Selva García: "Non quería vir; Galicia seguía a provocarme terror"

Selva García, nunha praza da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

"Tiven ansiedade, paseino mal... Non quería vir porque Galicia provocoume e seguíame a provocar terror; foron moitas historias, moito tempo escoitando todo aquilo que pasaran papá e a súa familia aquí". Selva García, a piques de cumprir 80 anos, pisa a terra do seu proxenitor por primeira vez. É incapaz de conter as bágoas e di que mesmo lle caeu algo de pelo. Cóntao a escasos metros do barrio de onde seu pai fuxiu hai 82 anos, en plena guerra civil, e a poucos máis de onde o fascismo matou tres dos seus tíos e onde hai unha rúa dedicada a todos eles. Farmacéutica e bioquímica arxentina, é filla de Pepín García, un dos irmáns da Lejía, que este sábado serán homenaxeados en Guitiriz.

"Non quería vir porque Galicia provocoume e ségueme a provocar terror; foi moito tempo escoitando todo aquilo que pasara a familia aquí"

 Alí, na vila lucense, Bebel, France e Jaurés, irmáns pequenos de Pepín, foran capturados polos franquistas poucos días despois do golpe de Estado de 1936. Os dous primeiros caeron fusilados no Campo da Rata da Coruña o día 29 de xullo e o pequeno, aínda menor, apareceu morto pouco despois, tras cumprir a maioría de idade, xunto ao cemiterio de Santo Amaro. Militantes e activistas de esquerda, axudaron na defensa da cidade a seu irmán José, secretario xeral e impulsor das Juventudes Socialistas Unificadas e un dos organizadores da resposta popular á rebelión fascista. "Era un líder nato", lembra súa filla. Toda a familia acabara na Coruña tras ser desterrada de Ribadeo polas ideas do pai, que só bautizou a Pepín. "Recibían aulas na casa, cun profesor particular. Meu avó negábase a que foran a colexio ningún porque eran obrigados a cursar Relixión", explica Selva García, que garda nunha impecable memoria as historias que lle contaron. 

Selva García, filla de Pepín, asistirá este domingo á homenaxe aos irmáns da 'Lejía' que se celebra en Guitiriz

"Cada galego que chegaba exiliado ou escapando do franquismo pasaba pola nosa casa de Bos Aires. Fun con meu pai a centos de conferencias e debates en centros republicanos, preguntáballe seguido desde moi pequena e el escribía e contábame historias mentres sentaba na súa perna. Faltáballe a outra e eu preguntáballe por que... Así empezou todo", explica emocionada quen volve agora á Coruña, en parte, a limpar o nome da súa familia.

"Hai quen segue a dicir que eran uns miserables, que non tiñan nada ou que meu pai era un inculto... Nada máis lonxe da realidade", di Selva. Hai dez anos, consultando internet, leu comentarios insultantes cara á súa familia, os da Lejía, coñecidos na Coruña polas súas ideas socialistas e polo negocio co que repartían lixivia pola cidade. "Daquela decidín que non podía deixar as cousas así", explica. E xuntou lembranzas e datos malia que moitos anos antes, sendo aínda unha nena, prometérase ir esquecendo todo o que seu pai lle contara: "Se quería ser unha persoa normal, tiña que pechar todo o anterior". Pero agora non pode. 

"As monxas viñan á porta da casa e berraban: 'Hay que matar la semilla'. Non lles chegaba o que xa fixeran"

Faláranlle dos asasinados, pero tamén de Conchita, Voltaire, Bélgica e Berthelot --nomes que seguían o costume do pai de inspirarse en líderes socialistas--, os catro irmáns que quedaran na Coruña tras a fuxida de seu pai. "As monxas viñan á porta da casa e berraban: 'Hay que matar la semilla'. Non lles chegaba o que xa fixeran", explica. Pepín xa non estaba. Loitou, pero era imposible opoñerse ás forzas fascistas. "Non tiña moi bo recordo de Casares Quiroga... Negouse a armar ao pobo e deixouno vendido. Sempre criticaba aquela fatal decisión", conta. 

En primeiro termo, á esquerda, Pepín García. Detrás, con abrigo, France, marchando ao Goberno civil a pedir armas, en xullo de 1936 na Coruña

"Cargaba no lombo a morte dos seus irmáns"

Logo de semanas entre tellados e casas de amigos que o agochaban naquel verán de 1936, Pepín tinguiu o pelo, simulou unha mudanza e chegou ao porto. Alí, cun compañeiro, secuestrou un barco pesqueiro e chegou a Baiona, en Francia. A salvo por fin, decidiu cruzar a fronteira e unirse ao exército republicano. "Sempre dicía que cargaba no lombo a morte dos seus irmáns e as torturas aos amigos aos que preguntaban o seu paradoiro, que fixera o que tiña que facer", conta Selva.

 Pepín perdeu unha perna na batalla de Brunete; fuxindo a Francia, un bombardeo matoulle a filla pequena

Pepín uniuse ao 4º Batallón Galego da 2ª División e perdeu unha perna na batalla de Brunete. "Viu morrer moitos compañeiros alí", di a filla. Nomeado capitán gobernador (o Capitán Coruña), coñeceu a súa futura muller en Valencia, casou e tivo unha filla. Escapando cara a Francia, o fascismo bombardeou os fuxidos. "Non tiña aínda perna ortopédica e miña nai tiña que montarlle a muleta cada pouco", di. Nun dos ataques, unha estela alcanzou a pequena, que morreu aos poucos días. 

