"Se a multa a un roubo de 1.800 millóns son 2, seguirán roubando"

Afectados polas preferentes en Vigo CC-BY-SA galizavideos.info

A investigación levada a cabo pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) sobre a venda de preferentes e subordinadas rematou en Galicia coa imposición de catro multas de pouco máis de 2 millóns de euros a Abanca que foron publicadas o pasado sábado no BOE. A loita nos xulgados e na rúa continúa por parte de milleiros de afectados, que ven nesta sanción unha cantidade "ridícula" e un escaso castigo para tal "estafa". 

"En que país do mundo onde se lles rouba millóns de euros a milleiros de persoas non se piden responsabilidade?"

O FROB, nun informe de 2014, cuantificou 116.000 afectados polas preferentes e subordinadas en Galicia por un importe de máis de 1.800 millóns de euros. Segundo os cálculos da Coordinadora Galega de plataformas de afectados por estes produtos, faltan aínda por recuperar uns 200 millóns para unhas 10.000 familias. Parécelles ben unha sanción, pero non entenden que non se depuren responsabilidades. "Ten que haber responsables; en que país do mundo onde se lles rouba millóns de euros a milleiros de persoas non se piden responsabilidades penais nin hai responsabilidades políticas?", di Xulio Vicente, un dos voceiros desta coordinadora no país. 

"Se por un roubo de 1.800 millóns, a entidade agora responsable tan só ten que pagar 2, seguirán roubando... Todos a roubar", engade Xulio Vicente, que lembra que, ademais, en Galicia impuxéronse sancións a ducias de afectados polas súas reivindicacións que acumulan xa uns 25.000 euros. E moitas delas, como o caso simbólico e definitorio da anciá Domitila, foron anuladas pola xustiza. 

Vicente cre que a solución total non chegou aínda, nin moito menos, e lembra que é "un problema dramático, se cadra un dos máis graves acontecidos en Galicia nos últimos 50 anos". Fronte a iso, o FROB e a Xunta prometeron un arranxo definitivo, pero milleiros de familias seguen agardando. Segundo a Coordinadora Galega de plataformas, o erro foi que as institucións "non lle exixisen a devolución do roubado aos novos xestores da entidade", A Abanca, que tamén prometera unha solución. 

As plataformas lembran que a Eurocámara mantén a investigación e preguntará ao Estado se deu unha solución definitiva

A súa esperanza, agora, é Europa. A Eurocámara confirmoulles a pasada semana que a investigación seguirá adiante, polo que pedirá datos ao Goberno español para determinar se incumpriu a normativa e comunitaria e para "saber se todo está solucionado", algo que é evidente que non, segundo as plataformas, pero que no Parlamento comunitario si crían arranxado. "Sorprendeulles a nosa presenza alí de novo porque a súa intención era pechar toda a denuncia e dar o tema por resolto", lembra. 

Aínda así, a maior esperanza, segundo Xulio Vicente, é "un cambio". "Que deixen o goberno os que nos roubaron ou colaboraron para que nos roubasen e cheuen políticos responsables que fagan pagar aos que están levando o Estado español á siuación penosa na que está", di quen aposta por que "todos os que fixeron estas falcatruadas" coas preferentes "sexan levados ante a xustiza". 

Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.