Verdegaia denuncia que a Illa de Ons está a recibir o dobre de visitantes dos permitidos

Illa de Ons dende San Vicente do Mar CC-BY-SA Lmbuga

O verán pasado foi noticia a saturación de visitantes nas Illas Cíes. Catro navieiras foron denunciadas, detectándose vendas irregulares de billetes e comprobándose que algúns días o número de viaxeiros excedía en 4.000 persoas o límite fixado (2.200 visitantes máis 800 campistas). Grupos ecoloxistas xa advertiran ante a Xunta en 2014 dos perigos derivado do exceso de visitantes nas Cíes, que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e que hai uns meses entraron na lista de aspirantes a Patrimonio da Humanidade

Verdegaia denuncia que varias navieiras estarían a desviar un gran número de viaxeiros ás Ons para evitar superar nas Cíes ese máximo fixado de 2.200 persoas diarias

Gran parte do problema radicaba na falta de aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional (PRUX), un documento esencial para o correcto funcionamento e protección deste espazo, e que permanece conxelado dende o ano 2011 e que acumula case 15 anos de atraso, pois tiña que estar en vigor dende o 3 de xullo de 2003. O pasado mes de marzo o DOG publicou o inicio do proceso de información pública do Plan Reitor. O Goberno galego "prevía" nese momento que o Plan Reitor "poida ir ao Consello da Xunta para a súa aprobación como Decreto no último trimestre do ano". Tarde polo tanto para a súa aplicación neste verán.

A polémica do pasado mes de agosto semella ter conseguido mellorar os controis nas pasaxes dirixidas ás Illas Cíes, cun máximo que quedará fixado no PRUX en 2.800 persoas (2.200 viaxeiros/as nos barcos dende o continente e 600 como máximo no camping). Porén, isto semella ter xerado un novo problema, desta volta na Illa de Ons, que estaría a sufrir a mesma saturación que as Cíes no pasado. O mesmo problema, simplemente cambiado de sitio. 

Verdegaia denuncia que varias navieiras estarían a desviar un gran número de viaxeiros ás Ons para evitar superar nas Cíes ese máximo fixado de 2.200 persoas diarias. Algún días Ons estaría recibindo ata 4.000 visitantes, máis do dobre do límite fixado no PRUX (1.800), sinala a entidade.

Algún días Ons estaría recibindo ata 4.000 visitantes, máis do dobre do límite fixado no PRUX (1.800)

A entidade ecoloxista advirte de que este exceso é inasumible por esa illa, onde un estudo da Xunta fixa unha capacidade de carga ecolóxica das súas praias en 896 persoas/día. E advirte que "a maior parte dos visitantes desta illa durante o verán concéntranse nos areais".Verdegaia recomenda polo tanto a redución do actual máximo diario de visitantes proxectado no futuro PRUX ata unhas 1.200 persoas "de cara a garantir a debida conservación dos valores ambientais" da Illa de Ons, unha demanda que a entidade xa realizou a pasada primavera a través das alegacións presentadas ao Plan Reitor.

A asociación responsabiliza do que está a suceder á non aprobación do Plan Reitor, "que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar, coas consecuencias nefastas que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas". "O control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido. Calquera outra solución que non contemple a aprobación deste documento é insuficiente", subliña.

A asociación responsabiliza do que está a suceder á non aprobación do Plan Reitor do Parque Nacional, que acumula 15 anos de atrasos

"A regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque Nacional", lembra a asociación, que conclúe que "só a neglixencia máis absoluta pode explicar que a estas alturas aínda careza dun plano que regule a súa xestión".

 

Buraco do Inferno, na Illa de Ons CC-BY-SA Miguel
Peirao de Ons Dominio Público Txo
Praia na Illa de Ons CC-BY-SA Andy Roberts

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.