Varios concellos alegan contra o novo proxecto megamineiro na Costa da Morte

Área afectada polo permiso de investigación en Zas © Salvemos Cabana

Os Concellos de Zas e de Vimianzo presentaron xa as súas alegacións contra a solicitude de exploración Isabela II, paso previo do novo proxecto megamineiro que ameaza a Costa da Morte e que pretende buscar ouro sobre máis de 4.300 hectáreas nestes dous municipios, pero tamén en Santa Comba e Coristanco.

O alcalde de Zas anunciou as alegacións logo dunha xuntanza con veciños e colectivos para explicar o proxecto megamineiro

Na pasada fin de semana, o alcalde de Zas, Manuel Muíño (BNG), mantivo unha xuntanza con veciños e representantes de diverso colectivos veciñais, culturais e ambientais na que se xuntaron arredor dun cento de persoas. Malia que advertiu que tan só hai aprobado un estudo dos terreos e que iso non supón aínda o comezo de traball ningún, o rexedor tamén anunciou que desde a administración local presentaranse alegacións en contra de Isabela II. Ao tempo, animou os cidadáns a presentar, se así o quixeran, as súas alegacións e ofreceulles asesoramento municipal. 

O prazo de alegacións ante esta solicitude de exploración admitida pola Xunta remata este venres 19 de febreiro e 17 organizacións ambientalistas de toda Galicia xa se uniran advertindo dos perigos da megaminería e animando a cidadanía afectada a alegar. 

O Concello de Vimianzo, gobernado polo Bloque, tamén vén de presentar as súas alegacións -ademais de plataformas como Salvemos Cabana- ao permiso de investigación dunha empresa construtora con base en Madrid mentres que desde Coristanco tamén se anunciara que presentarían as súas. Malia todo, a superficie afectada nestes dous municipios é mínima se a comparamos coa de Zas, afectada na súa maioría polo proxecto.

Vimianzo tamén presentou alegacións, ademais de colectivos como Salvemos Cabana

Isabela II só unha das fases da iniciativa do Grupo M-FM 2001, coa que pretende dar continuidade ás exploracións levadas a cabo hai xa anos coa concesión Isabel nº 6570.1 e que continuarán con outro permiso -Livia, solicitado e tramitándose- co que se poderían explorar outras 4.500 hectáreas máis na mesma zona. Son, como recoñecen, parte dun plan máis amplo denominado "Proxecto Zas-Santa Comba".

Tal e como advirte a plataforma Salvemos Cabana, e como se pode comprobar na documentación do proxecto entregada á Xunta á que tivo acceso Praza, M-FM 2001 calcula un orzamento de algo máis de 548.000 euros tan só para un período de investigación de tres anos do permiso Isabela II. Nel inclúese a realización de 34 sondaxes directas, cen catas e innumerables rozas na procura principalmente de ouro. E saben que o hai e que, aínda en pequenas cantidades, podería ser moi aproveitable ao prever nalgunhas zonas filóns de ata "5 gramos de ouro por tonelada", case o triplo da cantidade media que Edgewater prevía en Corcoesto.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.