En 1939, embarcou no Winnipeg, o barco que Pablo Neruda puxo a disposición de 2.500 exiliados españois en Francia para trasladalos a Chile. De alí pasou ao Paraguai, onde viviu un tempo e onde naceu Selva. E logo á Arxentina, onde residiu exiliado até 1977. "Choraba moito, moitos días, por todo o que sufrira", conta a filla, que lembra como había un xogo recorrente co que gozaban ela e a súa irmá maior Conchita na capital federal: "Facer as maletas para regresar a España". "Meu pai estaba convencido de que os aliados gañarían a II Guerra Mundial, mercounos unhas maletiñas pequenas e nós faciamos a equipaxe cada pouco esperando o día definitivo". Nunca chegou. 

Pepín regresou só á Coruña en 1977: "Nesta cidade, na infancia e na mocidade, foi no único lugar no que foi plenamente feliz"

Case 40 anos despois, Selva tampouco fixo a maleta. Quedou coa súa irmá, súa nai e toda a familia en Bos Aires. Pepín decidiu volver só á Coruña tras a morte de Franco. Por que o fixo? "Creo que por dúas razóns: a primeira porque quería dar a cara, limpar o seu nome e volver ver os amigos que lle quedaban; e tamén porque nesta cidade, durante a súa infancia e mocidade, foi no único lugar no que foi plenamente feliz", di. "Sempre falaba do Campo da Leña, de cando xogaba alí cos seus amigos e irmáns, aos que quería con loucura", engade. 

     Pepín García, á esquerda, durante a súa estadía no Paraguai; á dereita, Bebel García, coa camiseta do Deportivo da Coruña

Matáronlle tres, todos enterrados nunha fosa en Santo Amaro, baixo moreas de nichos, sen placa nin identificación posible para poder honralos. Selva García sabe o lugar exacto. Contáronllo, pero quere sacar os corpos e darlles unha sepultura digna. Na Coruña ou en Bos Aires, onde un mausoleo leva anos agardando a súa chegada. A querela contra o franquismo iniciada precisamente na Arxentina é unha das opcións que medita para poder logralo. Ademais, xa se puxo en contacto co Concello para colocar nunha praza da cidade o monumento de homenaxe aos da Lejía que mandou facer ao escultor Ramón Conde. "Miña avoa levaba flores vermellas ao cemiterio e os falanxistas cambiábanllas por unhas amarelas. Aínda non sei por que", di. 

Bebel, Frances e Jaurés están enterrados nunha fosa común, baixo moreas de nichos e sen identificación, no cemiterio de Santo Amaro

Alí están os restos de Frances, de Jaurés e tamén de Bebel García, que será honrado o domingo en Guitiriz cun trofeo de fútbol. Era xogador do Deportivo cando foi fusilado. A súa figura, esquecida para a maioría do deportivismo e de moitos máis, ergueuse de novo tras o relato que Eduardo Galeano lle dedicou en Espejos, una historia casi universal, un breve texto no que o autor uruguaio relata o fusilamento deste futbolista coruñés e no que comenta o detalle de que, xusto antes de ser asasinado, mandou deterse ao pelotón de fusilamento para poder mexar ante os seus verdugos e por última vez.

Selva García contoulle a Eduardo Galeano a historia de Bebel que o escritor relatou na súa obra 'Espejos'

"A Coruña, verano de 1936: Bebel García muere fusilado. Bebel es zurdo para jugar y para pensar. En el estadio, se pone la camiseta del Dépor. A la salida del estadio, se pone la camiseta de la Juventud Socialista..." Malia que vellos testemuños falan desa anécdota, Selva di que "ninguén puido saber nunca na familia se foi así". O que si ten claro é por quen soubo o escritor uruguaio a historia de Bebel. "Era amigo meu, eu mesma conteille o que ocorrera, sabía o que pasara coa miña familia e con Bebel, e o resto debeuno investigar el", explica quen compartiu experiencias con actores, literatos, gobernantes. Como seu pai, recoñecida figura entre o exilio republicano na Arxentina, habitual de faladoiros e amigo de importantes persoeiros da cultura e da política. 

Á súa volta á Coruña, en 1977, Pepín foi homenaxeado e recoñecido polo PSOE local. Morreu en 1996 e repousa baixo un monumento aos "defensores da liberdade" en Santo Amaro. "Mantivo o seu carné, pero rexeitou varios cargos honoríficos que lle ofreceron no partido a nivel estatal. Relacionouse cos seus amigos de Izquierda Socialista, pero era moi crítico", explica Selva, que conta como seu pai censuraba que moitos militantes da formación foran anos antes adictos ao réxime fascista ou pertencentes a familias afíns á ditadura. "A Felipe González chamáballe arribista", di. 

"Vivo enfadada co PSOE. Milleiros de asasinados nas cunetas, rúas franquistas o Valle de los Caídos... É todo dunha covardía absoluta"

Selva tamén é crítica. "Vivo enfadada co PSOE. Milleiros de asasinados nas cunetas, rúas franquistas o Valle de los Caídos homenaxeando un ditador... É todo dunha covardía absoluta", quéixase cando fala da falta de reparación e recoñecemento da memoria histórica. Por que ocorre? "Supoño que aínda segue habendo un medo terrible. Se o teño eu e só polo que me contaron, como será o que sentiron aquí", remata. Emocionada. E conta unha última de tantas anécdotas. Entre a múltiple documentación que deixou seu pai, descubriu unha carta dun ex-falanxista, que en nome da filla de Juan Canalejo --"un dos represores que máis acosou e frustrigou os da Lejía", di--, enviáballe un escapulario e pedía axuda para limpar a imaxe do militante fascista, destacado pola súa extrema violencia. Gardaba a misiva e o agasallo. Disque nunca contestou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.