"Queremos reivindicar o rural que ten vida, un espazo onde sempre houbo sexodiversidade"

María Ferreiro e Ángel Amaro © SLG

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organiza este sábado en Arzúa o Foro LGTBI O rural galego entende. Faite ver, que busca debater colectivamente a situación actual das persoas e comunidades LGTBI que residen no entorno rural ou que teñen relación co campo. O encontro busca amosar a diversidade que existe fóra das cidades e, ao tempo, "desurbanizar a axenda LGTBI" e combater a "ruralfobia latente" dentro e fóra do movemento. O Foro foi presentado en rolda de prensa polo sociólogo e activista LGTBI, Ángel Amaro e pola responsable da Secretaría das Mulleres e membro da Executiva do SLG, María Ferreiro.

"A pesar de que se pretende dar unha imaxe do campo coma un eido retrógrado, atrasado e LGTBIfóbico, existen moitos rurais, e nós queremos reivindicar aquel que ten vida, que ten futuro e que é un espazo onde sempre houbo sexodiversidade"

En primeiro lugar quérese "socializar a idea de que o rural é diverso, xa que no rural sempre houbo diversidade afectivo-sexual", sinalou Amaro. "A pesar de que moita xente pretende dicir o contrario e dar unha imaxe do campo coma un eido retrógrado, atrasado e LGTBIfóbico, existen moitos rurais, e nós queremos reivindicar aquel que ten vida, que ten futuro e que é un espazo onde sempre houbo sexodiversidade", destacou. Ademais, búscase "visibilizar as posibilidades e potencialidades que ten o rural para xerar alianzas e espazos de creación colectiva". "O rural, ademais de ser diverso, dá cancha para desenvolver moitas iniciativas e proxectos de ámbito comunitario", engadiu. Porén, ao tempo, o Foro tentará "desurbanizar a axenda LGTBI e deconstruír a ruralfobia latente dentro e fora do movemento LGTBI", salientou Amaro, que subliñou que "hai diversidade máis alá das cidades, máis alá do barrio de Chueca ou de Madrid e doutras grandes cidades". 

No encontro participarán tanto activistas galegos e galegas, como Ximena González, Natalia Devesa ou as entidades Ultreia LGTBI, Nós Mesmas e o Colectivo Agrocuir da Ulloa (ademais de Amaro e Ferreiro), pero tamén de fóra como Paula Gioia, que vén de Alemaña en representación da Vía Campesina; Nicola Durán, de Cataluña; Isabel Álvarez, do País Valenciano; ou Esti Redondo, de Euskadi.

O Foro quere propiciar o tecido de alianzas estratéxicas entre sindicatos agrarios, colectivos LGTBI e activistas neorrurais, achegando a agroecoloxía, o movemento labrego e o ecoloxismo á axenda LGTBI, construíndo un movemento sexodiverso vinculado ao medioambiente. “Este foro” -concluíu Ángel Amaro- “é unha aposta pola interseccionalidade e pola mestura. En definitiva, unha aposta pola diversidade de activistas, movementos e espazos de creación colectiva e popular. A nosa aposta pasa porque, a partir de aquí, o rural entenda mellor que a xente saia do armario; que lesbianas, gais, trans e bisexuais se fagan visibles tamén no contexto do sindicalismo agrario". "Trátase, en definitiva, de que o propio Sindicato Labrego Galego se abra en canal á cuestión LGTBI e saia tamén do armario”, engadiu.

María Ferreiro destacou que é a primeira vez en Europa que unha organización agraria trata abertamente a cuestión LGTBI, “pois só temos un precedente a nivel global neste senso: o encontro “O MST e a diversidade sexual”, que organizou o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil en agosto de 2015”. Porén, Ferreiro recoñeceu que “a cuestión LGTBI non estivo até agora nas nosas axendas de traballo. Si é certo que xa ten xurdido en debates e experiencias que levamos a cabo, especialmente no ámbito feminista. Por iso, con este foro pretendemos abrir unha fenda de traballo importante para o futuro”.

O Foro tentará "desurbanizar a axenda LGTBI e deconstruír a ruralfobia latente dentro e fora do movemento LGTBI", salientou Amaro

O pasado ano Nova Escola Galega organizou unhas Xornadas sobre coeducación rural e diversidades, coordinadas polo propio Ángel Amaro, que xa avanzaron un chisco nestes debates, dende o ámbito da educación. Daquela, Amaro salientaba en conversa con Praza que "no rural galego sempre houbo sexodiversidade e proxectos de vida non heteronormativos, que foron polas marxes. Hoxe en día o rural está en constante dinamismo e interlocución con outras realidades". De igual xeito, subliñaba a "ruralfobia" existente nos ámbitos urbanos: "As persoas LGTBI que vivimos no rural somos vistas como exóticas, utópicas ou residuais. Ou se nos ignora ou se nos ridiculiza" e criticaba o que denominaba "capitalismo rosa": "Todo xira en torno a Chueca, un ocio determinado e uns tipos de identidades moi determinadas e comercializábeis. Moitas galegas LGTBI do rural non nos sentimos reflectidas nin recoñecidas en prototipos ou estilos de vida concretos que nos negan ou asimilan. Pódese dicir que existe unha invisibilidade dentro da invisibilidade", dicía.

 

María Ferreiro e Ángel Amaro © SLG
Cartel do Foro © SLG
Programa do Foro © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.