Tres de cada catro membros da carreira xudicial menores de 45 anos en Galicia son mulleres

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

As xuízas son maioría en Galicia, ampla maioría mesmo. O 57% das maxistradas e maxistrados en activo na nosa comunidade son mulleres e o proceso de feminización das prazas da maxistratura semella que se intensificará nos vindeiros anos, observando a actual pirámide de idade dos xuíces e xuízas galegas, na que os homes tan só son máis entre aqueles que están preto xa da súa xubilación. Iso si, en órganos coma o TSXG, os xulgados do contencioso-administrativo ou as audiencias provinciais segue a haber dominio masculino. Son os datos que ofrece o Informe sobre a estrutura da carreira xudicial, presentado este mércores polo Consejo General del Poder Judicial.

Galicia é, de feito, unha das comunidades con maior predominio de mulleres nas prazas de xuíza, superando amplamente a media española (52,4%) e só por detrás do País Vasco (60,2%) e La Rioja (57,5%). A finais do 2013, por vez primeira, España tivo máis mulleres que homes nestes postos. Analizando os datos polo miúdo, vemos como por debaixo dos 45 anos xa atopamos 3 xuízas por cada maxistrado varón (74% de mulleres). Só a partir dos 55 anos os homes son maioría, duplicando o número de mulleres na franxa de idade entre 61 e 70 anos.

Outro elemento que chama a atención é que as mulleres son clara maioría na maioría dos órganos xudiciais unipersoais (xulgados de primeira instancia e instrución, xulgados do social, xulgados do penal, xulgados de menores...). Os homes dominan, iso si, nos xulgados do contencioso administrativo. A situación é inversa nos órganos colexiados, onde se mantén de momento o predominio masculino: no TSXG o seu número duplica ao das mulleres, e algo semellante sucede nas audiencias provinciais. E, a nivel estatal, sucede o mesmo na a Audiencia Nacional e no Tribunal Supremo, onde o 86% dos maxistrados son varóns.

 

Edificio dos xulgados en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.