Unha ducia de entidades piden unha RISGA "suficiente" para resolver as necesidades básicas

Imaxe da campaña Dominio Público Fagamos da Risga un Dereito

Este luns presentouse nas sedes da Xunta en Vigo, A Coruña e Compostela a campaña Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito, impulsada por unha ducia de entidades sociais e formacións políticas para reclamar un incremento da actual contía da renda de inclusión social (pouco máis de 403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil", sen "burocratizacións innecesarias". O inicio da campaña coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, este luns, e sobre todo coa inminente aprobación do decreto que regulará a RISGA, que chegará con máis de catro anos de atraso con respecto á data prevista pola lei para a súa entrada en vigor.

Reclaman un incremento da actual contía da renda de inclusión social (403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil"

A campaña, presentada de forma simultánea con tres roldas de prensa, conta dende hai meses co impulsode Foro Galego de Inmigración, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos, Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela e Coordenadora de Crentes Galegos. Ademais, está apoiada por Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea, PSdG-PSOE e polo sindicato CUT.

Estas entidades, que levaron a cabo esta mañá un reparto de folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, realizarán ademais unha campaña de difusión nas Redes Sociais, e tamén manterán contactos cos concellos das principais urbes de Galicia. Así mesmo, en xaneiro organizarán charlas informativas abertas á cidadanía nas meirandes cidades, con participación "dunha profesional cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da campaña". En todo caso, indican que a previsión da aprobación definitiva do Decreto da RISGA por parte da Xunta entre finais do presente ano 2018 e comezos do 2019 "determinará as vindeiras actividades da campaña", que busca "presentar ao conxunto da sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdadeiro dereito para o conxunto da cidadanía".

Presentación da campaña en Vigo CC-BY-SA ODS Coia

Denuncian "a clara insuficiencia da última proposta" presentada pola Xunta e reclaman que a renda de inclusión sexa "un dereito cidadán" e non "un subsidio condicionado". "Fronte ás políticas de recortes e privatización dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…) reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de empobrecemento xeneralizados", subliñan. "Defendemos un sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen condicións subxectivas", engaden.

"Non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna coa prestación actual"

En concreto, demandan un incremento da súa actual contía (403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil", sen "burocratizacións innecesarias", co obxecto de que "cumpra o seu cometido na maior brevidade posible" pois "as necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses". "Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna coa prestación actual", conclúen.

O número de persoas perceptoras da RISGA nas cidades galegas aumentou un 66% dende o 2012. No conxunto de Galicia, das 4.178 familias que se beneficiaban desta axuda en 2007 pasouse a 6.718 en 2012 e a 10.761 en 2016, ano no que se acadou un máximo histórico. As sete grandes cidades suman 5.877 familias con RISGA, máis da metade do total

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.