Unha masiva marcha pola sanidade pública en Verín di "non somos números, somos persoas"

Unha das faixas empregadas na marcha © CIG

Centos de persoas -3000 segundo a organización- participaron este sábado na manifestación convocada en Verín en defensa da sanidade pública e contra o "desmantelamento" do hospital comarcal. De fondo estaba a aprobación esta semana da reforma da Lei de Saúde, que o PP votou en solitario, cunha forte oposición de partidos, sindicatos e cidadanía, sobre todo nas suprimidas áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco.

A masiva participación na marcha superou as expectativas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca de Monterrei. Nun comezo estaba prevista a conformación dunha ringleira entre o Hospital de Verín e a Praza Maior "para simular as nosas esperas". A ringleira conformouse, pero en forma de riada de xente, que malia a chuvia que nalgúns momentos caía camiñou unida ata a Praza Maior, onde foi lido un manifesto.

Na manifestación participaron representantes de PSdeG-PSOE, BNG e En Marea, e tamén do Goberno municipal de Verín, que apoiaba a marcha.

Nos días previos o PSdeG-PSOE sinalou que “é hora de demostrar con forza que o PP que non pode xogar coa saúde das persoas”. “É urxente darlle a volta a este carrusel de recortes e desmantelamentos do sistema público, para recuperar e potenciar un dos mellores sistemas sanitarios do mundo”, engadiu, concluíndo que “debemos saír todos e todas ás rúas, tantas veces como sexa preciso, para reclamar unha sanidade pública digna e de calidade na comarca de Monterrei e en toda a provincia”.

 

A organización cifra en 3.000 os e as participantes na manifestación © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.