriminado de sementes para cubrir as zonas queimadas. A entidade explica que "é difícil, cando non imposible, atopar sementes autóctonas garantidas tanto na súa orixe (do mesmo lugar de onde se vai sementar) como que se correspondan realmente a especies autóctonas" e sinala que "un mal menor sería empregar cereais, pero deberían ser estériles para que unha vez completado o seu proceso non deixaran pegada". "Na meirande parte dos casos non se sabe realmente o que se vai botar e os posibles efectos perniciosos que no futuro poidan ter: especies vexetais exóticas invasoras. Unha boa intención non ten por qué dar bos resultados", engade.

 

Un grupo de voluntarios e voluntarias traballando nun terreo despois dun incendio © Adega
Terra queimada tras un incendio en Galicia © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.