Un novo impulso á querela contra o franquismo desde a Arxentina para seguir o ronsel de Darío Rivas

Familiares, vítimas do franquismo e representantes políticos, en Bos Aires © Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina

A xuíza arxentina María Servini, que dirixe a única causa no mundo na que se investigan os crimes do franquismo en España, recibiu este mércores en Bos Aires unha delegación de familiares de vítimas, novos querelantes e políticos do Estado que empurran no avance da causa impulsada polo galego Darío Rivas, falecido hai tan só unhas semanas

A querela engade agora o caso dun home falecido en Pamplona en 1978 tras unha agresión policial, o primeiro dun crime cometido polo franquismo durante a Transición

A comitiva --na que se inclúe a ata o 2 de xullo eurodeputada e candidata do BNG ao Parlamento Europeo nos últimos comicios, Ana Miranda-- reuniuse coa maxistrada que leva o caso atrancado por diferentes decisións do Goberno español e ao que se acaba de engadir a querela presentada por Fermín Rodríguez, irmán do mozo Germán, que morreu en Pamplona, nas festa de San Fermín de 1978, logo dunha brutal agresión policial. A súa declaración ante Servini é o primeiro testemuño recollido dun afectado por crimes cometidos polo réxime durante a Transición, un feito que podería darlle un novo pulo á causa, sumar novas ordes de detención e mesmo solicitudes de extradición desde a Arxentina. 

Na xuntanza estaba presente tamén o fiscal do caso, Ramiro González, que atendeu un grupo que incorporou novas declaracións e pediu a imputación de dez persoas máis. Son dous funcionarios e oito axentes de policía que terían, presuntamente, participado na forte represión que naquel xullo de 1978 se produciu na capital navarra. A denuncia conta tamén co testemuño de sete vítimas e dúas asociacións. 

Ana Miranda, coa xuíza María Servini CC-BY-NC-SA BNG

En nove anos de investigación, son xa 500 as querelas individuais e colectivas incorporadas á causa e con declaracións de milleiros de persoas e indagacións que seguen o principio de xustiza universal. 

“A fin da impunidade dos responsables dos crimes cometidos nas ditaduras é unha conta pendente das democracias coas vítimas e non deixaremos de traballar para conseguilo”, di Ana Miranda, que asegura que seguirá a ser “a voz antifascista galega na Eurocámara”. "Trátase dunha reunión institucional e social para explicarlle á xuíza Servini o clamor social que hai no Estado español sobre este tema, que dalgunha maenira tamén é un apoio á súa xestióna. Necesitámonos mutuamente", engadiu. 

“A fin da impunidade dos responsables dos crimes das ditaduras é unha conta pendente das democracias coas vítimas e non deixaremos de traballar para conseguilo”, di Ana Miranda

Un día antes da xuntanza coa xuíza, familiares, vítimas, agrupacións e representantes políticos analizaron os avances na querela na sede da Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina (FAGA). Nela, onde estaba presente Nora Cortiñas, cofundadora das Madres de Plaza de Mayo. manifestouse o interese de impulsar novas accións a partir de setembro, cando está prevista que o ex-ministro franquista Rodolfo Martín Villa chegue á capital bonaerense. 

Darío Rivas e Paco Lores

“O franquismo post-Franco continúa nas institucións que non tiveron a ousadía de dar un paso cara adiante”, dixo Ana Miranda, que cre fundamental verbalizar os crimes para que organismos internacionales se decaten e mobilicen para ilegalizar entidades como a Fundación Franco, “que segue a facer apoloxía do franquismo”. 

O acto serviu tamén para lembrar figuras claves da querela xa falecidas, como o avogado Carlos Slepoy ou os galegos Darío Rivas ou Paco Lores, ex-presidente da FAGA, que apoiou o proceso desde o inicio como querelante. 

Darío Rivas, falecido o pasado mes de abril, foi quen o 14 de abril de 2010, acompañado de Inés García –outra muller con familiares represaliados-- presentou ante a xustiza arxentina unha querela por xenocidio e crimes de lesa humanidade contra a ditadura e ante a nulidade e falta de progreso das causas abertas contra o franquismo en España. Foi cinco anos despois de poder sacar a seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado por falanxistas en 1936, dunha fosa común para darlle sepultura. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.