Unha morea de actos para reivindicar a muller en Galicia

Martiño Noriega le o manifesto polo Día Internacional das Mulleres Dominio Público Concello de Santiago

Xunta, concellos, universidades, sindicatos e movementos feministas conmemoran o Día Internacional das Mulleres con numerosos actos en Galicia. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado por outros membros do Executivo será quen presida o acto institucional baixo o lema Con mulleres hai Galicia, hai ilusión, hai tenacidade, hai ideas, hai capacidade, hai identidade, hai paixón. No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a partir deste mediodía.

A Marcha Mundial das Mulleres convoca tres marchas en Galicia este 8 de marzo e a Plataforma Feminista celebra un pasarrúas en Compostela

Na rúa, a Marcha Mundial das Mulleres convoca tres manifestacións por este 8 de marzo. Ás 19 horas na praza do Inferniño de Ferrol e ás 20 horas en Ourense e en Vigo, a primeira delas desde a Alameda e a segunda desde a praza de Portugal. Ademais, e tras a marcha celebrada o pasado domingo en Compostela, a Plataforma Feminista Galega celebrará un pasarrúas na capital galega a partir das 20.30 horas desde a Porta do Camiño e que rematará arredor das 22 horas no Pub A Medusa. Vestidas de cor lila, con instrumentos e pancartas individuais, volverán conmemorar o Día Internacional das Mulleres. 

Pola súa banda, a Secretaría da Muller da CIG convoca concentracións simultáneas, ás 12 horas, en todas as ciudades agás Ourense, onde será ás 11:30 horas, baixo o lema Precarias para denunciar "o enorme deterioro das condicións laborais das mulleres en Galiza, o incremento das desigualdades e os recortes sociais". As mobilizacións celébranse na praza de Lugo, na esquina de Zara Home na Coruña; diante da Confederación de Empresarios en Ferrol; diante do Zara da praza de Galicia en Santiago; ante o Stradivarius na avenida de Urzaiz en Vigo; e ante a Confederación de Empredarios, en Santo Domingo, en Lugo. En Ourense, media hora antes, a convocatoria é diante do Gadis da rúa do Concello. 

A CIG mobilizase nas sete cidades galegas baixo o lema 'Precarias' e ante empresas como Gadis e Inditex

En canto ás principais cidades galegas, moitas delas levan xa días conmemorando o Día Internacional das Mulleres con numerosos actos e son tamén varias as xornadas nas que continuarán os actos reivindicativos. En Santiago, onte izouse no Concello unha bandeira feminista e impulsouse a marca Compostela, Territorio das Mulleres pola que se creou un mapa que servirá para, "por unha banda, poñer en valor os lugares e espazos que teñen relevancia no relato histórico das mulleres da cidade e, por outra, apoiar e promover aos axentes sociais e económicos que están apostando por medidas que faciliten a vida das mulleres". 

Ademais, hoxe mesmo ábrese o prazo de convocatoria do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela, entre outras iniciativas. 

A Coruña e Compostela levan a cabo varios actos desde hai varios días e durante esta semana

Na Coruña, levaranse a cabo tamén varios actos. O primeiro deles, a gravación e edición colectiva do vídeo Abaixo os muros patriarcais, organizado pola Concellería de Igualdade, unha quedada de mulleres moteiras, unha visita guiada á Casa Museo de Belas Artes centrada nas mulleres, a proxección do documental Muller(es)Muller, obradoiros para nenos ou a actividade A-ténde-T, que durante días fomenta a mobilización, participación e reflexión das mulleres coruñesas sobre a consecución dos seus dereitos. Tamén se celebrará a I Xornada Deportiva e Día Internacional das Mulleres, con portas abertas para elas nos pavillóns deportivos e clubes da cidade. 

En Vigo, pola súa banda, o Museo Liste acollera a charla Muller na sociedade: a defensa do patriarcado na ciencia médica (1850-1940) ofrecida pola historiadora Silvia Cernadas Martínez. Ademais, desde o pasado luns, Bouzas volve contarcoa Rúa das Reyes, Heroínas da Reconquista de Vigo, en recoñecemento ás irmás Josefa e Aurora Reyes e coa que o goberno local "repara o erro histórico cometido polo franquismo ao traducir o seu nome orixinal por Rúa dos Reis. No mesmo día, o alcalde Abel Caballero e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentaron Cinema e Muller, unha proposta multidisciplinar que procura dar visibilidade á creación artística e cinematográfica das mulleres a través de proxeccións, charlas e dunha película colaborativa conformada por dez microcurtas dirixidas por cineastas.

Na cidade de Lugo, como noutras moitas urbes, ás 12 do mediodía lerase o manifesto polo Día Internacional das Mulleres na praza Maior, xusto antes de que no Concello se dea entrega dos premios Entre Mulleres e de que se presente o documental As irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega. En Ferrol, tras a lectura do manifesto actuará o grupo Intermezzo e ás 12.30 horas presentarse a portada da revista Enredadas, realizada dende a Concellería de Muller e redactada por asociacións e mulleres que se integraron no denominado Consello de Redacción. Á mesma hora, inaugurarase a Exposición de Carteis do 8 de marzo, no que se amosarán todas as propostas que se presentaon ao concurso, que finalmente tivo como gañadora a Celtia Mira Esteiro.

Curtametraxes, filmes, recitais poéticos e exposiciónns fotográficas completan unha axenda completa polo Día Interncional da Muller

Ás 18 horas, a Casa da Muller acollerá a presentación do libro Machismos: de micro nada, unha obra colectiva coordinada polo grupo de traballo Fiadeiras, do Colexio de educadoras sociais de Galicia, coa presencia da educadora social Tania Merelas.

En Pontevedra, os actos dentro de Crea 8 de marzo, organizados pola Concellaría de Igualdade, inclúen a exposición As conquistas do feminismo na praza da Audiencia. No Teatro Principal levarase a cabo a proxección da curta Vés ou non ves? e posterior coloquio cos e coas protagonistas (19.30 horas). Logo, tres cuartos de hora máis arde, será a quenda de Una mujer en África a cargo do Cine Club.

No salón de actos do Centro Sur proxectarase Loitadoras (20 horas), no mesmo espazo onde se sitúa a exposición A muller no século XX, da Asociación de veciños Salcedo Norte. A través de 12 carteis, fará un percorrido por algúns dos vellos oficios, a maior parte deles esquecidos na actualidade, desenvolvidos pola muller galega na primeira metade do século XX.

En Ourense, o Círculo Poético organiza o recital En Feminino, ás 20 horas no Centro Cívico, con María de la Paz, Carmen Ropero e María González. O acto institucional levarase a cabo no salón de plenos ás 12.15 horas e a Universidade de Vigo, no seu campos da cidade, entrega ás 11.30 o IV Premio do Compromiso coa Igualdade co gallo do Día Internacional da Muller.  Na Universidade de Santiago de Compostela o acto conmemorativo terá lugar ás 17 hora no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, 

Martiño Noriega le o manifesto polo Día Internacional das Mulleres Dominio Público Concello de Santiago
Rocío Fraga, concelleira de Igualdade da Coruña, presenta os actos polo 8 de marzo © Concello da Coruña
Exposición en Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.