"Toni Cantó: Isto é un tampón"

Cantó publicou este tuit na última semana de decembro © Twitter

En decembro un grupo de alumnas do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira (Pontevedra) decidiu decorar con tampóns unha árbore de nadal para criticar que "á sociedade lle asusta máis o sangue da regra que os asasinatos machistas". A polémica xurdiu cando a Dirección do centro pediu posteriormente a retirada da árbore. Toni Cantó, deputado de Ciudadanos, fíxose eco da situación a través da súa conta de Twitter cun "esto se nos va de las manos" co que parecía cuestionar a iniciativa das alumnas para denunciar o machismo imperante.

A réplica a Cantó vén de chegar a través de youtube da man da cuntiense Baia Fernández que nun divertido vídeo lle di "eu xa sei que a ti e a moita xente non vos gusta ver os tampóns". Lémbralle que o sangue dos tampóns que decoraban a árbore do CIFP A Xunqueira "era pintura" pero bubliña que "se non houbese ese sangue ti non nacías". "Para dicir esas cousas éche mellor estar calado", engade.

Non é a primeira mensaxe que Fernández lle dedica a Toni Cantó. O pasado mes de setembro respondeu nun vídeo que xa supera as 12.600 visualización ás declaracións do deputado de Ciudadanos nas que afirmaba que "é un feito que o castelán desapareu de Galicia". "Dáme vergonza terche que explicar isto, pero se estás pedindo que os funcionarios veñan a Galicia sen saber falar galego e estás dicindo que ninguén sabe falar o castelán en Galicia, entón como se van a entender coa xente?".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.